"Os violentos son os empresarios que presionan contra a folga"

Que facer no caso de recibir presións para non ir a folga? Por que os sindicatos non son quen de manifestarse todos xuntos? O secretario de Comunicación de CC.OO. en Galicia, Juan Martínez, responde a esta e outras cuestións nesta entrevista con GC na véspera da primeira folga xeral da era Rajoy.

Por Walter Burns | Santiago | 28/03/2012 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Que expectativas ten Comisións Obreiras para esta folga?
O próximo 29 de marzo vaise a producir a maior mobilización social que se lembra, en contra dos peores ataques aos dereitos laborais e en repulsa á orientación ultraconservadora de aproveitar a crise para debilitar o estado social —que fomos construíndo ao longo destes últimos anos— para favorecer os intereses dos especuladores financeiros.

GC e os propios sindicatos comezaron a dar a coñecer casos de empresas que meten presión aos seus traballadores para que non vaian á folga. Se un traballador recibe estas presións, que lle recomendaría facer?
Ten que dirixirse a CCOO e expornos a situación para que podamos intervir en defensa dos seus dereitos. Estes son os casos de violencia que debesen alarmar a sociedade, e é evidente que interesa ocultalos. Os 'piquetes violentos' son os empresarios e empresarias que actúan así, e non son unha excepción.

Hai medo a perder o traballo por secundar o paro xeral?
Seguro, e é lóxico. Seica non se están empregando a fondo desde o goberno, as patronais, algúns medios de comunicación, para conseguir ese obxectivo? Se cadra se debese pór máis atención sobre esta situación, pola que un dereito fundamental recollido na Constitución, o da folga, se vulnera con toda normalidade, a pesar de que se emprega en defensa dos principais valores dunha sociedade avanzada e de progreso.

Haberá de novo manifestacións e de novo sen unión sindical, coa CIG nunha protesta e vostedes e UXT noutra. Tan diferentes son as ideoloxías das centrais para non seren capaces de chegar a un acordo de mínimos nunha data tan importante?
Contra a reforma laboral non caben nin estraños tacticismos nin cómodos maximalismos. Para CCOO, o importante é botar atrás a reforma laboral coa maior mobilización posible, e nesa tarefa estamos a coincidir coa inmensísima maioría  de organizacións sindicais, en especial con UGT, e coa inmensísima maioría da sociedade civil organizada. Estamos a falar dunha mobilización tan importante que ninguén debería pretender instrumentalizala con fins propios nin para resolver posibles problemas internos da súa organización.

O Goberno de Mariano Rajoy xa deixou claro que non modificará a Reforma Laboral suceda o que suceda na folga. De que vale entón secundar o paro?
A clase traballadora é o suficientemente madura e responsable como para entender que só se conseguirá evitar a aplicación da reforma laboral coa maior mobilización social e cidadá posible. Non vai haber outra maneira, e, aínda que o for, non será o 30 de marzo cando se consiga que o goberno cambie a reforma laboral.

None

Se efectimanente o Goberno de España non recúa, haberá  máis folgas xerais?

Despois do 29 de marzo debemos seguir en mobilización permanente e sostida ata conseguir o obxectivo

Hai novidades sobre os recursos dos servizos mínimos fixados pola Xunta?
Hai, si. O día 28 de marzo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia convocounos a CCOO e UGT a unha unha vista para resolver a nosa solicitude de suspensión cautelar dos servizos mínimos impostos pola Xunta de Galicia, algo que nunca antes se conseguiu. Agardamos que as numerosas sentenzas contrarias aos servizos mínimos que se impuxeron noutras folgas fagan que o Tribunal os declare abusivos e obrigue o Goberno galego a que sente de novo negocialos.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 31 comentarios

2 coruñés

Non quero opinar nin condicionar a labor do xornalista pero entendo que esta entrevista como entrevista central dun reportaxe sobre a folga deberia ser feita a un sindicato dos que convocou a folga (CIG e outros) é non a un que se adheriu a mesma. Felicito as bases de CCOO e UGT por ter presionada a direccion para que ao final a folga fose de todos. Seria desexabel unha unidade sindical galega para que en próximas convocatorias se marcase o caracter galego da folga, o nosso pais non pode depender das decisions de burocratas de Madrid.

1 Walter Burns

Gracias pola crítica. O luns GC solicitou unha entrevista con Suso Seixo, secretario xeral da CIG. Aínda estamos esperando unha resposta.

1 coruñés

...Estamos a falar dunha mobilización tan importante que ninguén debería pretender instrumentalizala con fins propios nin para resolver posibles problemas internos da súa organización...(palabras do dito dirixente de CCOO). Aquí os que instrumentalizades sodes vos(CCOO,UGT) que non queriades e vos vistes obrigados a ir a unha folga (benvidos), a unidade sindical non pasa por seguirvos senon que pasa por ter actitudes honestas no dia a dia. A Folga convocorona a CIG e outros sindicatos e vos apuntastesvos, por tanto o lóxico seria que fosedes vos a sua manifestación e non eles a vosa. Seria desexabel a unidade sindical pero non me gustaria ver nesa unidade a xente que fai catro dias aprobou a reforma das pensions e outra reforma laboral case igual que esta, aqui está o fondo do problema....

1 Estupefacto

Que reforma laboral "case igual que esta" aprobaron CCOO ou UGT???

2 coruñés

Na última manifestación de CCOO e UGT na Coruña estaban na pancarta Francisco Caamaño e Salvador Moreda (os dous dirixentes do PSOE) ou sexa xente que nos vendeu fai catro dias e agora quere que non nos lembremos do que pasou. Quero decir que por desgracia CCOO e UGT fan protestas descafeinadas e non deberian dar cobertura a xente que cando está na oposición di unha cousa é cando está no poder fai outra.

3 entreoscarballos

que este salvador estafador moreda, detras da pancarta de ccoo, e motivo para non acudir a convocatoria de este sindicato vertical

4 ourensán

Semellante "interpretación" é unha cortina de fume para agachar as razóns de quen convocou tarde e mal, e de quen leva anos de "diálogo social" baseado no mal menor, nefasto para a maioría da poboación. E digo mal, porque CCOO/UGT teñen como obxectivo negociar a reforma laboral, mentres que a CIG e outros sindicatos (CU/CGT/CNT)esixen a súa retirada. Se os obxectivos non son os mesmos, a unidade debe estar no desenvolvemento do paro e non nas manifestacións finais, cada quén coa súa alternativa: xuntos, pero no revoltos cos dirixentes do PSOE que lle fixeron o trabalo suxo á dereita. A CIG, tivo a coraxe de convocar a folga e deu facilidades para que houbera unha data común se CCOO e UGT se sumaban, tal e como aconteceu. Outra cousa é que a interlocución da CIG coa sociedade (non só cos colectivos afíns ao nacionalismo) e con outros sindicatos combativos, é manifestamente mellorable. Ah!, e a alusión aos problemas internos do BNG paréceme propia dun manipulador.