O BNG expresa a súa "rotunda oposición" ás peaxes nas autovías

Critica que o Goberno central busca "tapar buracos" das contas públicas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2019 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

O deputado do BNG Luís Bará mostrou este luns a "rotunda oposición" da súa organización política á proposta do Goberno de Pedro Sánchez de establecer o pago de peaxes nas autovías e criticou o Executivo por querer "tapar buracos" das contas públicas.

Autovía do Morrazo
Autovía do Morrazo | Fonte: © Miguel Núñez.

Segundo Bará, "esta proposta que se vende como globosonda" responde á necesidade de "tapar o buraco" producido pola gratuidade das autoestradas liberalizadas e o rescate das "ruinosas radiais madrileñas".

Insistiu en que o BNG non aceptará "esta chantaxe" que coincide, ademais, coa "estafa" do "macronegocio da autoestrada AP-9". "Os galegos xa levamos pagado cos nosos impostos estes buracos", lamentou.

Seguindo coas cifras que expuxo este luns Bará, a "caixa rexistradora" que, ao seu xuízo, é a AP-9 recadou 3.000 millóns de euros, dos cales 1.000 millóns foron beneficios para a concesionaria. Ademais, indicou que desde 2019 ata 2040 o Ministerio de Fomento calcula que se recadarán 14.556 millóns de euros, dos cales 5.000 millóns tamén serán beneficios.

Por todo iso, Bará anunciou que o BNG rexistrará iniciativas contra a proposta de novas peaxes nas autovías de competencia estatal e esixirá a transferencia da AP-9, que esta "paralizada" pola situación actual da política estatal.

ABEL CABALLERO

O BNG non foi o único que se referiu ao pago de peaxes nas autovías este luns. Tamén o alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, avogou este luns por manter o actual sistema de autovías gratuítas, dado que en España "a cultura de non pagar" polo seu uso "é moi forte".

Caballero subliñou que esta posibilidade "xa se dixo cinco ou seis veces, e esta non será a última". No entanto, constatou que en España "non hai cultura de pago nas autovías", quizá porque a rede de autovías "chegou tarde", e apuntou que a extensión desas infraestruturas viarias se levou a cabo con relativo atraso, en comparación con outros países de Europa. "Foi co goberno de Felipe González, do que eu era ministro de Transportes", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta