Afundación promove dez espectáculos para reforzar a formación do estudantado nas aulas

A programación inclúe propostas de teatro de actor, de monicreques, danza ou música tanto en galego, castelán e inglés, así como un ciclo de cine submarino.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/08/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Co inicio do novo curso, Afundación, a Obra Social de ABANCA, pon en marcha a súa proposta de actividades educativas para escolares programadas para o curso 2019-2020, que teñen como obxectivo reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas, como unha ferramenta que complemente os programas curriculares dos centros escolares e fortaleza a imprescindible dimensión da ética.

Espectáculo de monicreques.
Espectáculo de monicreques.

Así, a programación deseñada por Afundación, na que participan anualmente en torno a 115.000 nenas e nenos, promove unha educación en competencias transversais e valores que potencian nos estudantes o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo.

As artes escénicas comprenden unha liña de traballo importante para a entidade, xa que están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión e desenvolver habilidades sociais. Deste xeito, Afundación programou 10 espectáculos que serán representados nun total de 221 funcións ante escolares de diferentes localidades galegas desde infantil ata ESO.

AS PROPOSTAS

Para os escolares de educación infantil programáronse os espectáculos de marionetas O lobo e a lúa, a cargo da compañía Baobab Teatro, e As fabas máxicas, de Caramuxo Teatro

Pola súa banda, os alumnos e alumnas de educación primaria poderán gozar dunha extensa e completa variedade de espectáculos, como a proposta de Magín Blanco, A nena e o grilo máis aló; Safari, da Baldufa Companyia de Comediants; Gaia, de Cía Entremans; Nana para un soldado, de Teatro dos Ghazafellos; Alice’s adventure, de OnStage Company; e Cinema submarino, en colaboración coa Unversidade de Vigo, destinado tamén para os cursos de primeiro e segundo de ESO.

Ademais, a programación elaborada polo Área Educativa da Obra Social de ABANCA tamén inclúe dúas representacións especialmente pensadas para as nenas e nenos que xa se atopan cursando a ESO e que, para esta etapa da súa vida, demandan unhas tramas adecuadas ás súas realidades diarias. Así, e con vistas sempre a reforzar a aprendizaxe en valores, desenvolveranse as pezas de A vampire story, de OnStage Company, e @ Ritmo de golpes, de Percuseve. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Chedas

Noutras palabras, adoctrinando ós nenos pra ser futuros neoliberais matriculados en universidades privadas e escolas de negocios "éticos". Iso de "autonomía" pode sustituirse por "individualismo". Inglés e español fomentados onde o galego é sistematicanente asoballado. Cando a obra social dun banco entra na escola o público salta pola fiestra..