Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/10/2025 | Actualizada ás 22:24
A historia da Vespa velutina en Galicia é tamén a historia dun territorio que aprende a convivir cunha especie invasora extremadamente eficiente. En pouco máis dunha década, o insecto pasou de ser un fenómeno puntual a converterse nun símbolo da capacidade de adaptación e expansión dunha especie allea. A súa chegada, asentamento e proliferación foron tan rápidos que moitas veces o discurso público quedou reducido á alarma e ao medo. Detrás desa percepción, porén, hai unha realidade científica fascinante: unha especie que chegou por azar e se converteu nun caso de estudo sobre resiliencia biolóxica. Galicia foi o seu laboratorio natural, e os científicos galegos os encargados de descifrar as súas claves de éxito. Comprender o que fixo posible esa expansión é tamén entender o delicado equilibrio ecolóxico do noso territorio.
O investigador Xulio Manuel Maside Rodríguez, do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC), leva anos analizando esta especie desde unha perspectiva xenética. A súa voz achega rigor, datos e contexto a un fenómeno que, di, "non foi unha expansión natural, senón humana". A Vespa velutina, lembra, chegou a Galicia no ano 2010, procedente dun espallamento previo por Francia, onde se detectara xa no 2004. O máis probable é que viaxase "nun envío de mercadoría cerámica procedente do sueste de China", o seu lugar de orixe. Dende alí foi expandíndose por si mesma, mais tamén da man do transporte humano de mercadorías, saltando distancias imposibles se estivésemos a falar dunha dispersión natural.
DE CHINA A GALICIA: UNHA VIAXE ACCIDENTAL PERO EFICAZ
"A velutina chegou a Francia no ano 2004 e a Galicia no 2010, posiblemente transportada polo home", explica Maside. A expansión foi tan rápida que aparece en Galicia "en 2010, pouco despois de que cruzase os Pirineos dende Francia ao País Vasco", e antes mesmo de pasar por Asturias. Os primeiros exemplares rexistráronse "no Miño en 2010 e ao seguinte na Mariña", e a partir de aí comezou un proceso de colonización que sorprendeu mesmo aos investigadores. En pouco máis dunha década, a especie xa estaba "ben asentada" e con poboacións estables en practicamente todo o territorio galego e xa chegou máis ao sur de Lisboa. Esa velocidade de expansión é inconcebible sen axuda humana.
Maside subliña que o comercio global é unha das portas de entrada máis habituais das especies exóticas invasoras, e que moitas veces o transporte de mercadorías é o vehículo involuntario do cambio ecolóxico, como acontece tamén coas especies exóticas mariñas que chegan no transporte marítimo e ameazan os ecosistemas das nosas costas. Galicia, pola súa situación atlántica, converteuse así nun punto de chegada ideal para a velutina. Unhas das preguntas que se fixo o equipo de Maside foi por que tivo tanto éxito esta poboación invasora. A resposta está na xenética: a poboación orixinal que chegou a Europa procedía dunha única raíña fecundada por varios machos, posiblemente catro. Esa combinación, aparentemente limitada, foi suficiente para que se mantivera diversidade xenética suficiente como para facilitar a estabilidade e adaptación dunha especie fóra do seu hábitat natural.
UNHA RAÍÑA, CATRO MACHOS E O SEGREDO DO ÉXITO
Análises xenéticas realizadas por investigadores franceses revelaron un dato sorprendente: "Ao ser unha raíña fecundada por catro machos, é coma se chegara unha poboación de 3 ou 4 individuos". En termos de variabilidade xenética iso significa que a Vespa velutina só experimentou "unha redución do 20 % da súa diversidade orixinal". É dicir, en Francia conservou aproximadamente o 80 % da diversidade xenética que tiña na poboación orixinaria asiática. Maside explica, por iso, que esa riqueza xenética inicial actuou como un escudo ante as dificultades ambientais e permitiulle adaptarse con facilidade a condicións diferentes ás de Asia.
Esa plasticidade xenética e as súas características biolóxicas déronlle unha capacidade de proliferación comparativamente maior que a das vespas autóctonas, máis en equilibrio co ecosistema galego. "A diversidade é a materia prima da evolución", resume o investigador. E a velutina traía consigo moito. "A poboación que colonizou Europa non era moi consanguínea, senón que tiña abonda diversidade, e iso doulle moitas posibilidades de adaptación", subliña Maside. Por iso, explica, "a especie axustouse moi ben ao clima galego", mentres que outras especies autóctonas estableceron equilibrios a moi longo prazo co ecosistema galego, e as súas poboacións son máis moderadas e estables.
MENOS PARASITOS, MÁIS ENERXÍA PARA REPRODUCIRSE
Os estudos do grupo de Maside descubriron que "a velutina está exposta a unha menor carga parasitaria, aproximadamente a metade que as vespas autóctonas, o que implica dispor de máis recursos xenéticos para criar". Iso tradúcese nunha capacidade reprodutiva extraordinaria: "As estimacións que temos dos niños máis grandes que se foron recollendo chegan a calcular que cada niño pode albergar ata 80.000 vespas", explica.
"Antes falábase de 3.000 ou 5.000, pero agora sabemos que poden ser ata 80.000 vespas as que convivan nun mesmo niño", insiste. Isto débese a que as velutinas reutilizan sucesivamente as celas de cría: "Contando o número de celiñas e as capas de residuos que deixa cada cría, vimos que cada unha pode ser utilizada catro ou cinco veces nun mesmo ano". É unha cifra que desafía o sentido común e que dá idea do potencial biolóxico da especie. A velutina non só se reproduce con intensidade, senón que aproveita cada recurso dispoñible.
O CLIMA E O CAMBIO GLOBAL COMO ALIADOS
A distribución da velutina en Galicia tamén está marcada polo clima e o cambio climático. Rodríguez explica que "é moitísimo máis prolífica en zonas temperadas onde case non xea no inverno". Pola contra, "nas zonas de montaña e do interior a poboación mantense moito máis pequena e contida". Esta diferenza ilustra como o cambio climático está a alterar silenciosamente o mapa da biodiversidade galega. O aumento das temperaturas invernais favorece a supervivencia das raíñas e prolonga o seu ciclo vital. Galicia é, segundo o investigador, un laboratorio perfecto para observar como o clima define os límites dunha especie invasora.
A costa, cada vez con invernos máis suaves, converteuse no hábitat ideal para a especie. "O número de raíñas que sobreviven dun ano para outro é enorme preto da costa", advirte Maside. "Normalmente o que determina como vai arrincar a poboación en cada localidade é o tempo que fai no mes de abril e comezos de maio", di. Esas semanas son chave: é cando as raíñas que sobreviviron ao inverno fundan as novas colonias. "Se abril e maio son moi húmidos fórmanse moitos menos niños, como pasou no 2024, pero este ano 2025, coa primavera máis temperada e con menos días de choiva, nas zonas baixas houbo velutinas como sempre".
RAÍÑAS, MACHOS E O CICLO VITAL DUNHA INVASORA
Outra das observacións clave do equipo é o funcionamento biolóxico das colonias. "As obreiras morren cada ano, pero as futuras raíñas, nacidas no outono, poden sobrevivir en grande número se o inverno non é moi frío", di o investigador. No outono reprodúcense: "Nacen as futuras femias reprodutoras e os machos, que as fecundan". Cando morre a raíña orixinal, "a colonia segue viva un tempo, pero xa non cría máis, pois só produce machos". Este ciclo revela un equilibrio natural de enorme complexidade. Cada xeración depende do clima e das condicións do ano anterior, e pequenas variacións poden multiplicar ou reducir a súa presenza. Por iso, Maside insiste en que máis que erradicala, cómpre comprendela para poder minimizar os danos que causa.
En novembro e decembro, os niños están chegos de actividade, pero xa con outra finalidade: "Moitos exemplares son machos, posiblemente fillos das obreiras, e non son perigosos porque non teñen ferrete". Esas obreiras van morrendo e o niño desaparece progresivamente ata xaneiro ou febreiro. As novas raíñas, xa fecundadas, agóchanse "baixo pedras, follas ou valos" para pasar o inverno. Así as cousas, a conclusión é clara: a Vespa velutina chegou para quedar. A súa capacidade de adaptación, a diversidade xenética coa que entrou en Europa e a ausencia de inimigos naturais fan difícil pensar nun retroceso da súa poboación. "Agora está presente en todo o territorio", sinala Maside. E o investigador advirte de que o futuro dependerá de políticas de control e dun seguimento continuo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.