Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2019 | Actualizada ás 15:33
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, sinalou que en 2020 empezarán as obras de ampliación do Paseo Marítimo entre Marín e Pontevedra, tras finalizar este mesmo mes o prazo para presentación de ofertas.
"Hoxe estamos máis preto de facer realidade este proxecto", dixo Javier Losada este martes en Pontevedra en referencia a esta "demanda histórica" de conectar estes dous municipios polo litoral e que "une persoas".
O proxecto deseñado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica conta cun investimento de 2,5 millóns para completar dous quilómetros de paseo conectando os tramos xa existentes. O prazo de execución, tras ser adxudicado, é de nove meses.
O primeiro tramo desta obra ofrecerá continuidade á pasarela peonil de Praceres con outra pasarela metálica duns 800 metros de lonxitude. O segundo dará continuidade ao paseo cunha senda peonil con carril bici, de máis de 1.200 metros, para o que se suprimirá o carril dereito da calzada en sentido cara a Marín.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrouse "contento de que por fin se licite esta obra", aínda que lembrou que "hai cousas aínda pendentes".
Neste sentido, demandou que se contemple un carril bici xunto a este paseo peonil e que se complete a conexión peonil ata conectar con Marín, unhas demandas sobre as que apuntou que "vexo boa actitude e iso é importante".
Finalmente aproveitou a presenza do delegado do Goberno para trasladarlle a necesidade de "axilizar" as obras de construción da autovía A-57 e a nova ligazón do nó de bombeiros "que ten un atraso importante".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.