A oposición critica a tardanza da valedora en dimitir e apunta ás responsabilidades do PP

O Grupo Parlamentario de En Marea acusa ao PPdeG de "convivir coa corrupción". O Grupo Mixto tacha a Milagros Otero de "colocadora do PP". Pontón (BNG), pola súa banda, insta a PP e PSOE a "non repetir erros" e que o Valedor do Pobo sexa elixido "por amplo consenso". O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apuntou que "a caída" de Milagros Otero "é a vitoria da presión pola rexeneración fronte ao enchufismo que Feijóo amparou". Para a viceportavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia, Paula Prado, "é unha decisión que lle honra".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2019 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do Grupo Mixto, Luís Villares, cualificou de "colocadora dos seus amigos e do PP" á xa exvaledora do Pobo, Milagros Otero, cuxa renuncia ao cargo "chega moi tarde" para o maxistrado lucense porque se produce case catro meses despois de que o Tribunal Supremo ratificase a nulidade do nomeamento dentro da institución da sobriña de Manuel Fraga e irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy.

Nun comunicado remitido aos medios minutos despois de coñecerse a renuncia de Otero, o tamén líder de En Marea partido afirma que o caso da valedora "revelou quen era" o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Así, tras pór o acento en que a sentenza do TSXG constantou que Milagros Otero actuou como "colocadora" para "facer favores" ao PP, Villares instou aos grupos da Cámara galega a iniciar un proceso de "diálogo" para buscar un nome de "consenso" que substitúa á valedora á fronte da institución.

"Chamo a atención sobre todo a que o Partido Socialista non teña a tentación de pactar unilateralmente co PP como consecuencia dun pacto a dous, que xa viron na renovación da CRTVG que saíu mal", apuntou o maxistrado en excedencia.

O portavoz de En Marea e portavoz parlamentario do Grupo Mixto no Parlamento de Galicia, Luís Villares.. EN MAREA
O portavoz de En Marea e portavoz parlamentario do Grupo Mixto no Parlamento de Galicia, Luís Villares.. EN MAREA

ANOVA, PODEMOS E IU

O viceportavoz parlamentario do Grupo Parlamentario de En Marea --grupo que agrupa a Podemos, IU e Anova--, Antón Sánchez, sinalou que a dimisión da valedora do Pobo, Milagros Otero, "chega moitos meses tarde" e non se produce "pola vontade" do PP de que abandonase o cargo tras ratificarse a condena que anulou o nomeamento dentro da institución da sobriña de Manuel Fraga e irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy.

"A dimisión chega moitos meses tarde, pero o que non chega é a actuación do PP e de Feijóo levando a cabo unha tarefa de limpeza democrática que era o feito de sacar á valedora do seu posto", apuntou o tamén portavoz nacional de Anova en declaracións aos medios tras coñecerse a renuncia de Otero.

"Non pode ser que durante meses tivésemos á fronte dunha institución que debe velar polos intereses da cidadanía a unha persoa sobre a que pesa unha sentenza por ter enchufado á sobriña de Fraga", engadiu.

Así as cousas, o deputado de En Marea considera o caso de Otero de "unha vergoña democrática" que, para Sánchez, pon de manifesto "unha vez máis que o PP do señor Feijóo convive cotidianamente coa corrupción e coa utilización das institucións en favor de intereses particulares".

A valedora do Pobo, Milagros Otero, rexistrou este martes ante o Parlamento de Galicia a súa renuncia ao cargo. A dimisión de Otero prodúcese case catro meses despois de que o Tribunal Supremo desestimase o seu recurso contra a condena do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola designación dentro da institución de María Puy, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG e sobriña do expresidente Manuel Fraga.

POSICIÓN DO BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao Partido Popular e ao Partido Socialista a "non repetir os erros do pasado" e que o Valedor do Pobo sexa elixido por "amplo consenso" no Parlamento de Galicia.

Así o demandou nun comunicado remitido aos medios, no que asegura que a renuncia de Milagros Otero chega "tarde" tras meses nos que "estivo a danar a imaxe" dunha institución que "debe velar polo cumprimento da lei" e "amparar a todos os galegos".

"Chega tarde e Feijóo é responsable do dano a unha institución estatutaria como é a Valedoría do Pobo, pondo en risco a súa credibilidade ante a cidadanía", manifestou a líder do Bloque, que sinala que "non pode ter credibilidade unha valedora que foi acusada de nepotismo e de prácticas corruptas na institución".

Tras asegurar, ademais, que durante o desempeño da súa función "demostrou sempre que estaba máis ao servizo do PP que ao servizo do pobo galego", Pontón lembrou que a elección de Milagros Otero foi o resultado dun pacto bipartidista entre PP e PSOE, "co resultado coñecido".

Así, culpou a populares e socialistas de conducir á institución "ao declive". Por iso, de cara a "poder salvagardar" o Valedor do Pobo "de futuras componendas" pide un debate con todos os grupos parlamentarios para que o futuro valedor "sexa o resultado dun pacto amplo e que non se repita un pacto bipartidista" cuxos resultados se coñecen.

Neste sentido, confiou en que PP e PSOE "aprendan dos seus erros do pasado" e que iso permita ir a unha elección ampla, representativa e que realmente a persoa que asuma a responsabilidade nesa institución cumpra a función que ten encomendada, que non é outra que defender os intereses dos galegos".

O viceportavoz parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez.. EUROPA PRESS - Arquivo
O viceportavoz parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

GONZALO CABALLERO

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apuntou que "a caída" de Milagros Otero como valedora do Pobo "é a vitoria da presión pola limpeza e a rexeneración fronte ao enchufismo que Feijóo amparou durante un ano a pesar das sentenzas". Gonzalo Caballero criticou que o presidente galego estivese "amparando" a Otero desde o momento en que se coñeceu a primeira sentenza do TSXG, en xuño de 2018.

"Feijóo e o PP foron cómplices", aseverou o líder dos socialistas galegos, que recordou que o Alto Comisionado do Parlamento de Galicia ha de ser un organismo "sinómimo de limpeza pública e transparencia".

Tras apuntar que na sentenza do TSXG de xuño de 2018 se sinalaba que o nomeamento de María Puy foi "unha decisión arbitaria", Caballero lamentou que a institución quedase "embazada pola corrupción". "Feijóo empeza a atoparse cunha Galicia na que o PSdeG o vai controlar e lle vai marcar a axenda política", subliñou o socialista, que cre que a situación de Milagros Otero era "insustentable".

Fontes socialistas na Cámara consultadas por Europa Press afirman que existiron "contactos" co grupo maioritario, o popular, para atopar a substitución de Otero á fronte da Valedoría. En virtude da Lei do Valedor, o PPdeG necesita pactar con outro grupo para lograr os apoios precisos para nomear o novo titular da institución.

A VALORACIÓN DO PP

A viceportavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia, Paula Prado, mostra o seu "respecto" pola decisión da valedora do Pobo, Milagros Otero, de renunciar ao seu cargo a través dun escrito presentado en torno ao mediodía deste martes. Neste contexto, a deputada popular, tal e como recolle un comunicado, insiste en que é "o momento de que as formacións políticas" presentes na Cámara se poñan "de acordo" na elección da nova persoa que se poña á fronte da institución.

Paula Prado agradeceu "o intenso traballo" desenvolvido por Otero ao longo do cinco anos que ostentou o cargo, conseguindo dar "un impulso importante" á institución e "achegándoa a toda a sociedade galega".

Para a deputada popular, a renuncia presentada este martes "é unha decisión que lle honra, porque deixa o seu cargo logo dunha sentenza estritamente administrativa" que "nin tan sequera invalidou" o proceso de designación da sobriña de Fraga "na súa totalidade". Ademais, Prado lembrou que houbo en Galicia "outras moitas sentenzas invalidando procesos de libre designación, ditadas mesmo polo mesmo tribunal" pero que "non tiveron consecuencias políticas noutras administracións, incluso algunha na orde penal".

Fontes do grupo parlamentario do PP consultadas por Europa Press tamén indican que xa "houbo contactos previos" co PSdeG para renovar a persoa que estea á fronte da Valedoría. Aseguran que será a partir de agora cando se intensifiquen os contactos entre ambas as forzas para elixir de novo un nome que xere consenso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta