Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/05/2024 | Actualizada ás 21:00
Rianxo é unha pequena vila mariñeira situada na costa do Barbanza, a menos de 50 quilómetros de Santiago. Trátase dunha poboación de 10.854 veciños que habitan en 58,8 quilómetros cadrados de territorio. É unha vila moi coñecida polo movemento cultural e político que se xestou nela a partir de finais do século XIX e comezos do XX, sendo o berce de nomes tan importantes para a cultura galega como Castelao, Rafael Dieste, Manuel Antonio, Brea Segade, Eduardo Dieste e Xosé Arcos, entre moitos outros. Todos eles estaban fortemente vencellados ao galeguismo, movemento integrado nas Irmandades da Fala. Con Castelao á cabeza, fundaron a revista 'El barbero municipal', unha publicación que trataba de fomentar a unión da mocidade rianxeira e que se editou dende 1910 ata 1914. Ademais, Rianxo tamén é coñecido pola Rianxeira, canción popular galega convertida nun dos símbolos culturais por excelencia de Galicia e particularmente representativa do colectivo dos emigrantes.
Pero dende o ano 2018, Rianxo tamén pasou a seu coñecida como unha vila chea de cor e de grandes murais que visten os muros das súas edificacións, tanto privadas como municipais. Nada máis entrar no pobo xa se poden ver algunhas pinturas de benvida que alegran a vista ao visitante e fanlle entrar nun universo de ensoño. Isto non sempre foi así, pois foi no 2018 cando se creou un festival de arte coñecido como Viladomar 'máis alá dos muros', que é grazas ao cal se van facendo intervencións en diferentes lugares do municipio. E esta idea partiu precisamente dos artistas locais Novenoel e Lara Torres, e foi un proxecto impulsado por un equipo de traballo pertencente a Ondiñas Mainas, unha asociación cultural que acolle gran diversidade de actividades interxeracionais e que actúa como catalizadora para contribuír a manter a cultura libre e viva en Rianxo. Como non podía ser doutro xeito, dende Galicia Confidencial contactamos con estes artistas locais cos que todo comezou para que nos conten sobre as súas traxectorias e sobre as súas creacións.
Mural de Novenoel en Rianxo | Fonte: Instragam @novenoelVer esta publicación en Instagram
Una publicación compartida por Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Novenoel confésanos que "levo pintando dende o 2006", aínda que non sempre de xeito profesional. "Comecei aquí en Rianxo, na miña vila, pintando na rúa, graffitis, cando era adoslescente", lembra. Foi un pouco máis adiante, coa chegada do festival internacional 'DesOrdes creativas', cuxa primeira edición foi no 2008, cando "comezamos a reunirnos máis xente en encontros para pintar, de toda Galicia e tamén de fóra de Galicia, e empezo a pintar en muros colectivos máis grandes, con pintura plástica e rodillos, obras que requerían máis tempo". A partir de aí "foron comezando a saírme encargos particulares". Recorda que "foi no 2009 cando comecei a ter encargos, á vez que estudaba Ilustración na Coruña, e tamén despois, cando pasei a estudar Comunicación en Santiago, e mentres seguía combinando os estudos con pintar". Dende o 2014 "xa vivía máis ou menos de pintar, combinando ilustración con murais e encargos".
Tras rematar a carreira de Comunicación, foise a México, onde estivo unha tempada, na que "empecei a pintar máis mural, en sitios máis grandes, tipo fábricas, lugares abandonados e zonas da periferia". Agora, aos seus 34 anos, acumula case 20 anos de traxectoria, pois "dende pequeno debuxaba e empecei a pintar na rúa antes de estar estudando algo relacionado coa pintura". No seu paso por México puido notar as diferenzas que alí había con respecto á pintura urbana que aquí se facía. De feito, hai que lembrar que o muralismo non comezou a ser moi valorado en Galicia ata fai ben pouco. "Eu en México puiden ver que alí teñen unha identidade moi vinculada ao mural, o muralismo serve para dar identidade ao pobo, para educar", conta Novenoel, que explica que "mesmo a xente do común, que non ten estudos artísticos, xa o valora". Por iso, tamén "é moito máis fácil pintar nas rúas, eu flipei, porque ías por aí, gustábache un muro, pedíalo e dábancho". Lembra que "saíache traballo moi fácil, mentres que aquí custaba máis, porque aínda se vinculaba moito o muralismo ao tema do vandalismo, e custou que a xente entendera que non tiña nada que ver, porque precisamente a nova corrente do muralismo vai vinculada á paz global".
FONDO: A IDEA DE MIRAR DENTRO DE NÓS E ACTIVAR UN MOTOR ESQUECIDO
Entre as súas obras, moi numerosas xa, destaca dúas que ten na súa propia terra: unha situada no Auditorio Municipal de Rianxo e outra no Cemiterio de Leiro. "Son as mellor conservadas, as máis recentes e as que teñen un formato máis interesante, ao meu parecer", asegura. A que ten no auditorio, en concreto, titúlase 'Fondo' e "vai sobre a idea de recuperar ou acender un motor que temos esquecido". Nel "aparece unha embarcación en primeiro plano que está como abandonada, no sitio onde eu me bañaba de pequeno". "Trátase dun barco e un motor moi específico que se ouvía por aquí fai anos e que tiña un ruído moi característico, pese a que xa non o hai", conta Novenoel. Ademais, "como eu tamén fun un tempo a rastrexar cos mariscadores de a flote, no mural aparece a figura dun mariscador rastrexando, escarvando no fondo". O significado é "mirar dentro de nós e poñernos en funcionamento, activar algo que está un pouco esquecido". A peza é do 2018 e pertence á primeira edición do festival Viladomar. Novenoel ten un especial cariño a esta peza porque "foi a primeira vez na que puxen texto á imaxe, coma se fose unha narrativa gráfica".
CEMITERIO DE LEIRO: CATRO MURAIS QUE FALAN DA VIAXE AO MÁIS ALÓ
Pola súa banda, o mural situado no cemiterio de Leiro, xunto á igrexa de Santa María, nunha ampliación feita polos veciños do cemiterio antigo, está composto, en realidade, por tres pequenos murais e un máis grande. A súa simboloxía está moi clara, tamén polo lugar onde se atopa, e Novenoel detalla que "vai sobre os ríos, tamén porque o Ulla está moi preto de aí e desemboca na ría, entón Leiro está como no fondo da ría". Así, "vai sobre o tránsito que supón o cruce dun lado do río ao outro, da vida á morte, como esa viaxe ao máis aló". Tamén se atopa no mural unha referencia a unha escultura feita por canteiros tradicionais situada xusto enriba da porta da igrexa, na fachada principal, "moi característica e moi próxima ao popular, familiar para os veciños". Todo o mural é unha homenaxe á propia parroquia de Leiro e transmite unha paz e unha serenidade propia do lugar no que se atopa, á vez que lle aporta un toque de cor dentro de tanto gris, facendo algo máis amable a estancia nun sitio tan triste como é un cemiterio.
OUTROS MURAIS NAS PONTES, CEDEIRA, VIGO, ORDES, FRADES OU MESÍA
Fóra de Rianxo, Novenovel tamén conta con obras de referencia noutros lugares. Por exemplo, nas Pontes traballou da man da investigadora e historiadora Nuria Romero, que lle axudou a documentarse sobre a historia de Torivio, "un bandoleiro moi coñecido na zona e sobre o que se contan moitas historias, como que lle roubou un traxe a un indiano que morrera para ir a unha festa". "Hai todo un universo de lendas e mitos ao seu redor", confesa. En Cedeira, elaborou un mural sobre a Serra da Capelada, situado enfronte do concello e que "fala do sei itinerario, fancendo un percorrido pola súa paisaxe, cun punto poético". Tamén en Vigo, na zona Torrecedeira-Pi y Margall, conta cun mural titulado 'Barreras', que vai "sobre o tema naval, amosando as dúas partes do traballo, os que están arriba e mandan e toman decisións e os que están abaixo e obedecen, moi vinculado tamén co oficio do metal". Ordes, Frades, Mesía... a lista de concellos que xa albergan murais de Novenoel é moi extensa.
Mural de Novenoel en Rianxo | Fonte: Instragam @novenoel¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O Consello da Cultura Galega creará un foro participativo tras unha reunión sobre lingua coa Xunta
- A Comisión de Cultura do Parlamento aproba o ditame de Lei de cultura inclusiva de Galicia
- A Xunta di que se compromete a fomentar o ensino do portugués en Galicia
- A Deputación da Coruña promove 'Arte no Camiño', un conxunto de murais artísticos no Camiño Inglés e Fisterra
- A Diocese Mondoñedo-Ferrol farase cargo da biblioteca da poeta Julia Uceda
- Volve o Culturgal con máis de 200 propostas entre o venres 29 de novembro e o 1 de decembro