Besteiro, a Xunta vale "ben pouco" cunhas contas para 2026 "desfasadas"

O secretario xeral do PSdeG cuestiona as partidas destinadas a vivenda, sanidade e política social ao cualificalas de "absolutamente insuficientes"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2025 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que o proxecto de orzamentos para 2026, aprobado o pasado venres no Consello da Xunta, é "absolutamente insuficiente" para solucionar os problemas de "vivenda, sanidade e política social" da cidadanía.

"Uns orzamentos sen alma porque non van dirixidos a solucionar os principais problemas dos galegos e das galegas", incidiu para recalcar que o Executivo autonómico vale "ben pouco". "Pouco crecemento e contas desfasadas, sen pór fin aos problemas que hai en Galicia, especialmente na provincia e na cidade e A Coruña", reiterou.

Fíxoo nunha convocatoria cos medios de comunicación para valorar as contas para o próximo ano nunha cita no complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) e acompañado, entre outros, polo secretario provincial do partido da Coruña, Bernardo Fernández.

Sobre as obras de ampliación do mesmo, indicou que "non hai unha aposta clara de sacar este proxecto adiante dunha forma rápida" e lembrou que o PP puxo como data de fin das mesmas 2027 para despois propor 2031.

SITUACIÓN NA PROVINCIA DA CORUÑA

"No ano 2031 non vai estar porque o ritmo orzamentario destas instalacións é minguante", engadiu tras facer referencia a unha partida que pasou de cen millóns de euros iniciais á previsión actual de 40.

Unha "falta de modernización" que se repite, segundo apuntou o dirixente socialista, noutros centros sanitarios da provincia como o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol ou o Hospital Clínico Universitario de Santiago (Chus).

En materia de vivenda, criticou que o Goberno galego contemple 14 millóns de euros para o municipio da Coruña cando "só na cidade hai catro mil demandantes de vivenda pública" do "case oito mil da provincia". "A metade deles, por certo, proveñen de fondos do Estado", apostilou para recalcar, ademais, "partidas moi deficientes en materia dependencia".

Na mesma liña, o Bernardo Fernández sinalou que nas contas non constan "investimentos concretos" para dar solución aos problemas en educación, sanidade ou infraestruturas. "Dinnos que crecen pero non sabemos onde van crecer nin como van crecer", insistiu para denunciar unha "repartición de recursos que non é nin transparente nin é xusto".

"Esixiría ao señor Rueda que aplique en Galicia, a todos os concellos, aquilo que reclama a Madrid, que o sistema de transferencia de recursos sexa transparente,
cuns criterios que todos e todas coñezamos que é como funcionan as autonomías do Estado", instou.

O candidato do PSdeG a presidir a Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro. Javier Vázquez - Europa Press
O candidato do PSdeG a presidir a Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro. Javier Vázquez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta