Contra leis non escritas: as mulleres que xestionan os montes e rachan co patriarcado

A presenza de mulleres nas comunidades de montes e nos distritos forestais adoita ser inferior á dos homes. A estrutura patriarcal non o pon fácil, mais a voz feminina resoa cada vez máis forte na xestión dos montes e dos incendios. O GC fala con Marisa Alonso, comuneira, e con Yolanda Camba e Mónica Ramos, axentes forestais, sobre as leis, escritas e non escritas, que impediron durante moito tempo o acceso das mulleres a estes eidos.

Por Uxía Iglesias | Xanceda | 27/07/2019 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O patriarcado inunda todas as facetas da vida e tamén se coa na xestión dos montes e na prevención dos incendios forestais. Se ben a situción comeza a reverterse, tanto nas comunidades de montes coma nos diferentes distritos forestais que se dispoñen ao longo do país, a presenza de mulleres segue sendo minoritaria na meirande parte dos casos.

Comunidade de Montes de Tameiga
Comunidade de Montes de Tameiga | Fonte: Facebook Comunidade de Montes de Tameiga

O monte e os seus labores tradicionais relaciónanse historicamente coa masculinidade, e aquela parte da historia onde as mulleres tomaron o protagonismo normalmente é invisibilizada. De feito, a conflitividade social que se produciu a partir dos anos 60 e 70 estaba protagonizada polas mulleres. Elas adquiriran un papel importante, protestaban e revelábanse, pero eran invisibles aos ollos de terceiros. A organización laboral seguindo criterios de xénero relegaba as mulleres ao ámbito doméstico. Ata non hai moito -anos 90-, o xénero feminino tiña prohibido o acceso á formación e á profesión de axente forestal. Nas comunidades rurais, outra lei, desta vez non escrita, pero non por iso menos contundente e aplicable, dicía que o comuneiro debía ser o varón máis vello da casa. 

MARISA ALONSO, 20 ANOS COMO COMUNEIRA

O monte de Tameiga, situado en Mos, preto de Vigo, é xestionado tamén por unha muller dende hai ao redor de 20 anos. Naquel momento no que Marisa Alonso comezou a formar parte da comunidade e a facerse escoitar nas asembleas, ela era a única muller alí presente. E durante os seguintes oito anos así continuou sendo, mais logo tamén se foron subindo ao carro outras cantas mulleres. Aínda que agora xa non forma parte da directiva da comunidade de montes, Marisa conta que a conciliación familiar e laboral é complexa: "tiñas unha reunión, e se logo se prolongaba para eles non había problema porque despois tomábase un viño... Nós non podiamos", relata. 

Ademais das dificultades de conciliación que sempre arrastrou o xénero feminino, as comunidades de montes parten dunha "eiva grande" que está na propia maneira de organizarse. A lei de montes e os distintos estatutos falan de que toda casa aberta e con fume é propietaria do monte, e a lei non escrita que se espallou no marco da sociedade patriarcal di que os titulares dese monte - os comuneiros - deben ser os varóns máis vellos de cada casa. Dese xeito, eles convértense nos únicos que teñen voz e voto sobre a xestión dos montes. Neste contexto, Marisa recoñece que "é moi difícil dicirlle ao teu pai ou ao teu avó: 'faite a un lado e eu collo e retomo isto'", mais tamén conta que cada vez son máis as mulleres e a xente nova que se fai ver nas asembleas das comunidades de montes. 

Antigamente, unha das poucas posibilidades que había de que unha muller adquirira o papel de comuneira era que quedara viúva. Nese caso non quedaba outra. E incluso cando cando a muller casaba cun home de fóra do lugar - recorda Marisa -, era el, que non tiña ningunha relación de pertenza co monte, quen tomaba as rendas da comunidade. Estas regras fóronse esvaecendo co paso dos anos. "As cousas están mudando porque hai xente nova que vive independente, e ademais os vellos de agora non son os mesmos de hai 15 anos; o monte tamén cambiou os seus usos". Para Marisa, estes avances son importantes para renovar as directivas, dinamizar as comunidades e implicar unha maior diversidade de discursos na toma de decisións.

Se ben a estrutura patriarcal segue fomentando que "a xente nova con ideas novas estea esperando a facerse vella para entrar na comunidade", cada vez hai máis iniciativas e dinámicas que botan abaixo estes patróns. Muda a sociedade, e con ela, as comunidades: "as asembleas adoitar celebrarse sempre os domingos polas mañás, e a muller quedaba na casa cociñando" - relata Marisa -, hoxe en día, existe un contexto máis favorable de cara a presenza, a voz e o voto de mulleres que falan alto sobre a xestión dos montes. 

"A PRESENZA DE MULLERES NO DISTRITO II DE BETANZOS RONDARÁ O 5%"

No eido da prevención e extinción dos incencedios forestais, as mulleres tamén adoitan ser minoría en comparación cos homes. Yolanda Camba e Mónica Ramos son as únicas mulleres axentes forestais que operan no distrito II de Betanzos fronte aos seus 17 compañeiros homes. No resto de postos, Yolanda e Mónica contabilizan rápido o número de mulleres que traballan no distrito: tres nas cuadrillas, dúas motobombistas, unha vixiante de casetas, tres emisoristas e unha técnica. Ningunha brigadista. E tampouco ningunha muller no eido da xestión medioambiental. En suma, coidan que a presenza do xénero feminino no distrito en comparanza cos homes debe rondar o 5%. 

Concretamente Yolanda traballou soa durante moitos anos, e tamén conta que é moi pouco habitual que haxa mulleres condutoras de motobombas. Na conversa con elas pouco tardou en saír o tema da conciliación. "Ao ser un traballo a turnos, é difícil compatibilizar a vida laboral coa familiar, sobre todo agora no verán, que as horas de traballo se incrementan", contan. Sobre desta problemática, as posibilidades de flexibilización horaria son nulas.  

Ademais, durante moitos anos e ata a década dos 90, "na formación de axentes forestais non se permitía o acceso a mulleres, de feito os antigos anuncios do BOE recollen que o primeiro ou o segundo requisito para ingresar é ser home", contan as axentes. Logo de levantar este veto total ás mulleres, impúxose un límite de prazas a mulleres nas escolas: "nunha aula de 30 alumnos podía haber unha ou dúas mulleres". A pouca presenza no eido facía que a entrada de mulleres novas ao traballo provocase "incertidume" e mesmo "reticencia" na asignación de tarefas.

Igual ca no caso das comunidades de montes, estoutro eido tende cara ao equilibrio, en gran medida, grazas á aplicación da Lei de Igualdade. "Cando hai unha infrarrepresentación de mulleres, a igualdade de puntos e condicións, contrátase preferentemente a mulleres". É o que acontece na escala de Yolanda e Mónica, e é o motivo polo que se está incrementando o número de mulleres que traballan pola prevención e extinción dos incendios. 

"Ata a aplicación desa lei, a representación de mulleres axentes forestais a nivel galego rondaba un 6% sobre o total do colectivo". Tanto Yolanda, coma Mónica e Marisa son mulleres que axudan no camiño de cambiar estes datos e de crear, consecuentemente, unha sociedade máis igualitaria. 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta