O BNG propoñerá no Parlamento "non restrinxir o acceso" ás súas vivendas aos habitantes de Ons

Os nacionalistas pedirán a creación dunha comisión mixta para chegar a "acordos e pactos" á hora de xestionar o espazo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2019 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comprometeuse este martes na localidade pontevedresa de Bueu a dar voz aos veciños da Illa de Ons no Parlamento de Galicia a través dunha proposición non de lei para "non restrinxir o acceso" ás súas vivendas por culpa, ao seu xuízo, da cota establecida pola Xunta.

"Preocúpanos moito que nun espazo singular como é Ons, neste momento a Xunta estea a provocar un problema onde non o había. Non ten ningún tipo de lóxica. É un auténtico abuso que na práctica estea limitado o dereito de acceso aos veciños", criticou Pontón este martes ante os medios.

Para a líder nacionalista, os veciños da illa teñen alí "as súas casas e parte da súa vida", polo que lamentou que o Goberno autonómico non lles permita acceder a elas "dunha forma arbitraria" e "sen escoitar absolutamente a ninguén".

"Se un valor ten un espazo como Ons é todo o patrimonio inmaterial e vivo que segue vivindo na illa. Sen os seus veciños non sería o mesmo. Parece que a Xunta vai dando pasos cada vez máis claros para que o papel dos veciños sexa cada vez menor", asegurou Ana Pontón, polo que engadido que se trata dunha situación "inconcibible" e unha "discriminación", ademais dun "ataque aos valores" da propia illa.

Para o Bloque existe unha preocupación "moi grande" xa que esta situación provoca que "moitos veciños, as súas familias e amistadas non poden acudir con normalidade a Ons". "Non entendo que se poida tratar mellor a quen vén visitar que a quen permitiu que Ons existise", sinalou Pontón.

PARLAMENTO

Por todo iso, Ana Pontón comprometeuse cos veciños a situar no debate parlamentario esta situación cando se retome a actividade en setembro. Así, pretende que se declare aos veciños de Ons como "o valor máis importante da Illa" e que se recoñeza o seu dereito de acceso "en liberdade", así como a súa propiedade.

Tamén pedirán un cambio na xestión da illa. "O que non pode ser é que a Xunta actúa coma se non existise o concello e os veciños", criticou a portavoz nacionalista. Desta maneira, o BNG proporá a creación dunha comisión mixta onde estean representados os veciños, a Xunta e o concello "para que haxa acordos e pactos á hora de xestionar este espazo".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG - Arquivo
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta