Reformar os edificios centrais da Xunta para convertelos nunha oficina "do século XXI" custará case 30 millóns

A proposta do estudo Díaz & Díaz e Miba Arquitects gaña o concurso de ideas, ao que se presentaron 24 ofertas. As obras durarán tres anos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/08/2019 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

A reforma interior do complexo administrativo de San Caetano custará 29 millóns de euros e as obras tardarán tres anos desde finais deste 2019 en estar acabadas. A proposta de Díaz & Díaz Arquitectos e Miba Arquitects gañou o concurso de ideas para a reforma, ao que se presentaron un total de 24 ofertas.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o obxectivo é "adaptar" o espazo no que traballan máis de 2.000 funcionarios e ao que asisten máis de 500 persoas ao día para facelo "máis aberto, diáfano e transparente". Converter San Caetano nunha oficina "do século XXI", resumiu.

Estas obras forman parte do "longo" proceso de remodelación "integral" do complexo administrativo da Xunta, que primeiro supuxo a reforma exterior dos edificios, coa consecuente mellora "estética" e en canto a eficiencia enerxética, segundo resaltou Rueda.

PREMIOS

Para esta segunda fase, a da reforma interior, coordinada polo colexio galego de arquitectos, houbo 24 ofertas e a gañadora é a proposta do estudo coruñés Díaz & Díaz e Miba Arquitects, que teñen de prazo ata o 10 de decembro para redactar o proxecto.

E é que os gañadores recibirán un premio de 70.000 euros, pero, ademais, encargaranse de redactar o proxecto definitivo e a dirección das obras, polo que en total os seus honorarios ascenderán a 860.000 euros. Mentres, os segundos, terceiros e accésits repartiranse unha contía de 100.000 euros.

O segundo premio recaeu en Cristina Ansede Viz, e o terceiro en Besada y Failde BMJ Arquitectos S.C.P. O primeiro accésit foi para a unión temporal de empresas de Oikos S.L.P., Jorge Salgado e CelsoLópez; o segundo para Aybar Mateos S.L.P.; e o terceiro para Flu_or S.C.

CRITERIOS

Os criterios que seguiu o xurado para escoller ao vencedor foron que a proposta primase a funcionalidade e accesibilidade, o aproveitamento da luz natural, a flexibilidade, os espazos abertos e a procura dunha maior eficiencia.

Tamén se tivo e conta que o proxecto permitise un desenvolvemento por fases para poder compatibilizar as obras coa actividade administrativa.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presenta a reforma interior de San Caetano. XUNTA
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presenta a reforma interior de San Caetano. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta