Vinte persoas danse de alta na Seguridade Social por cada 100 en idade de abandonar o mercado laboral

O maior aumento deuse en Santiago, A Coruña e Pontevedra e o grupo de idade que rexistrou o maior número de altas neste trimestre foi o de 25 a 29 anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2019 | Actualizada ás 11:11

Comparte esta noticia

Vinte persoas danse de alta na Seguridade Social en Galicia por cada 100 que están en idade de abandonar o mercado laboral, segundo a enquisa de afiliacións por concello correspondente ao mes de xuño que publica este luns o Instituto Galego de Estatística (IGE).

De acordo con esta información, nos últimos 12 meses (de xuño de 2018 a xuño de 2019), os afiliados incrementáronse nos sete grandes concellos.

O maior aumento deuse en Santiago, A Coruña e Pontevedra, que rexistraron repuntes do 2,1% (o primeiro) e do 1,9% (os outros dous) respecto ao mesmo mes do ano anterior. A media galega sitúase nun 1,6%.

Mentres, o grupo de idade que rexistrou o maior número de altas neste trimestre foi o de 25 a 29 anos, seguido do de 20 a 24: o 28,1% das persoas que se deron de alta en xuño pertencía a un destes grupos.

No referido a as baixas, os grupos de idade con maior incidencia neste trimestre foron o de 25 a 29 anos e o de 40 a 44: case tres de cada 10 baixas corresponderon a persoas nestes grupos de idade.

Mentres, o 5,7% das afiliacións en alta laboral de persoas que residen en Galicia corresponderon a actividades relacionadas coa agricultura e a pesca, o 14,3% rexistráronse no sector industrial, o 7,5% na construción e o 72,2% a actividades do sector servizos.

Por sectores de actividade, os concellos cunha maior porcentaxe de traballadores afiliados no sector primario atópanse no interior de Lugo, nas comarcas coruñesas de Xallas, Terra de Melide e Arzúa, e na comarca do Deza (Pontevedra).

Debido ás afiliacións no réxime especial do mar, municipios como A Illa de Arousa, Camariñas ou Muxía presentan altas porcentaxes de afiliacións no sector primario.

Oficina de emprego. EUROPA PRESS - Arquivo
Oficina de emprego. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta