Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/07/2025 | Actualizada ás 14:16
O festival de monicreques tradicionais Titiriberia celebrará a súa décima edición en Rianxo (A Coruña) do 12 ao 17 de agosto, cunha programación que ofrecerá unha completa panorámica do teatro de marionetas que se fai hoxe na península ibérica. Participarán compañías e artistas de Galicia, Portugal, Valencia, Navarra, Euskadi e Aragón, nunha edición marcada pola descentralización, con funcións que se estenderán por parroquias como O Araño, Asados, Isorna, Taragoña ou Leiro, ademais de espazos emblemáticos como a praia de Tanxil ou o Campo de Arriba, onde se instalará a Feira Vella con obradoiros e actividades para público familiar.
O cartel inclúe compañías como Rede Cloud (Portugal), Firulete (Navarra), Ball de Sant Vito (Valencia), Teatro Arbolé (Aragón), Posto e Toti Martínez e Músicos (Euskadi), e unha ampla representación galega con nomes como Tanxarina, Viravolta, Monicreques Alakrán, A Cova das Letras ou Trécola. Entre os espectáculos destacados figura o ‘Varietés de Barriga Verde’, producido polo propio festival, que terá lugar o xoves 14 de agosto.
Ademais, os días 13 e 14, o actor e titiriteiro Santi Prego impartirá un curso de formación sobre a farsa teatral, destinado a maiores de 16 anos. O obradoiro inclúe visita guiada e charla con figuras do sector, e está aberto a inscrición ata o 9 de agosto. Titiriberia está organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.