Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2025 | Actualizada ás 14:14
O caso Alfonso Villares segue perseguindo ao Goberno galego. A oposición inisiste en que o presidente galego e o seu partido condenen a violencia machista e, sobre todo, expliquen por que se respaldou a un ex conselleiro acusado de agresión sexual. Este luns, tanto o BNG, coma o PSdeG, volveron pedir responsabidades a Alfonso Rueda, mentres que este inistía no seu compromiso "irrenunciable" en erradicar a "lacra" da violencia machista.
"Non hai ningunha dúbida da miña responsabilidade na loita contra a violencia machista, sempre a denunciei e a acusei", dixo tras ser preguntado polas peticións de comparecencia de nacionalistas e socialistas. "Nós seguiremos traballando, como sempre fixemos, en erradicar esta lacra", destacaba ao tempo que eludía poñer en marcha un comité de crise como pedía este luns o BNG.
BNG
Neste sentido, era a deputada do BNG e portavoz de Feminismo do BNG, Noa Presas, a que propuña a creación dun comité de crise ante a “situación de emerxencia” por violencia machista que se está a vivir en Galicia, cun novo asasinato dunha muller de 49 anos na Coruña que sería, de confirmarse, o terceiro feminicidio no que vai de ano no país. “Non podemos permanecer indiferentes” ante o que está sucedendo, advertiu a deputada que, diante desta “situación absolutamente excepcional” e tras os “trece días de infamia” do ‘caso Villares’, emprazou o PP a aclarar “se está do lado das mulleres e contra a violencia machista ou se é cómplice e parte do problema”.
Presas comezou lembrando os feminicidios de Josefa Fariñas no Bolo, en abril, e de Marisol Costa, en Moaña, a finais de maio, para destacar a continuación que en menos de quince días houbo en Galiza dous asasinatos machistas e varios intentos de feminicidio: o 20 de maio unha muller de 35 anos tirábase pola fiestra dun cuarto piso no Barco fuxindo do seu maltratador, ese mesmo día pola noite foi detido un home de 45 anos en Tomiño por presuntamente intentar matar a súa ex muller e a súa filla incendiando a casa, e o 22 de maio, un home de 36 anos disparaba sete veces á súa parella en Verín.
A deputada do BNG urxiu ás institucións a actuar de maneira inmediata. “É fundamental para enviar unha mensaxe clara á sociedade de tolerancia cero coa violencia machista, de normalización cero dos feminicidios, de que a violencia machista é un problema público e de toda a sociedade”, recalcou. É por iso que a deputada nacionalista insistiu en reclamarlle ao PP unha rectificación na súa “actuación cómplice” no ‘caso Villares’, tras “trece días de infamia” —afirmou— sen unha soa palabra de solidariedade coa vítima nin de Rueda nin da consellleira de Igualdade nin de ningún outro membro do Goberno galego.
Presas subliñou que o BNG xa rexistrou no Parlamento unha nova petición de comparecencia de Rueda que, criticou, leva estes trece días de infamia “parapetada en que xa deu dous ou tres canutazos”, pero que aínda ten dar explicacións, entre outras cuestión, sobre quen filtrou a identidade da vítima “revitimizándoa e violando a súa intimidade”, ou sobre o uso de medios públicos da Xunta para facer de “xuíz e parte” proclamada a inocencia do ex conselleiro.
PSdeG
Previamente, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, censurou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "reparta bicos, abrazos e protección" ao exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, investigado por agresión sexual mentres "en Galicia se presenta unha denuncia cada tres días". Nunha rolda de prensa ofrecida este luns acompañada por diferentes representantes socialistas, como a secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, Lara Méndez censurou que Rueda "siga sen dar explicacións" e insistiu en que debe asumir responsabilidades políticas ante un caso que "non pode quedar pechado nin minimizarse".
Ao mesmo tempo, lembrou que, en Galicia, "cada día máis de 20 mulleres presentan denuncias por violencia de xénero, e cada tres días hai unha nova denuncia por agresión sexual". De feito, iniciou a súa intervención lembrado á muller asasinada este domingo na Coruña. Neste contexto, censurou que o presidente da Xunta "reparta bicos, abrazos e protección política a un conselleiro denunciado por agresión sexual" e advertiu que a mensaxe que Rueda manda ás vítimas é "demoledora" porque "fai ver que o poder está para protexer aos seus e non ás vítimas". "Un presidente que abraza a un conselleiro denunciado por agresión sexual queda politicamente inhabilitado", afirmou.
Para Méndez, o caso Villares non rematou co que foi "unha decisión forzada". "A gravísima xestión por parte de Rueda non foi un erro puntual, senón que se tratou dun comportamento sostido no tempo, dado que se coñecía a existencia da denuncia desde febreiro", sinalou. "Durante meses optou polo silencio e a inacción, e só cando Villares foi chamado polo Tribunal Superior de Xustiza produciuse a dimisión, e mesmo nese momento, Rueda preferiu os abrazos e os eloxios públicos ao conselleiro", repasou.
Todo o anterior mostra, segundo indicou, unha actitude "do encubridor, non de presidente responsable", ademais de que "se tratou dunha dimisión forzada". Así, sostivo que "non foi froito dunha decisión política dunha asunción de responsabilidade, senón que foi un movemento obrigado polos feitos". A secretaria de Organización asegurou que o Partido Socialista "non dá o caso por pechado" e, por tanto, seguirá presentando iniciativas no Parlamento en relación con el.
"Xa rexistramos varias iniciativas solicitando comparecencias e esixindo transparencia, porque queremos saber cando Rueda tivo coñecemento da denuncia, por que se decidiu non informar, por que mantivo a Villares no cargo e se existiron instrucións políticas para soster a situación", detallou para incidir en que o PSdeG "non parará ata que dea todas as explicacións que lle debe á cidadanía galega, porque o silencio e a protección política non pode ser a resposta ante unha denuncia tan grave".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.