Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 22/08/2019 | Actualizada ás 16:28
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a deixar de "contar unha película" sobre os 700 millóns de euros que reclama o Goberno galego ao Estado e dedicarse, no seu lugar, a gobernar.
Fíxoo, en declaracións aos medios de comunicación, tras visitar a explotación de produción ecolóxica Orballo. Nelas, recriminou ao titular do Executivo galego estar a practicar unha política de "bandazos" e "aplaudir" un día a Vox e outro "seguir a estratexia" dos indepedentistas cataláns, dixo sobre a decisión de Cataluña de recorrer aos tribunais pola débeda con esta autonomía.
"O presidente da Xunta leva todo o verán contando unha película sobre as dificultades económicas que ten Galicia, á vez que gasta 30 millóns de euros en reformar despachos en San Caetano", reprochoulle Gonzalo Caballero.
Ademais, considerou que as declaracións de Feijóo sobre a débeda do Ministerio de Facenda con Galicia forma parte de "unha estratexia de confrontación co Goberno". "Pondo a Xunta a disposición dos intereses do PP con fin partidista e instrumental", apostilou. Na mesma liña, cuestionou unha "estratexia" baseada, na súa opinión, en "bandazos". "A de aplaudir un día a Vox e a outro a Quim Torra", sinalou sobre o presidente da Generalitat catalá.
O PSOE, "GARANTIA" DE FINANCIAMENTO
"A mellor garantía para o financiamento das autonomías é a garantía que dá o Goberno de Sánchez", incidiu Caballero. Mentres, replicou a Feijóo que "se fala de asfixia da economía de Galicia debería recriminar a Casado os pactos con Vox", afirmou sobre os acordos de goberno do PP con esta formación.
Por outra banda, na súa visita a Paderne o secretario xeral dos socialistas galegos manifestou que o "proxecto de país" que quere o PSdeG para Galicia pasa por "apostar polo medio rural" e por favorecer o incremento da produción ecolóxica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.