O PSdeG censura a "sobreactuación partidista da Xunta" cos fondos de Facenda

Leiceaga cre que Feijóo "pásase polo forro a arquitectura institucional" ao tratar de "converter" isto en "unha ultraxe" a Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/08/2019 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, censurou a "sobreactuación partidista da Xunta" e do Partido Popular con respecto aos fondos das comunidades que o Ministerio de Facenda mantén bloqueados.

A preguntas dos xornalistas en rolda de prensa, Leiceaga opinou que o presidente do Goberno autonómico e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, "pásase polo forro a arquitectura institucional" ao tratar de converter esta cuestión en "unha ultraxe" a Galicia.

Neste sentido, o socialista opinou que estes recursos "teñen que chegar a Galicia", pero mostrouse "preocupado" pola "sobreactuación" e por que Feijóo "presentou isto como unha ultraxe a Galicia, cando non é nada específico de Galicia" senón que afecta a todas as comunidades.

Así, relatou que, cando en xaneiro de 2018 o por entón ministro Cristóbal Montoro "retirou 4.000 millóns" ás autonomías, o líder do PPdeG "dixo que isto xa pasara en 2017" e que era "o normal", posto que "a actualización das entregas a conta depende da aprobación dos orzamentos".

Leiceaga engadiu que a actual ministra en funcións, María José Montero, xa dixo "que lle preocupa" este asunto "e que o quere resolver", pero apelou ao informe de Avogacía do Estado que esgrime que "non o pode facer un Goberno en funcións".

"Como se resolve? Cun novo goberno", argumentou o deputado, antes de puntualizar que ao seu grupo pareceríalle "perfecto" se se atopase outro tipo de "mecanismo" para solucionar a situación. Deste xeito, sobre as declaracións de Montero este xoves, interpretou que "vai haber unha solución este ano".

"GRAVE IRRESPONSABILIDADE"

E terminou criticando tanto a Feijóo, que en 2018 aseverou "non se preocupen vostedes que isto non vai pór en risco a capacidade da Xunta" para afrontar o pago das nóminas dos funcionarios e os servizos sociais, como ao conselleiro de Facenda, por utilizar precisamente este argumento. "Está a rozar unha grave irresponsabilidade", incidiu, antes de reprobar unha "estratexia de tensión que vai máis aló do razoable".

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, en rolda de prensa.
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, en rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

PP

O PP presentou unha iniciativa no Congreso para que o Goberno ofreza ás Comunidades Autónomas créditos sen intereses para que ingresen o financiamento que lles debe este ano e cuxa devolución se compense despois coas entregas a conta que o Goberno ten que liberar.

Os 'populares' rexistraron unha proposición para o seu debate e votación na Cámara que contén esta proposta e detalla os fondos que Facenda incluíu no proxecto de Orzamentos de 2019 que non logrou aprobar. En total, 6.680 millóns de euros entre as 15 comunidades que participan do sistema de financiamento, ademais de Ceuta e Melilla.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta