Un proxecto do CSIC Galicia sobre a construción de estados medievais do Corno de África recibe unha bolsa europea

É a primeira vez que Galicia recibe unha Starting Grant (StG) en ciencias sociais e humanas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2019 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

Catro investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) obtiveron unha axuda da convocatoria Starting Grant do European Research Council (ERC) correspondente ao ano 2019 para un proxecto sobre a construción de estados medievais no Corno de África. Entre eles, atópase Jorge de Torres Rodríguez, quen desenvolverá a investigación nun centro do CSIC en Galicia, o Instituto de Ciencias do Patrimonio, con sede en Santiago de Compostela.

Segundo informou o CSIC, esta é a primeira vez que Galicia recibe unha Starting Grant (StG) en ciencias sociais e humanas e tamén a primeira vez que un centro do CSIC en Galicia obtén esta axuda.

A concesión da StG, dotada cun financiamento de 1,5 millóns de euros, "é un fito e un aliciente", para os investigadores, tal e como resaltou Antonio De Ron, delegado institucional do CSIC en Galicia. De Ron considera que o logro deste prestixioso recoñecemento "demostra o gran labor que se está realizandodesde os centros" en Galicia.

Na mesma liña, Felipe Criado Boado, director do Incipit, afirmou que este proxecto é "moi importante" porque reforza este centro como "unha das entidades de referencia na investigación africanista". "Ademais, trátase un exemplo soberbio da investigación que fai o noso instituto, pois mostra a capacidade de comprender procesos sociais e políticos desde os estudos de patrimonio cultural", engadiu.

O Instituto de Ciencias do Patrimonio ten proxectos de campo vivos en Somalilandia, Etiopía, Chile, Arxentina, Uruguai, Bolivia, Mongolia e Escocia, ademais dos que realiza en Galicia e España.

'StateHorn: Pathways to Statehood: Authority, Legitimacy and Social Diversity in the Horn of Africa (11th-16th centuries)', é o título do proxecto que recibiu a Starting Grant, e ten como obxectivo analizar as razóns do éxito dos estados medievais do Corno de África, en contraste cos problemas dos estados contemporáneos na rexión.

Para iso, utilizarase unha metodoloxía interdisciplinar na que destaca ante todo a importancia da Arqueoloxía. "Preténdese non só documentar arqueológicamente as razóns e estratexias que fixeron estables aos estados do Corno de África no pasado, senón extraer leccións que poidan axudar a xestionar mellor os problemas dunha das rexións máis convulsas do mundo", explicou Jorge de Torres Rodríguez.

Concesión Starting Grant a un proxecto no que participa o CSIC-Galicia para ir a analizar as sociedades medievais no Corno de África (Somalia, Etiopía, Eritrea..)
Concesión Starting Grant a un proxecto no que participa o CSIC-Galicia para ir a analizar as sociedades medievais no Corno de África (Somalia, Etiopía, Eritrea..) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta