Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2025 | Actualizada ás 19:02
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, advertiu este xoves que a súa formación non está disposta a consentir "o adoctrinamiento de CIG e BNG nas aulas", tras denunciar que o sindicato remitiu cartas a centros educativos galegos nas que propoñen o uso de materiais que, ao seu modo de ver, teñen esa intención e "en aras da conflitividade social".
Prado realizou estas declaracións na Coruña, en alusión a uns materiais que a propia CIG-Ensino difundiu na súa páxina web, onde explica que pon a disposición do profesorado propostas didácticas para "traballar co alumnado a situación do medioambiente galego". En concreto, trátase, indica o sindicato, de dúas "situacións de aprendizaxe" que expoñen distintas tarefas e que están elaboradas polo colectivo Profesorado Diverxente. Levan por título 'Altri, as novas Encrobas?' e 'Lumes nunca máis'.
Prado criticou que as "únicas solucións" do BNG para os problemas dos galegos e galegas sexan "as que lles dita a UPG nos seus documentos e as que lles propón Bildu nas súas reunións en País Vasco", que se "reducen a manifestarse contra todo" e a "utilizar á CIG para instigar a conflitividade tamén nas aulas".
APELA Á "CONCIENCIA" DE NAIS E PAIS
"Estes días vimos como se enviaban aos centros escolares unhas cartas para convidar o profesorado a utilizar materiais en aras desa conflitividade social e darlles materiais para instruír aos nenos e nenas", aseverou, antes de advertir que o PP non vai consentir " o adoctrinamiento da CIG e do BNG nas aulas".
"Apelo á conciencia de todas as nais e pais de Galicia para que non consintan que os seus fillos sexan adoutrinados pola CIG e polo BNG a través do profesorado nas aulas", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.