Ana Pontón asegura que Feijóo "teno moi fácil" se quere apoiar a Sánchez

Segundo a portavoz nacional do BNG "todo isto non é máis que un novo capítulo na desesperación de Feijóo por facerse notar, que vai de ocorrencia en ocorrencia e facéndose emendas a si mesmo".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2019 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dixo este venres, sobre a proposta do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de propoñer a Pedro Sánchez unha coalición de goberno PSOE-PP ou un pacto de lexislatura, que se o mandatario galego "quere apoiar a Pedro Sánchez teno moi fácil".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. EUROPA PRESS - Arquivo
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. EUROPA PRESS - Arquivo

En rolda de prensa, Pontón incidiu en que "se Feijóo quere apoiar a Sánchez teno moi fácil; se Feijóo é o presidente que manda no PPdeG pode dicirlle aos seus deputados e deputadas que apoien a Sánchez".

"Se o fai -engadiu- eu pediríalle que polo menos non o faga gratis, senón que teña algunha contraprestación para Galicia; podería pedirlle que, por exemplo, desbloquee os 700 millóns de euros, que haxa un estatuto das  electrointensivas, que solicite a transferencia da AP-9 e o fin da estafa das peaxes, ou un modelo de financiamento para Galicia", afirmou a nacionalista.

Para Pontón, "todo isto non é máis que un novo capítulo na desesperación de Feijóo por facerse notar, que vai de ocorrencia en ocorrencia e facéndose emendas a si mesmo".

A dirixente do BNG cre que se está #ante un escenario político "no que imos ir case seguro a eleccións", e, de ser así, cre que Galicia "ten unha oportunidade e os galegos e galegas téñeno que reflexionar, porque é o país que máis necesita ter unha voz propia en Madrid".

Expuxo que para a comunidade autónoma "hai temas importantes nos que nos xogamos centos de postos de traballo, nos que nos xogamos temer un financiamento xusto para o noso país, o futuro do noso medio ambiente".

"Na actual tesitura Galicia non existe no Estado, e cando non existimos non hai solución para os nosos problemas. Se algo saben os galegos e as galegas é que cando o BNG está, Galicia ten unha voz que a defenda".

A actual situación de bloqueo político é considerada por Pontón "unha irresponsabilidade", e cre que "PP e PSOE seguen incidindo nunha idea moi perigosa como é o descrédito da política".

Advertiu Ana Pontón ao presidente en funcións Pedro Sánchez de "que teña coidado coas enquisas", e que reflexione o que lle ocorreu ao PSOE en Andalucía ou a vitoria de Donald  Trump en Estados Unidos. "Pensar no que din as enquisas non deixa de ser unha irresponsabilidade e unha maneira de non ter en consideración o que votaron as persoas", manifestou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Currelante

Ana Pontón pérdese por Pedro Sánchez. O BNG derrétese por aupar ao PsoEspañol ao poder. E non disimulan. Entendémolo, da mesa do señor sempre pode caer un óso para satisfacer necesidades dos que o protexen... Se o PsoEspañol é dereita disimulada e rancio españolismo explícito, que outra esperanza (fóra do óso ventureiro) aguardan no BNG ou en Podemos? E claro que o natural sería o apoio do Partido Podre a Sánchez, traballan para o mesmo amo! Aquel que os canciños con colar progre, querendo ou sen querer, defenden!