Por que morren as nosas abellas?

A Plataforma contra as fumigacións denuncia que detrás da morte destes animais están as fumigacións aéreas masivas da patronal pasteira. Por iso, este domingo convocan unha manifestación en Melide.

Por Galicia Confidencial | Melide | 28/04/2012 | Actualizada ás 19:57

Comparte esta noticia

Segundo os datos do Parlamento Europeo, o 80% das plantas con flores e o 86% das plantas cultivadas, máis o 76% da nosa cesta de alimentos, dependen de que haxa abellas nos nosos campos. 

None

 

Sen embargo, en Galicia estanse a usar moitos pesticidas que están acabando coas nosas abellas. Unha situación que se está a agrabar coa fumigación dos eucaliptos cun produto altamente tóxico por parte da patronal pasteira Aspapel, segundo denuncia a ‘Plataforma contra as fumigacións, por un futuro sen pesticidas’. 

 

Os perigos das fumigacións

 

Así, critica que a fumigación con medios aéreos, provoca que até o 60% dos agrotóxicos dispersados caian fóra do seu obxectivo e se expandan a quilómetros de distancia do punto de fumigación. Deste xeito, o agrotóxico pode afectar e chegar a espazos naturais , a fincas veciñas con cultivos (derramando a produción ecolóxica se existira),  as zonas habitadas debido a gran dispersión da poboacíon galega, e tamén a auga.  

 

“O obxectivo final e arrasar Galiza para convertela toda ela nun ermo onde non nazan máis que eucaliptos, e onde as persoas deban depender de importar comidas e pensos para poder vivir”, denuncia.  Por iso piden á Consellería do Medio Rural e Pesca que tome cartas no asunto e proíba, definitivamente, este tipo de prácticas. 

 

Esta plataforma convoca a unha concentración-manifestación que terá lugar en Melide o domingo 29 de abril, as 11 horas da mañá na Praza do Convento para denunciar os esfectos que as fumigacións poden ter, non só nas abellas, senón tamén na vida humana. 

 

Este é o manifesto da plataforma: 

 

A “PLATAFORMA CONTRA AS FUMIGACIÓNS. POR UN FUTURO SEN PESTICIDAS” queremos poñer en coñecemento da cidadanía que:  

 

- A patronal pasteira, ASPAPEL, coa colaboración das transnacional química , BASF,   e a connivencia da Xunta pretenden  fumigar mediante medios aéreos cun produto altamente tóxico os eucaliptais galegos afectados pola praga do gorgullo (Gonipterus scutellatus).Con anterioridade foi usado o confidor (principio activo Imidacloprid), insecticida que se segue usando en hortos, invernadoiros, froiteiras, patacas, sementes como as do millo, etc.e que reza na súa etiqueta  “moi perigoso para as abellas”.

 

- Estes pesticidas sistémicos (agrotóxicos) están detrás da progresiva desaparición das abellas galegas, nos lugares onde máis se usan estes pesticidas desapareceron até o 80% das colmeas. Esto convertese nun grave problema a nivel mundial xa que as abellas cumpren unha función vital nos ecosistemas, como vector polinizador. Se as abellas desaparecesen, como os científicos veñen alertando desde hai anos, a supervivencia da nosa especie (e moitas outras) veríase seriamente comprometida; mesmo Albert Enstein advirtiu no seu momento de que a supervivencia da especie humana dependía das abellas.

 

- Este plan supón, polo tanto un ataque salvaxe á nosa soberanía, á máis importante das soberanías que pode ter un pobo, que é a de se poder alimentar a si mesmo. O obxectivo final e arrasar Galiza para convertela toda ela nun ermo onde non nazan máis que eucaliptos, e onde as persoas deban depender de importar comidas e pensos para poder vivir. Iso, nun contexto de devalo do petróleo que encarecerá en gran medida a produción e mais o transporte de todo tipo de bens, incluídos os alimentos, supón  que a longo prazo sexa totalmente insostible dende o punto de vista enerxético. 

 

- A fumigación con medios aéreos, provoca que até o 60% dos agrotóxicos dispersados caian fóra do seu obxectivo e se expandan a quilómetros de distancia do punto de fumigación. Deste xeito, o agrotóxico pode afectar e chegar a espazos naturais , a fincas veciñas con cultivos (derramando a produción ecolóxica se existira),  as zonas habitadas debido a gran dispersión da poboacíon galega, e tamén a auga, polo tanto para nos os consumidores que poderíamos atopar estas toxinas na auga de rego ou de consumo. Alén do perigo para nosa saúde e a dos nosos nenos, xa que é nociva para os que son alimentados con leite  materna.

 

- Xunto a aplicación masiva deste agrotóxico,vai incluído un tratamento biolóxico cunha avispa australiana (Anaphes nitens).Este veleno, o "Cascade", matará tamén á Anaphes e a todo artrópodo nun radio de quilómetros, pólo que sería absurdo e contradictorio fumigar a masa forestal de eucaliptos  con produtos químicos a vez que se está tratando coa avispa. Tratamentos biolóxicos que se veñen aplicando dende fai anos,  e que  segundo as propias fontes da Xunta de Galicia , continúan na actualidade, polo tanto tirando os cartos acabando co traballo feito ate o de agora.

 

- Ademais disto, debe tomarse en consideración que o produto empregado, o Flufenoxuron, é un insecticida que se atopa en período de moratoria e vai desaparecer do mercado polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio.O período de graza concedido polos Estados membros para ser retiradas as súas existencias totalmente expira, como moi tarde, o 31 de decembro de 2012. Dende a Xunta de Galicia non se fai mención a esta cuestión polo que nos fai sospeitar que está dacordo con estas  industrias interesadas, neste caso BASF, en vender os seus “stocks” de pesticidas que nuns meses só poderá colocar en países do chamado "Terceiro Mundo", acto o cal tamén denunciamos.

 

Polo anteriormente expresado amosamos o noso firme rexeitamento a este intento de fumigación e manifestamos que:

 

- Se a Consellaría de Medio Rural segue a avalar as esixencias da industria da celulosa e da industria química, e opta por non parar as fumigacións aéreas con agrotóxicos estará avalando a fumigación masiva da cidadanía galega, da flora e da fauna galegas, e sobre todo levando por diante a nosa soberanía alimentar co exterminio das abellas. Todo isto, para beneficiar, ostentiblemente, ás grandes industrias madereiras e de produción de celulosa, agrocarburantes e agromasa; a costa de comprometer o futuro e a supervivencia dos nosos sectores agrarios e gandeiros e da cidadanía en xeral.

 

Fronte esta visión da administración pública dos nosos montes tan lesiva para o país,como cidadáns negámonos a aceptar que o conxunto do territorio galego se converta na finca privada dunhas poucas industrias con licenza para esquilmar e contaminar ao seu antollo en beneficio único e exclusivo das súas contas bancarias. 

 

- A única solución a esta situación é a prohibición destes pesticidas e calquer agrotóxico,  xa que se trata dun problema que atenta contra as abellas, o medioambiente, a biodiversidade e a saúde pública.. Reclamamos por tanto das administracións a adopción de medidas urxentes tendentes a prohibir o uso destes produtos nas masas forestais e tamén na agricultura. Neste sentido, a producción agraria debe estar orientada cara modelos alternativos, máis sustentábeis  e respectuosos co medio ambiente,  como a producción agroecolóxica. Unha nova agricultura libre de agrotóxicos e transxénicos é necesaria para que as nosas abellas continúen a prestar un servicio natural gratuíto e dun incalculable valor. 

 

- Denunciamos que o principal responsabel da pragas é o monocultivo de eucalipto que se estende por toda Galiza. Ademais de ser unha especie alóctona, este cultivo é un grave erro que converteu os nosos montes en “desertos verdes” causante dunha das grandes lacras do noso país, o lume. A única solución e outra política forestal baseada na multifuncionalidade e a diversidade produtiva  do monte coa utilización doutras especies vexetais, que promovan un uso alternativo ou complementario, baseado na correcta ordenación dos nosos montes e do territorio para que formen parte da sociedade en xeral, e da veciñanza do rural. Isto bastaría para correxir os erros cometidos ata o de agora o mesmo tempo que serven de alternativa o abandono do monte e a xeración de emprego. 

 

- Pedimos que nestas  medidas correctoras e de paralización das fumigacións se impliquen o resto das consellerías,  que como Sanidade ou Medio Ambiente tamén teñen algo que dicir, xa que está en xogo a saúde pública e a nosa propia supervivencia.

 

Con todo o manifestado defendemos “ A biodiversidade e a función produtora de alimentos do noso medio rural,  que so se garante con prácticas agrícolas e forestais que sigan os principios da Agroecoloxía”. 

 

Asina a Plataforma  contra as fumigacións. Por un futuro sen pesticidas integrada por: 

AGA ,SLG , ADEGA , Verdegaia , Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo ,  15M das Mariñas de Betanzos , FRUGA ,  Amigos da Terra ,  Panxea ,  Daiquí,  MEL , Casa do Mel, Casa das abellas, APIBAR, Abella Lupa, SAT,  Erica mel, , Apípolis, A Estruga ,  Asemblea 15-M Viveiro , AGHU , Asociación ecoloxista sociocultural Comokeiras, Millo e Landras,  Asociación Treze Catorce ,  EQUO-Galicia ,  Zocaminhoca ,  Asociación Cultural Xermolos, Redes Escarlata , Rede Galiza Non Se Vende, Cooperativa de Agricultura ecolóxica RAÍNHA LUPA. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta