Era ou non era galego o avó do tres veces campión do mundo de Fórmula 1 Niki Lauda?

Durante moito tempo, e aínda na actualidade, especulouse moito con que as orixes do piloto austríaco estarían en Loña do Monte, unha aldea do municipio ourensán de Nogueira de Ramuín. Sen embargo, tras a súa morte, a Federación de Industrias Austríacas publicou unha biografía do empresario vienés Hans Lauda, ao que identificaba como o verdadeiro avó de Niki.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/05/2024 | Actualizada ás 20:50

Comparte esta noticia

Todos os amantes do automobilismo, e mesmo aqueles que non o sexan tanto, teñen nun pedestal a figura de Niki Lauda. E non é para menos, pois Andreas Nikolaus Lauda foi tres veces Campión do Mundo de Fórmula 1. Caracterizábase por un estilo de condución único, sendo un dos pilotos máis rápidos de todos os tempos. Ata que o 1 de agosto de 1976 un terrible accidente cambiou a súa vida por completo. Ese día disputouse o Gran Premio de Alemaña no perigoso circuíto de Nürburgring, un trazado peculiar que por aquel entón contaba con máis de 22 quilómetros de lonxitude. Nel, case perde a vida. Pero nesta ocasión falamos de Lauda por algo ben diferente ao seu accidente: polas súas orixes.

Accidente de Niki Lauda no Gran Premio de Alemaña
Accidente de Niki Lauda no Gran Premio de Alemaña | Fonte: Motorsport

Nado en Viena (Austria), o 22 de febreiro de 1949, durante moito tempo e aínda a día de hoxe se especula que tiña un avó galego. Ben é sabido que Galicia é cuna de talentos, especialmente no mundo do cine, da literatura e do deporte, e Lauda podería ser unha máis desas figuras que, dun xeito ou doutro, terían no seu ADN xenes galegos. Aínda que na maioría de biografías do tres veces campión de Fórmula 1 se cita que o seu avó paterno era un famoso industrial vienés, Hans Lauda, realmente podería ter raíces galegas. As súas orixes estarían en Loña do Monte, unha aldea do municipio ourensán de Nogueira de Ramuín, onde nacera Juan Lauda Crespo. Xunto ao seu irmán Sixto, Juan, nado en 1890, emigrou primeiro a Bos Aires, despois a Cuba e finalmente a Nova York.

 

 

 

Niki Lauda xunto a James Hunt
Niki Lauda xunto a James Hunt | Fonte: Zume Press

No ano 1976, precisamente o ano no que Niki Lauda tivo o seu gravísimo accidente en Alemaña, o corresponsal de 'ABC' en Galicia, José Fernández Ferreiro, localizaba a Sixto. E nunha entrevista publicada o 20 de xullo, o tío avó do piloto relataba a historia da familia. De padre 'cordeiro' (facía cordas) e sen máis oficio que o de labrador, os irmáns partiron para Arxentina no 1908. Tras cinco anos aló retornaron a Galicia. Sixto quedouse definitivamente na nosa terra, pero Juan volveu a probar sorte nas Américas. Partiu cara Cuba e dende alí logrou pasar a Estados Unidos. En Nova York casaría con outra galega emigrada de Loña do Monte coa que tivo cinco fillos: un deles, José Lauda Soto, o suposto pai de Niki. E é que José Lauda casaría en segundas nupcias cunha austríaca, a que sería a nai do piloto falecido no 2019. 

Na entrevista co corresponsal de 'ABC' en Galicia, Sixto Lauda afirma que nin cre nin deixa de crer que o famoso piloto austríaco sexa o seu parente. Pero di que as coincidencias son moitas. Ademais do apelido, moitos membros da familia de Nogueira de Ramuín gardaban un enorme parecido físico. 'Don Sixto ten cinco fillos e doce netos, un deses fillos parécese moito a Niki', escribía José Fernández Ferreiro en 1976. Pero a que máis se parecía, "case igual, mesmo na forma dos dentes", era unha das súas netas, Ana Belén Iglesias Lauda. O suposto tío avó do piloto relata tamén na entrevista que en Brasil ten un curmá idéntico a Niki, ata tal punto que cando un día nunha revista viron a foto do campión de F1 pensaron que era el.

Con todo, despois da morte de Niki Lauda no ano 2019 por complicacións de saúde, a Federación de Industrias Austríacas publicou unha biografía de Hans Lauda (Viena, 1896-1974), o que fóra o seu presidente entre os anos de 1946 e 1960, e ao que identificaban como o avó do piloto. Hans Lauda xa formaba parte dunha familia acomodada da alta sociedade vienesa cando acadou a súa fama como xurista, e gozou de certo prestixio como directivo das principais compañías minerometalúrxicas da zona, ata que, pertencendo á Amerikanische Magnesit AG (a compañía austroamericana) viuse obrigado a facerse a un lado polas súas ideas filonazis en plena Guerra Mundial.

ASÍ FOI O TRÁXICO ACCIDENTE QUE CASE PON FIN Á VIDA DE LAUDA EN 1976

Era o 1 de agosto de 1976. Nese momento, no Gran Premio de Alemaña, no circuíto de Nürburgring, dous pilotos disputábanse o campionato. Lauda atopábase á fronte do Mundial con 58 puntos polos 35 do seu máximo rival, James Hunt. O austríaco disfrutou dun comezo de temporada espectacular con cinco primeiros postos nas noves carreiras iniciais. A pesares do bo comezo, o por aquel entón piloto de Ferrari sentía como o de McLaren se aproximaba cada vez máis, reducíndose a distancia entre eles carreira tras carreira. O Gran Premio de Alemaña viuse comprometido pola choiva. O ambiente era moi tenso entre ambos competidores e iso podía palparse. Jochen Mass, compañeiro de James Hunt na escudería británica, levou a contraria a todos os pilotos ao calzar neumático seco fronte ao mollado do resto da parrilla.

Tras a primeira volta evidenciouse que Mass elixira a estratexia correcta. Unha única volta bastou para secar a pista, o que obrigou a todos os pilotos a cambiar as súas gomas. Niki Lauda perdeu moito tempo na súa parada en boxes e partía moi por detrás do seu rival. No momento en que cambiou a neumático liso, comezou a marcar un ritmo espectacular co seu monoplaza co obxectivo de recuperar o tempo perdido. Pero a suspensión do seu Ferrari 312T2 rompeu despois de pasar por Bergwerk, unha das curvas do circuíto. Isto empurrou ao monoplaza do campión cara o lado dereito, golpeando de xeito brutal contra as proteccións. O coche de Lauda atopábase consumido polas chamas con el dentro. Por se iso fose pouco, dous pilotos, Harald Ertl e Brett Lunger, embestiron involuntariamente a Lauda ao non velo.

Outro dos competidores, Arturo Merzario, intentou sacar do habitáculo a Niki nunha imaxe angustiosa para aqueles que a viron en directo. James Hunt rematou gañando esa carreira, mentres Lauda non só perdeu esa ronda do campionato, senón tamén a súa orella dereita, cellas e pestanas. Ademais, a causa da inhalación de fumes tóxicos os seus pulmóns quedaron bastante danados. No hospital, inducírono ao coma como medida de precaución e, a pesares de entrar no quirófano coa súa vida en risco, tan só seis semanas despois volveuse enfundar no seu mono vermello para volver competir e defender o título. Aínda que aquel título de 1976 remataría por levalo Hunt. 

A de Niki Lauda é unha das historias máis lembradas da historia da Fórmula 1, e esa temporada foi mesmo recollida polo mundo do cinema, na película 'Rush', de 2013: o ano onde dúas lendas da máxima competición do automobilismo se disputaron ser o mellor piloto levando as súas vidas a un risco máximo. Logo da súa retirada da F1, en 1985, Lauda volveu á executiva da súa aeroliña, Lauda Air. Tamén foi nomeado asesor de Ferrari. En 1999, tras a venda da compañía aérea, púxose á fronte do equipo Jaguar de Fórmula 1 en 2001-2002 como xerente. A finais de 2003 fundou unha nova aeroliña, Niki, que dirixiu ata o ano da súa morte, o pasado 2019. 

Niki Lauda despois do seu accidente
Niki Lauda despois do seu accidente | Fonte: AP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta