Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/10/2025 | Actualizada ás 22:00
Hai territorios que concentran no seu relevo a historia completa dun país. O Xurés-Gerês, compartido por Galicia e Portugal, é un deles: un espazo de fronteira onde as aldeas se desfan lentamente entre a matogueira, onde o monte reclama o que un día foi labradío e onde o lume, cada vez máis imprevisible, se converteu no principal arquitecto da paisaxe. O investigador Adrián Regos, da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), leva anos estudando esta transformación. Na súa charla 'Paisaxe, lume e biodiversidade na Reserva da Biosfera Xurés-Gerês: pasado, presente e futuro', impartida nunha xornada organizada polo Consello da Cultura Galega, debuxou un mapa do que sucede cando o abandono humano, o cambio climático e o crecemento desordenado do bosque coinciden no tempo e no espazo.
"Os incendios están a determinar claramente as dinámicas da paisaxe", advertiu Regos, resumindo nunha frase o que os seus datos confirman dende hai anos: que o lume xa non é só unha ameaza estacional, senón un factor ecolóxico e social de primeira orde, que redefine o que medra, o que desaparece e o que permanece. A súa investigación non fala só de incendios, senón da evolución completa dun territorio que está a reinventarse baixo presión. O Xurés-Gerês é, para Regos, unha especie de laboratorio vivo onde se pode observar en tempo real o que ocorre cando o rural se baleira e a natureza toma o control.
XURÉS-GERÊS, RESERVA VIVA E FERIDA: "AS ZONAS DE MATO TEÑEN ALTO VALOR ECOLÓXICO, PERO CANDO DESAPARECE O USO TRADICIONAL, AUMENTA O RISCO"
A Reserva da Biosfera Xurés-Gerês, creada no ano 2009, é unha das máis singulares do noroeste peninsular. Combina o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, en Ourense, co Parque Nacional da Peneda-Gerês, en Portugal, o único parque nacional do país veciño. Xuntas, estas áreas forman un territorio de alta montaña, de gran complexidade topográfica e bioclimática, onde conviven ecosistemas atlánticos e mediterráneos. Con este contexto na mente, Regos destacou que esa condición híbrida fai da reserva un enclave único: "É unha zona de transición, cunha diversidade de flora e fauna que reflicte tanto o gradiente climático como o topográfico".
No Xurés conviven matogueiras de breixo e toxo --moitas incluídas na directiva europea de hábitats-- con afloramentos graníticos, bosques caducifolios e pequenas zonas agrícolas nas chairas baixas. Mais este mosaico natural convive cunha realidade humana en retroceso: a perda de actividade agraria e gandeira, o envellecemento da poboación e o abandono de aldeas que noutro tempo mantiñan o monte limpo e fragmentado. "As zonas de mato non son improdutivas, teñen un valor ecolóxico moi alto, pero cando desaparece o uso tradicional, muda o equilibrio e aumenta o risco", explicou o investigador.
CANDO O LUME MARCA O TERRITORIO: "AGORA TAMÉN ARDE O MONTE EN NOVEMBRO, O QUE AMOSA UN CAMBIO NO RÉXIME DE LUMES E NO PROPIO CLIMA"
No Xurés-Gerês, o lume é un idioma máis da paisaxe. Regos amosou mapas e gráficos que contan unha historia de repetición e memoria: zonas que arden unha e outra vez, fronteiras que o lume cruza sen pasaporte. "Hai incendios que chegan de Portugal a Galicia e outros que fan o camiño inverso: é unha realidade compartida que require cooperación máis alá das fronteiras administrativas", sinalou. O investigador e o seu equipo compararon imaxes de satélite entre os anos 2000 e 2010, e logo ata 2020, revelando unha transformación fonda. Na primeira década houbo unha expansión das superficies forestais e de mato, resultado directo do abandono rural e da sucesión natural. "O monte medra, pero medra sen orde", advertiu. No lado portugués, grandes incendios deixaron áreas enteiras cubertas de rocha; no galego, as masas de matogueira avanzaron con rapidez.
Entre 2010 e 2020 a tendencia inverteuse: menos incendios, pero de maior tamaño e intensidade. "Hai anos con máis de 3.000 ou 4.000 hectáreas queimadas", explicou o investigador da Misión Biolóxica de Galicia. A superficie ardida non descendeu, e o que é máis preocupante, o calendario do lume ampliouse: "Agora tamén arde o monte en outubro e novembro, o que amosa un cambio no réxime de incendios e no propio clima do lugar". O resultado é un territorio sometido a un estrés constante, onde os incendios deixan pegadas cada vez máis fondas e frecuentes, alterando a estrutura do solo, a vexetación e os ciclos ecolóxicos.
A TECNOLOXÍA COMO OLLO DO MONTE: "OS SATÉLITES PODEN VER MÁIS ALÁ DO ESPECTRO VISIBLE; PODEN DETECTAR COMO O LUME AFECTOU Á VEXETACIÓN"
Para comprender mellor estes cambios, o grupo de Regos empregou a teledetección e imaxes espectrais do satélite Landsat, analizando non só as áreas queimadas, senón tamén a severidade dos incendios, é dicir, o grao de dano ecolóxico. "Os satélites poden ver máis alá do espectro visible; a través das bandas do infravermello detectan como o lume afectou á vexetación", explicou. Grazas a esas ferramentas, puideron cartografar as zonas con queimadas leves, moderadas ou severas e superpoñelas coa zonificación dos parques naturais. O achado é elocuente: as zonas máis afectadas adoitan estar fóra das áreas de maior restrición, é dicir, en espazos con menor nivel de protección e xestión.
Aínda así, advertiu o investigador, "os incendios están a penetrar en zonas de alto valor ecolóxico", como as de Lobios e Muíños, o que revela que o réxime actual de incendios xa non entende de límites. A tecnoloxía, dixo, non é un fin en si mesma, senón unha ferramenta para anticipar riscos e orientar políticas de conservación. Os satélites, engadiu, "non só miran dende o ceo: permiten ver o que o ollo humano non alcanza, e entender como cambia o territorio sen ter que pisar cada metro de monte". Este tipo de tecnoloxías están a converterse nun aliado esencial para planificar o futuro, prever os puntos críticos e deseñar estratexias de xestión baseadas en evidencias, non en intuicións.
A RESPOSTA DAS AVES: "A EXPANSIÓN FORESTAL CONVERTEUSE NUN RISCO: MÁIS COMBUSTIBLE, MÁIS CONTINUIDADE E MENOS DIVERSIDADE DE HÁBITATS"
E como respostan os ecosistemas a este novo patrón do lume? Regos respostou a esta pregunta cun exemplo elocuente: as aves. O seu equipo de investigación comparou censos realizados nos anos 2000, 2010 e 2020, analizando máis de 100 especies. Entre 2000 e 2010, o número de aves aumentou, especialmente nas zonas de mato e bosque, grazas aos procedementos naturais de recuperación post-lume. "Moitas especies recuperáronse en dous ou tres anos, sen intervención humana", contou. Mais na década seguinte, o equilibrio rachou. O aumento da superficie rochosa e a perda de matogueiras --por mor dos grandes incendios-- provocaron descensos en especies asociadas a espazos abertos, como a papuxa do mato. "O que semellaba positivo, a expansión forestal, converteuse tamén nun risco: máis combustible, máis continuidade e menos diversidade de hábitats", sinalou Regos.
Os resultados son claros: o 70 % das especies estudadas estaban correlacionadas con variables do réxime do lume (severidade, heteroxeneidade, superficie...). As especies forestais sofren máis cando o lume é intenso e homoxéneo; as de matogueira benefícianse de queimas suaves e variadas. "A diversidade de respostas é enorme, e iso obríganos a entender o lume non só como destrución, senón como parte da dinámica ecolóxica", subliñou o investigador. Regos insiste en que a natureza ten capacidade de resposta, pero precisa tempo e espazo: cando o lume se repite en ciclos cada vez máis curtos, nin sequera as especies máis adaptadas chegan a recuperarse completamente.
FIRESMART, CIENCIA PARA A PREVENCIÓN E A RESILIENCIA: "INTERCALAR ZONAS AGRÍCOLAS CON BOSQUES DE FRONDOSAS É O MOSAICO FORESTAL MÁIS EFICAZ"
A partir de toda esa información, o equipo puxo en marcha o proxecto FirESmart, que coordinou Regos dende Portugal co apoio do CIBIO e da Misión Biolóxica de Galicia. A idea era sinxela e ambiciosa: deseñar unha xestión do territorio que reduza o impacto do lume e aumente a resiliencia da biodiversidade. Para iso, implicaron a actores locais --agricultores, gandeiros, técnicos forestais...-- e recolleron as súas percepcións sobre os problemas e posibles solucións. As conclusións foron reveladoras: apoio masivo ás queimas controladas e á recuperación agrícola, rexeitamento do uso de químicos e aceptación de políticas de conversión de plantacións de piñeiro en bosques caducifolios máis resistentes, como os de castiñeiro.
A partir dese diálogo, construíron modelos matemáticos de simulación con distintos escenarios: un de continuidade ('business as usual'), un de recuperación agrícola e outro de conversión forestal. "Vimos que a simple variación da configuración da paisaxe xa crea oportunidades de supresión, mellora e secuestro de carbono e mantén a biodiversidade", afirmou Regos. O escenario máis eficaz foi o que integra un mosaico agroforestal, con zonas agrícolas intercaladas con bosques de frondosas. "É o que mellor mantén o carbono, crea barreiras naturais contra o lume e favorece a biodiversidade", concluíu o investigador.
O MOSAICO AGROFORESTAL EQUILIBRADO COMO HORIZONTE: "O XURÉS-GERÊS PODE SER UN LABORATORIO DO FUTURO"
O traballo de Adrián Regos e do seu equipo confirma o que moitos sospeitaban: a paisaxe é a mellor ferramenta contra o lume. Non se trata de eliminar o mato nin de repoboar indiscriminadamente, senón de recompoñer o mosaico agroforestal que durante séculos fixo do Xurés-Gerês un territorio equilibrado. O futuro, di, pasa por "integrar o mosaico agroforestal, crear oportunidades de supresión, manter o carbono e favorecer a biodiversidade". Iso implica recuperar o valor produtivo dalgúns espazos, promover usos mixtos e entender o monte non como unha ameaza, senón como unha infraestrutura natural. "O Xurés-Gerês pode ser un laboratorio do futuro", rematou Regos, "un lugar onde se ve como o abandono, o clima e o lume están a redeseñar o territorio, e tamén onde se pode ensaiar unha nova forma de convivir con el".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.