É a única muller alcaldesa dunha das sete grandes cidades galegas e aspira repetir mandato cun modelo de cidade que pretende facer de Lugo o “Vancouver verde” de España para crear "orgullo de lucensismo". Un modelo, di, “que xa o está copiando a oposición” e no que recoñece o traballo de Orozco na primeira gran transformación da cidade. Asegura que non ten problemas en tenderlle a man a outros partidos da esquerda para gobernar xuntos, pero non sentaría nunca con Vox a falar. “Iso xa o fai o PP e Ciudadanos”, asegura. Como nai lamenta que o traballo absorvente no concello lle impida conciliar e poder estar máis coa súa filla. “É un prezo duro que temos que pagar se queremos, precisamente, mellorar a conciliación na vida pública”, asegura.