A Festa do Demo volverá encher Pontevedra para reivindicar as "trasnadas e o baile agarrado"

A tradicional 'Demo' e o seu séquito demoníaco sairán este venres dos Arcos de San Bartolomé para percorrer as prazas e rúas da zona monumental.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2019 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

O centro histórico da cidade de Pontevedra celebrará este venres, 23 de agosto, a Festa do Demo facendo "trasnadas" polas rúas da localidade e reivindicando o "baile agarrado".

A tradicional 'Demo' e o seu séquito demoníaco sairán dos Arcos de San Bartolomé para percorrer nunha comitiva, a partir das 12.30 horas, as prazas e rúas da zona monumental.

Como sempre, os menores, que tamén poden acudir á cita disfrazados con roupaxes infernais, tentarán arrincar o rabo ao diaño, "como manda a tradición", con bromas e "trasnadas". 'O Demo' volverá saír pola tarde, a partir das 20.00 horas, repetindo o paseo pola zona vella acompañado por música e festa.

Ás 21.00 horas, a praza de José Martí acollerá o tradicional Concerto de San Bartolomé, a cargo da Banda de Música de Salcedo. E ás 21.30 horas, as celebracións desenvolveranse na praza de Curros Enríquez, coa Foliada do Demo, a verbena popular que traslada o público aos anos 50 coas actuacións dos Chichisos e a charanga Os Centenarios.

Esta será unha verbena "desenchufada", xa que non terá megafonía nin luces: "cero watts", chanceou o portavoz dOs Chichisos, Xosé Feijóo.

A concelleira de Festas de Pontevedra, Carme da Silva, e Xosé Feijoo, presentaron este mércores esta foliada, sinalando que un dos principais obxectivos é "recuperar o baile agarrado". Na recreación da verbena non faltará tampouco a vendedora de rosquillas, engadiron.

Festa do Demo en Pontevedra
Festa do Demo en Pontevedra | Fonte: OcioenGalicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta