Luces e sombras da "nova política"

Dende o ano 2015, un novo concepto toma corpo na opinión publicada: a nova política. Esta expresión trata de identificar nominalmente ás novas formacións que xorden no escenario político estatal, tradicionalmente hexemonizado polo PSOE e polo PP. Primeiro foi Podemos co seu exitoso bautismo nos comicios ao Parlamento europeo de 2015. E, despois, tamén Cidadáns co notábel resultado obtido nas eleccións xerais de Decembro de 2015.

Por Xesús Veiga | Compostela | 12/09/2019

Comparte esta noticia
Tense afirmado, con razón, que o denominado “movemento 15-M” foi a orixe causal dos posteriores cambios rexistrados no mapa político. Aquela protesta masiva da primavera do 2011 tivo unha participación moi relevante de sectores da mocidade que non se sentían representados no labor desempeñado polos xestores gobernamentais debido á concorrencia, entre outras, de dúas circunstancias decisivas: as lesivas consecuencias da crise económica aberta a partir do ano 2008 e a constatación de repetidas prácticas de corrupción protagonizadas polos dous grandes partidos do sistema.
 
Diante das persoas mais activas daquel 15-M aparecían dous camiños posíbeis: manter o carácter de movemento cívico extra-institucional (sometido, por tanto, ás inevitábeis lóxicas de fluxo e refluxo na súa vixencia operativa) ou promover un partido político -a ferramenta habitual nos réximes democráticos realmente existentes- que fose capaz de recoller os maiores volumes do apoio social que se detectara naqueles meses do ano 2011. Podemos naceu, pois, como unha organización política que desexaba acadar -mediante o voto nas urnas- o máximo poder dispoñíbel no cadro institucional vixente.
 
O impacto provocado polo partido que encabezaba Pablo Iglesias incentivou a conversión de Cidadáns nunha forza de ámbito estatal. Daquela, diversos analistas sinalaron que algúns sectores do mundo da gran empresa -singularmente pertencentes ao universo financeiro- desexaban a existencia dun “Podemos de dereitas” para contrarrestar o eventual potencial electoral presente entre os segmentos mais descontentos do electorado. 
 
Mais alá de evidentes diferenzas programáticas, Podemos e Cidadáns tiñan en común a pretensión de rexenerar o sistema político. En dous aspectos, polo menos: a loita contra a corrupción (mediante novos ordenamentos xurídicos mais contundentes, a fixación de códigos éticos esixentes para establecer responsabilidades políticas e asumindo limitacións na duración dos mandatos no exercicio representativo) e medidas para democratizar a vida interna dos partidos respectivos.
 
Coa experiencia que proporcionan os anos transcorridos pódense sinalar as luces e as sombras da “nova política”. No relativo á corrupción cumpríronse, polo momento, algunhas das expectativas criadas no ano 2015. No caso de Podemos, os espazos de poder xestionados no ámbito municipal e autonómico non reproduciron as tendencias tóxicas tan presentes na vida pública durante os últimos anos. A conclusión con Cidadáns ten que ser moito mais provisoria por canto non ocupou responsabilidades gobernamentais de certa importancia aínda que xa demostrou -nos recentes pactos postelectorais- algunhas importantes renuncias a respecto das súas promesas de rexeneración. Se analizamos os cambios habidos no funcionamento interno desas organizacións constatamos unha dupla realidade: xeralizouse o uso das primarias para seleccionar candidaturas e dirixentes e, ao mesmo tempo, tivo lugar unha evidente dinámica cesarista que orixinou un notábel hiperliderado e a perda de referentes que dotaran de mais coralidade ás equipas dirixentes.
 
Aínda que non o formulen explicitamente, Partido Socialista e Partido Popular coinciden nun desexo común: recuperar a paisaxe bipartidista existente ate o ano 2015. E para iso van aproveitar, loxicamente, todos aqueles episodios ou prácticas que demostren que as novas formacións políticas non son quen de rachar coas vellas tradicións e, xa que logo, resulta preferíbel optar polos formatos orixinais.
 
Veremos se nos vindeiros meses gañan credibilidade aquelas voces que pretenden rematar coa suposta anomalía do actual mapa político. Tal circunstancia dependerá moito dos erros ou deficiencias que podan cometer as forzas que encarnaron, nestes últimos anos, a marca da “nova política”.
 

Pedro Sánchez (PSOE) e Pablo Iglesias (Podemos)
Pedro Sánchez (PSOE) e Pablo Iglesias (Podemos) | Fonte: RTVE.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.