Por X.M. Fernández | Allariz | 26/07/2019 | Actualizada ás 09:00
Allariz é exemplo de moitas iniciativas relacionadas co medio ambiente e o tratamento dos residuos. Unha delas é a recollida selectiva de lixo e a separación de materia orgánica, e neste sentido estase procedendo a unha nova distribución de composteiros co cal serán xa máis de 400 os que cheguen a hortas da contorna de Allariz.
Técnicos/as municipais en colaboración con ADEGA realizan tanto a distribución como a instalación e formación ás familias que así o solicitan, que dispoñen de horta e queren tratar, mediante compostaxe, os seus residuos orgánicos domésticos así como os restos vexetais da horta ou xardín.
Trátase do exitoso programa RE, pioneiro na xestión de residuos orgánicos en Galicia, que funciona grazas a continuas campañas de información e sensibilización insistindo na importancia da compostaxe no fogar tanto por cuestións medioambientais como económicas. O compromiso veciñal, neste sentido, axuda en gran medida a reducir emisións de CO2 á atmosfera e contribúe a un aforro nos gastos de recollida e transporte do lixo orgánico para o concello.
O concello lembra aos veciños e veciñas que precisen información e desexen solicitar un composteiro individual poden contactar coa área de medio ambiente no teléfono 988 440 001.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.