A Xunta pide por carta á ministra de Vivenda unha reunión

No escrito lembra que o presidente propuxo ás comunidades autónomas triplicar o investimento en vivenda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2025 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, dirixiu unha carta á ministra do ramo, Isabel Rodríguez, na que lle pide unha reunión e información detallada sobre a proposta enunciada polo presidente estatal, Pedro Sánchez, en relación a incrementar o financiamento para o impulso da vivenda.

Na carta, Martínez Allegue lembra á ministra que en días previos á Conferencia de Presidentes celebrada en Barcelona o 6 de xuño, Sánchez dirixiu unha carta aos mandatarios das comunidades propoñendo triplicar o investimento en vivenda do plan estatal 2022-2025 ata chegar aos 7.000 millóns para toda España cunha achega do 40% por parte das propias autonomías.

Na misiva, a Xunta subliña que ten comprometida "a totalidade" dos fondos europeos transferidos para a construción de vivendas públicas e continúa construíndo novas vivendas "con fondos exclusivamente autonómicos". Por outra banda, agrega que xa se adoptaron unha serie de medidas lexislativas "orientadas á axilización de procedementos e a garantir a cualificación permanente das vivendas de promoción pública construídas pola Xunta e as de promoción privada que se constrúan en chan público".

"É evidente o interese da Xunta de Galicia tanto en dispor de máis fondos para continuar construíndo vivenda de promoción pública, o que nos permitirá incrementar o seu número, como en dispor de cofinanciamento para aplicar aos diferentes programas de axudas ou de desenvolvemento de chan residencial que está a impulsar", esgrime. Por ese motivo, aproveita a carta para solicitar "información detallada" sobre a proposta realizada polo presidente do Goberno, co obxectivo de "estudala en detalle". Así mesmo, a conselleira demanda unha reunión á ministra co fin de poder analizar a proposta e as posibilidades de aplicación da mesma en Galicia.

Rolda de prensa da conselleira de Vivenda, María M. Allegue, e o responsable do IGVS, Heriberto García. XUNTA
Rolda de prensa da conselleira de Vivenda, María M. Allegue, e o responsable do IGVS, Heriberto García. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta