A nova estación de autobús de Santiago estará operativa a mediados de 2020 co 40% da obra executada

Xunta e Concello identificaron como unha "prioridade" que tanto a nova estación de autobuses como a remodelación da de trens estean finalizadas no horizonte do Xacobeo 2021.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2019 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou este luns que, segundo os seus obxectivos, o 1 de agosto do ano que vén a nova estación intermodal estará "plenamente operativa". Estas declaracións tiveron lugar durante a visita de Sánchez Bugallo e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para supervisar a pé de obra os avances na nova estación de Compostela.

Esta construción, froito da colaboración entre o concello de Santiago, a Xunta de Galicia e Adif, dotará á cidade dunha nova terminal para autobuses conectada coa de trens, xa existente, e vertebrará os barrios do Ensanche e Pontepedriña a través dunha pasarela elevada sobre a mesma infraestrutura.

Durante a supervisión dos avances, Ethel Vázquez declarou que "o 40% da obra xa está executada", porque o traballo dos operarios "é moi intenso e está moi avanzado". Sobre a finalización da estación e a pasarela, a conselleira e o alcalde puxéronse de acordo para afirmar que "a mediados do ano que vén estará lista". Bugallo foi máis concreto ao indicar que, segundo o obxectivo fixado, o "próximo 1 de agosto" estarán operativas.

Sánchez Bugallo tamén lembrou que se está traballando na creación dun novo acceso á estación pola rúa Clara Campoamor e agarda que estea terminado nas mesmas datas, "xa que deben coordinarse o tres actividades".

Ao fío desta visita, a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, denunciou que o concello asume a cantidade de 1.773.000 euros para a construción da pasarela da intermodal, o que supón o 30% do orzamento. "Santiago é o único municipio que asume 1,7 de euros para a obra da pasarela da estación intermodal por culpa dunha mala negociación coa Xunta e ADIF", criticou a nacionalista a través dunha nota de prensa.

NOVA ESTACIÓN FERROVIARIA

Con relación á remodelación da estación ferroviaria, cuxo inicio estaba previsto durante este ano, Ethel Vázquez comentou que "hai certeza de que se executará por parte da Xunta de Galicia, pero incerteza por parte de Adif".

O alcalde asegurou que "antes que finalice o ano haberá un proxecto en claro", pero para iso é necesario que "se levante a cláusula que indica que ata que non haxa máis de 3 millóns e medio de viaxeiros, non se inicia o procedemento para a contratación". Ambos os políticos identificaron como unha "prioridade" que tanto a nova estación de autobuses como a remodelación da de trens estean finalizadas no horizonte do Xacobeo 2021.


A conselleira de Infraestruturas e o alcalde de Santiago, durante a visita
A conselleira de Infraestruturas e o alcalde de Santiago, durante a visita | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta