O BNG de Santiago esixe que o goberno local tome medidas para executar "en prazo" os orzamentos

Segundo sinalou o partido nun comunicado, esta é a "única forma de impulsar obras en prazo que melloren a calidade de vida dos veciños"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2019 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

A portavoz municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, instou ao alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, a "mellorar a engrenaxe" do concello para poder realizar os investimentos consignados nos orzamentos na propia anualidade.

Segundo sinalou o BNG nun comunicado, esta é a "única forma de impulsar obras en prazo que melloren a calidade de vida dos veciños", polo que cuestionou que en 2018 "só se gastáse o 27% do capítulo V de Investimentos", o que ao seu xuízo representa "que sete de cada dez euros quedaron sen utilizar cando hai carencias en Santiago".

Ademais de aludir á "falta de transparencia e de incumprimento de prazos" por entregar a liquidación con catro meses de atraso con respecto ao que marca a normativa, Sanmartín destacou que esta "lentitude" de operatividade representa un problema no relativo a que non se pode facer uso dos remanentes de tesouraría do ano anterior ata que non se dá conta no pleno.

"Isto ten consecuencias para os veciños porque así non se arranxaron rúas, beirarrúas, mobiliario urbano nin equipamentos, que tamén significarían unha mellora da economía local ao dinamizar a contratación de empresas e traballadores para realizar estas obras públicas, o que xera postos de traballo directos e indirectos", lamentou.

Sanmartín emprazou ao alcalde a tomar a iniciativa para corrixir os "problemas estruturais" que padece o concello para executar en prazo os investimentos e mellorar o resultado da liquidación dos últimos anos, que no capítulo V de Investimentos foi do 27,77% en 2015, do 22,07% en 2016, do 23,17% en 2017 e do 26,83% en 2018, segundo os seus datos.

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta