Pais do Cruceiro de Canido de Ferrol non envían os seus fillos a clase por falta "de seguridade" nas obras do centro

A ANPA advertirá nun informe a Inspección da Consellería de Educación de que "calquera dano que sufran" os escolares "será denunciado" penalmente.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 14/09/2019 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

Os alumnos do colexio Cruceiro de Canido de Ferrol tampouco acudirán ás aulas o vindeiro luns, tal e como acordaron os seus pais e nais nunha asemblea celebrada na tarde deste venres, e que fora convocada para abordar a situación creada no centro escolar con ocasión das obras que se están desenvolvendo no mesmo.

Colexio Cruceiro de Canido de Ferrol.
Colexio Cruceiro de Canido de Ferrol.

Todo eles quedaron emprazados para o vindeiro mércores, día 18, á mesma hora, para "valorar as accións realizadas e decidir os seguintes pasos a dar".

No mesmo trasládase que desde "a dirección non se permitiu a entrada ao centro de membros da ANPA para valorar a situación", pero que a pesar diso "se puido informar os pais do estado das instalacións por visitas realizadas en días pasados e por diferentes opinións dos docentes", destacando que "as xanelas de seis aulas seguirán tapiadas, o que leva aos alumnos a estar sen luz natural e sen ventilación".

Durante a asemblea, tamén algúns pais fixeron constar "diferentes problemas de seguridade que non se estaban tendo en conta, como material de obra, con ferros de fibrocemento, cun valado de fácil acceso aos nenos na zona dos recreos, así como parafusos e pernos de grandes dimensións tirados polo campo ou lixo esparexido por diferentes áreas".

MEDIDAS

Nesta asemblea tamén se acordou que a Federación de ANPAS solicitará este luns, día 16, que "o Concello de Ferrol envíe un técnico en seguridade para realizar un informe onde se certifique que o colexio se atopa en condicións de seguridade óptimas para iniciar as clases".

Ao día seguinte, martes, presentarase un informe ante a Inspección de Educación da Xunta, "dando traslado de todos os problemas de seguridade atopados e onde se lles notificará que calquera dano que sufran os nosos fillos será denunciado a través da vía penal".

Por último, desde a ANPA aseguran que a decisión de non mandar os seus fillos ao colexio "non se toma de calquera xeito, xa que todos os pais e nais temos que conciliar coa nosa vida laboral, situación que está a facer que moitos pais mostren a súa preocupación, pero aínda así se estean vendo obrigados a levar aos seus fillos ao colexio", e inciden en que "os nenos asmáticos e con alerxia ao po son os peor parados no caso de iniciarse as clases".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta