O BNG censura a viaxe "electoral" de Feijóo a Arxentina e compáraa cos contratos de Pemex na campaña de 2012

Pontón avanza que pedirá a comparencencia de Feijóo en pleno para que remita os acordos asinados co Goberno arxentino.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2019 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censurou o "uso electoral" da viaxe a Arxentina do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e comparouno co acto celebrado en setembro do ano 2012 no que o mandatario popular participou na firma dun contrato coa empresa petrolífera paraestatal mexicana Pemex.

Ana Pontón (BNG)
Ana Pontón (BNG) | Fonte: Europa Press

"Estamos ante un Pemex II", aseverou a líder frontista este venres en referencia ao acto polo que Núñez Feijóo foi reprendido pola Xunta Electoral ao celebrarse a poucos días das eleccións autonómicas de 2012 nas que o popular obtivo a súa segunda maioría absoluta.

Sete anos despois, o Bloque considera que a visita a Arxentina esta semana "desprende tufo electoralista" e acusa a Feijóo de "repetir un modus operandi que debería darlle vergoña, pois consiste en facer os mesmos anuncios e as mesmas promesas sen base".

"Estamos con claridade ante un 'Pemex II' e todas lembramos como acabaron eses anuncios: en fume, en barcos que non se construíron e cos seus amigos mexicanos imputados por corrupción", incidiu Ana Pontón.

Deste xeito, Pontón pon o foco en que existen "paralelismos" entre a viaxe a Arxentina e o acto de firma con Pemex para a construción de dous floteis nos estaleiros de Navantia.

Faino despois de que o pasado xoves, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Agricultura, Gandaría e Pesca do Goberno arxentino, Luís Miguel Etchevehere, avanzasen un acordo para que a metade dos barcos que operan en augas de Arxentina poidan construírse en estaleiros galegos.

"Agora que parece que o filón de México se acabou, o señor Feijóo percorre Arxentina con anuncios sen ningún tipo de confirmación oficial, convencido de que pode enganar aos galegos todo o tempo", remarcou Pontón.

PROSPECCIÓNS NA COSTA ARXENTINA

Doutra banda, a líder nacionalista tamén se referiu a outro dos asuntos expostos por Feijóo tras a reunión co ministro arxentino de Pesca.

O mandatario galego asegurou que existe o compromiso do Goberno de Arxentina de que as prospeccións en busca de petróleo que planea realizar na súa costa non afectarán a zonas nas que operen barcos de empresas galegas.

Con todo, Pontón recela deste compromiso e tacha o anuncio de Feijóo de "meras palabras" que non están sustentadas "en documento algún".

MOZOS DESCENDENTES DE GALEGOS

Por último, a portavoz nacional do BNG tamén se detivo nas palabras de Feijóo nas que convidou os mozos arxentinos descendentes de galegos a retornar a Galicia, aínda que, para Pontón, debería explicarlles "que clase de emprego lles ofrece cando ten o país sumido nunha crise industrial" ou que ocorreu "cando hai máis de 200.000 galegos de primeira xeración que tiveron que coller a maleta por falta de oportunidades".

Así as cousas, o Bloque avanzou que pedirá na Cámara a comparecencia do presidente galego para que informe desta viaxe no pleno, ademais de que solicitará que remita ao Parlamento "todos os acordos asinados" co Goberno arxentino.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta