O Parque das Illas Atlánticas ofrecerá este verán actividades astronómicas para todos os públicos

A programación inclúe observacións solares e nocturnas, charlas divulgativas e eventos especiais nas Perseidas, con actividades nos catro arquipélagos do Parque Nacional

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 29/06/2025 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia volverá ser este verán un escenario privilexiado para a divulgación astronómica grazas a unha nova edición do programa de actividades organizado pola Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar), en colaboración coa Xunta e co persoal do propio Parque. A iniciativa, que cumpre xa nove anos, desenvolverase entre o 1 de xullo e o 7 de setembro e contará con actividades gratuítas para todos os públicos, incluído o infantil.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitan a Illa de Ons
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitan a Illa de Ons | Fonte: Xunta de Galicia

Dende o ano 2016, as Illas Atlánticas contan coa acreditación como destino turístico Starlight, un recoñecemento que avala a calidade dos seus ceos nocturnos para a observación astronómica. A programación deste ano pretende reforzar esa condición e achegar a astronomía ao público xeral, aproveitando a beleza natural do arquipélago e a escasa contaminación lumínica.

As actividades dividiranse en dúas quendas: observación solar diúrna, de 13.30 a 14.00 horas, e observación nocturna, entre as 23.30 e as 01.30 horas, acompañadas de explicacións de expertos en astronomía. Tamén se organizarán sesións específicas para público infantil, con obradoiros e exploración de corpos celestes, e eventos especiais para a choiva de estrelas das Perseidas, con observacións simultáneas nas illas Cíes e Ons.

CÍES E ONS COMO CENTROS PRINCIPAIS

A meirande parte da actividade concentrarase nas illas Cíes, con programación diaria durante todo o mes de agosto, ademais dos días 6 e 7 de setembro, e nas illas Ons, onde haberá actividades continuadas durante xullo e entre o 9 e o 12 de agosto. Pola súa banda, as illas de Cortegada e Sálvora tamén estarán presentes na iniciativa, aínda que cunha presenza máis puntual: charlas os días 2 e 8 de agosto en Cortegada e unha actividade o sábado 16 en Sálvora.

INSCRICIÓNS

A participación en todas estas accións é de balde, mais será necesario inscribirse previamente nas casetas de información de cada illa. Os grupos organizaranse segundo a demanda e a dispoñibilidade, tendo sempre en conta as condicións meteorolóxicas, determinantes para a realización das observacións.

Con esta proposta, o Parque Nacional reforza a súa aposta pola educación ambiental e científica, promovendo un turismo sostible que combina o goce do patrimonio natural coa divulgación científica ao aire libre.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta