Pemex (II): opacidade, creba técnica e deslocalización de Barreras

A mala xestión de Petróleos Mexicanos, en creba técnica, as irregularidades nas contratacións, a polémica e frustrada experiencia da paraestatal mexicana como accionista de Repsol e a súa teima por tomar a tecnoloxía doutras empresas poñen en dúbida as súas intencións para co estaleiro vigués Hijos de J. Barreras. GC ofrece as claves da estratexia agresiva de Pemex para levar o estaleiro galego a México.

Por Alberto Quian | Vigo | 13/05/2013 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Petróleos Mexicanos non só está intervida pola corrupción e as redes do narcotráfico. A empresa paraestatal vén padecendo a incompetencia e neglixencias demostradas e documentadas dos seus xestores, que levaron a petroleira á creba técnica, cunha débeda bancaria descomunal de 48.000 millóns de euros.

Torre Pemex, sede central da empresa paraestatal mexicana
Torre Pemex, sede central da empresa paraestatal mexicana | Fonte: Eneas

A produción de petróleo de Pemex caeu estrepitosamente nos últimos anos e os atrancos da Constitución mexicana á apertura das portas a inversores estranxeiros condenaron á empresa pública a unha situación de declive agravada pola corrupción e os desmandos. Á crise financeira de Pemex hai que sumarlle as fendas tecnolóxica, de credibilidade e de legalidade nas que se afundiu a paraestatal.

As irregularidades nas contratacións forman parte do normal funcionamento desta empresa, cualificada pola propia prensa do seu país e en diversos informes como unha compañía opaca na que non hai uns mínimos de transparencia. Ademais, Pemex leva tempo padecendo un subdesenvolvemento tecnolóxico que levou aos seus xestores a priorizar unha estratexia agresiva de investimentos en empresas foráneas para poñer en marcha a transferencia tecnolóxica que precisa Pemex para mellorar os seus desfasados sistemas e infraestruturas. Este será precisamente o obxectivo de Pemex coa toma de control do 51% do capital do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras.

Obxectivo prioritario: a transferencia tecnolóxica

As mínimas reformas que se aprobaron no Congreso mexicano no ano 2008 en materia de enerxía foron encamiñadas principalmente a aumentar a eficiencia de Pemex e permitirlle a contratatación de compañías foráneas, esperando ter maior acceso aos coñecementos e experiencias tecnolóxicas dos que carece a mexicana. Porén, os expertos da axencia de intelixencia global Stratfor xa viñan advertindo de que os principais campos de extracción en terra, como Cantarell, estaban xa en declive desde hai anos, o que plantexaba "interrogantes sobre se as reformas poderían ser moi escasas e tardías".

Estación de Pemex
Estación de Pemex | Fonte: Travis S. en Flickr

Todos os analistas veñen coincidindo en sinalar o subdesenvolvemento tecnolóxico que arrastra Pemex, que lle impide poñer en marcha plans de explotación para aumentar a súa produtividade. Esas limitacións técnicas, a falta de know-how, xa as evidenciou o informe de Business Monitor International titulado 'Mexico oil & gas report Q4 2011', de outubro de 2011. Nunha análise DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades), sinalábanse como unha clara ameaza para Pemex e, polo tanto, para as contas do Estado mexicano que engorda cada ano a paraestatal, a "caída a longo prazo da produción nacional de petróleo".

Neste mesmo informe alertábase da "opacidade" na que se desenvolve esta empresa, xa que as cifras que vén dando a paraestatal sobre as súas reservas "son cuestionadas por algúns analistas, debido ao monopolio de Pemex na avaliación de reservas". 

"Segundo as estimacións independentes, en xeral, estas amosan cifras máis conservadoras. Porén, ambas as dúas partes están de acordo en que as reservas probadas de México están caendo constantemente a medida que os novos descubrimientos non poden compensar o envellecemento dos principais campos", explicábase neste documento.

O informe era categórico: "Pemex terá que formar alianzas con empresas petroleiras internacionais nun esfozo por gañar o acceso á tecnoloxía necesaria, do contrario a campaña de perforación da empresa podería levar moito máis tempo do esperado".

Perigo de deslocalización para Barreras

Unha vez feito público o acordo alcanzado para que Pemex se faga co control do 51% de Barreras e, polo tanto, obstente o poder absoluto sobre a empresa galega, os mexicanos non disimulan a súa intención de levar a cabo unha transferencia tecnolóxica completa que remataría coa deslocalización de Barreras. Existen os suficientes indicios para pensar que a medio prazo, Vigo podería dicir adeus a súa factoría, insgnia do naval galego, e resignarse a ver como os mexicanos levan e muxen a alfaia naval viguesa para alimentar as contas do Goberno do país azteca.

A prensa mexicana non encubre as intencións da paraestatal do seu país para co estaleiro vigués Hijos de J. Barreras. Pemex acabará transferindo ao outro lado do Atlántico, a medio prazo, o coñecemento tecnolóxico de Barreras para crear capacidade construtora de buques especializados en México, co fin de poder atender a demanda da empresa pública azteca, segundo recoñeceu a propia empresa mexicana.

É dicir, a incursión de Pemex en Vigo podería facer bo o refrán de "pan para hoxe e fame para mañá", xa que se dá por feito que os mexicanos desmantelarán e levaranse o estaleiro galego para facer fortes investimentos en México. A suma total será de 535 millones de euros para anovar a súa frota petroleira con cando menos 81 embarcacións para Pemex Exploración y Producción (PEP) e outros 51 buques para Pemex Refinanciación. Fontes de Pemex insisten en que os recursos que aportarán para a toma do 51% de Barreras proceden do orzamento destinado pola petroleira á compra dos floteis.

Se se cumpren os plans de Pemex, a deslocalización de Barreras non tardará en producirse. 

Segundo Pemex, o obxectivo que persegue é transferir a medio prazo o coñecemento tecnolóxico de Barreras para crear capacidade construtora de buques especializados en México, concretamente na súa base de operacións de Ciudad del Carmen, no Estado de Campeche (suroeste da península de Yucatán), co fin de poder atender a demanda da paraestatal.

Con todo, tanto a Xunta como a patronal amosánse satisfeitos co acordo para que a petroleira mexicana controle Barreras a cambio da construción de dous buques hotel e restan importancia á transferencia tecnolóxica. 

Pola súa banda, os sindicatos galegos esixen "transparencia" e na oposición, os socialistas temen que existan "cláusulas ocultas" no acordo entre Pemex e Barreras, mentres que os nacionalistas observan que a intención dos mexicanos é “apropiarse do capital tecnolóxico” do estaleiro vigués. O certo é que os aspectos máis sensíbeis do acordo son aínda confidenciais e pouco se sabe das condicións impostas polos mexicanos, algo que non sorprende se temos en conta que a opacidade forma parte da cultura empresarial de Pemex.

Creba técnica de Pemex e "problemas de opacidade e ética"

Os medios mexicanos falan de Barreras como unha "empresa en creba" sobre a que tomará o control Pemex co 51% do capital. Pero Pemex tamén é unha empresa en "creba técnica", como recoñece o analista da industria enerxética David Shileds na publicación Reforma. De feito, estímase que a débeda de Pemex coa banca acredora é colosal e ascende a uns 48.000 millóns de euros, dos cales preto de 38.000 millóns están atrapados en bancos estranxeiros e o resto en entidades mexicanas.

Shields lanza varias interrogantes que deben ser respondidas e dubida da capacidade de Barreras para satisfacer a demanda de Pemex: "Si, Hijos de J. Barreras podería construír cando menos uno dos floteis que Pemex Exploración y Producción (PEP) podería requirir para traballos en augas profundas. Pero Barreras non é unha compañía especializada en infraestrutura petroleira, nin é un estaleiro indicado para a renovación da frota menor de Pemex. Por iso, Pemex xa negociaba con varios outros estaleiros galegos sobre a frota menor e sobre outro flotel. Entón, Barreras xestionará negocios navais con Pemex para todo o 'ecosistema' de estaleiros galegos? Será positivo que esa adquisición poda 'crear capacidade construtora de buques especializados en México', como promete Pemex. Que nos expliquen como".

Ademais, o analista apunta a unha artimaña do Goberno mexicano e Pemex para saltarse a legalidade na compra de Barreras, dándolle a volta ao Artigo 134 da Constitución mexicana, que "obriga a concursar as adquisicións públicas en México. (Recorden que PMI Internacional, o brazo comercial de Pemex, asumiu e firmou o compromiso de construír os floteis, para ofrecelos directamente a PEP)", advirte Shields, quen conclúe: "Vese difícil que Pemex poda encargar obra pública mexicana futura sen licitación a ese estaleiro, agás que sexa a través dun arranxo coa Secretaría de Marina para renovar a frota menor".

Finalmente, David Shileds cuestiona o acordo ao considerar que "hai problemas de opacidade e ética non resoltos neste asunto".

"Ademais, a situación laboral e social é tensa e conflitiva nos estaleiros galegos, reflexando a severa crise económica española. Esa lea tamén a compraría Pemex? É moi loábel que México e Pemex queran apoiar a España, pero nos convén así ese negocio?", pregúntase.

Tamén o xornal mexicano La Jornada cuestiona nun editorial o contrato entre Pemex e Barreras, "subscrito practicamente en secreto e sen licitacións públicas de por medio", e advirte de que "a discrecionalidade nestes asuntos pode resultar moi custosa, como quedou de manifesto coa aventura corporativa de Pemex en Repsol, e non só en termos de perdas económicas, senón tamén en desgaste da credibilidade da administración pública no seu conxunto".

Estratexia fallida e polémica en Repsol

Pemex ten experiencia en España como inversor desde o ano 1979, cando fixo investimentos en Petróleos do Norte, S.A. (Petronor) —hoxe filial de Repsol—, do que se converteu no primeiro accionista cunha participación do 34.28 %. No ano 1990 acordou co Instituto Nacional de Industria (INI) o troco da súa participación en Petronor por accións de Repsol, de cuxo grupo é socio fundador, e pasou a converterse nun dos seus maiores accionistas. Pemex autocualificouse como "socio leal" de ambas as dúas sociedades.

Mais a súa experiencia non convida a ser optimista de cara ao futuro de Barreras. O 29 de agosto de 2011, Pemex acordou co conglomerado construtor español Sacyr-Vallehermoso votar conxuntamente como accionistas de Repsol para facerse co control da compañía. Os pequenos inversores da petroleira española denunciaron entón que ese acordo carecía de transparencia e acusábanos de  incumprimentos legais e uso de información privilexiada. A paraestatal mexicana defendeu ante a Comisión Nacional del Mercado de Valores española (CNMV) a legalidade da súa operación.

A Asociación Española de Accionistas Minoritarios de Empresas Cotizadas (Aemec) solicitara á CNMV indagar se Pemex usara información privilexiada na compra do 4,69% de Repsol, porcentaxe que sumada ao 4.8% que xa controlaba, alcanzaba o 9,4%, converténdose no terceiro accionista da compañía española, tras Sacyr-Vallehermoso e La Caixa catalana. Desde esa nova posición de poder, Pemex acordara sumar os seus votos no consello de administración aos da construtora, co 20 por cento das accións, formando así unha alianza de enorme poder na petroleira española. A operación para Pemex supúxolle un custo duns 600 millóns de dólares.

Na súa denuncia, Aemec consideraba que Pemex infrinxira a normativa de información privilexiada, abuso de mercado e de comunicación de informacións sospeitosas, así como a posíbel existencia dun cambio na estrutura de control de Repsol que obrigaría a presentar unha Oferta Pública de Accións (OPA) pola totalidade do capital social.

Como no caso de Barreras, Pemex pretendía utilizar tamén a tecnoloxía de Repsol para aumentar o seu programa de perforación mar adentro. A analista de Stratfor Karen Hooper xa advertía en 2011, nun correo intercambiado o 6 de outubro con colegas da axencia de intelixencia global, que tiña "claro" que esa era a intención principal de Pemex, que "non dispón da tecnoloxía para ampliar as reservas probadas, a produción e as reservas coñecidas están caendo, e o orzamento do Goberno depende en grande medida dos ingresos do petróleo para os seus gastos". 

O aumento na participación no capital da española Repsol YPF foi o inicio dunha nova estratexia de expansión de operacións de Pemex no estranxeiro, que incluía, entre outros obxectivos, ampliar as súas exportacións de petróleo cru a novos mercados como India e China.

No ano 2011, o medio mexicano La Jornada revelou a estratexia global de Pemex, contida no documento 'Contexto do aumento de participación de Pemex en Repsol', no que se destacaba que a maior participación de Pemex en Repsol formaba parte dos plans estratéxicos de crecemento que a paraestatal mexicana trazara para incrementar a súa produción e incorporar novas reservas petroleiras. Estes obxectivos estratéxicos eran: adquisición e construción de activos internacionais que faciliten a loxística de produtos e, en particular, capacidade de procesamento, ductos e capacidade de almacenamento.

O que máis lle interesaba a Pemex era ter acceso a un amplo portafolio tecnolóxico de Repsol. O que buscaba a empresa mexicana era o acceso á tecnoloxía a un prezo moito máis barato do que lle custaría noutra compañía. A empresa mexicana quería conseguir como fose o programa de interpretación de datos de sísmica denominado 'Caleidoscopio', creado en 2007, que procesaba 15 veces máis rápido as imaxes que calqueroutra alternativa tecnolóxica. Este programa fora desenvolvido en colaboración coa Universidade de Stanford, IBM e o Centro de Supercomputadora de Barcelona (UPC). Co acceso a 'Caleidoscopio', Pemex podería utilizar estas ferramentas na exploración de augas profundas e nos campos de alta complexidade como Chicontepec.

Pemex tamén tiña interese en acceder a ferramentas como 'Sherlock', proxecto multidisciplinario de xeoloxía, xeoquímica e química analítica de alta resolución, que permitiría á paraestatal mexicana diminuír o risco xeolóxico e aumentar a taxa de éxito exploratorio.

Ao mesmo tempo, estaba buscando ter acceso a fontes adicionais de reservas e produción de xeito directo ou a través de alianzas para proxectos internacionais; por exemplo, en Cuba ou Brasil, onde Repsol posúe importantes portafolios de exploración.

Pemex negou que quixera roubarlle tecnoloxía a Repsol

O por entón director xeral de Petróleos Mexicanos, Juan José Suárez Coppel, asegurou que o obxectivo primordial ao ampliar o paquete accionarial en Repsol era ter un maior peso da paraestatal mexicana na toma de decisións da petroleira española, sen pretender o seu control.

Nunha entrevista con Carmen Aristegui, en MVS Noticias, Suárez Coppel rexeitou as acusacións de que a compra das accións de Repsol fose abusiva e negou que o seu propósito fose roubar tecnoloxía, principalmente a desenvolvida para a exploración en augas profundas.

O 2 de setembro, Pemex anunciou á Comisión Nacional do Mercado de Valores a compra do 4,69 por cento do capital de Repsol YPF, porcentaxe que se sumaba ao 4,8 por cento que xa controlaba desde 2008, despois de subscribir e renovar a súa participación en Repsol a través de swaps con institucións financeiras sobre 58 millóns 679 mil 799 accións polas que obtivo os dereitos económicos e de voto adicionais.

Nun comunicado enviado á CNMV, a empresa facía pública unha adquisición feita a través da súa filial nas Antillas Holandesas, P.M.I. Holdings, de 56 millóns 377 mil 90 accións de Repsol YPF por uns 1.150 millóns de euros.

Malia as declaracións do director de Pemex, en Repsol viron a operación como unha ameaza e decidiuse suspender os seus dereitos de voto e restrinxir a participación da paraestatal mexicana no consello de administración. O enfrontamento entre os accionistas mexicanos e españois derivou en accións legais e Pemex impugnou aquela decisión. Para os españois, era evidente que a paraestatal mexicana tiña un conflito de intereses por ser un competidor directo, especialmente na área de exploración, polo que a compañía mexicana podería verse obrigada a saír do consello.

Nun coreo entre analistas de Stratfor enviado o 28 de setembro de 2011, Robert Inks entendía que a intención de Pemex e Sacyr era "reestruturar" Repsol. Ademais, incidía tamén en que Pemex planexaba "utilizar o seu investimento en Repsol para obter acceso ás tecnoloxías de perforación en aguas profundas" da empresa española.

O plan pasaba pola "incorporación de Repsol á estrutura enerxética nacional" mexicana, apuntaba Inks, quen explicaba entón que "tal esquema, se ten éxito, podería ter un impacto significativo e positivo no futuro do petróleo de México".

Perdas millonarias e desinvestimento

Agora, logo de 20 meses e un investimento de 1.500 millóns de euros, Petróleos Mexicanos clasificou a súa participación accionarial de case o 10% na propiedade de Repsol como activos dispoñíbeis para a súa venda. A súa intención de desinvestir na petroleira española coincide coa súa toma de control do estaleiro galego Barreras, onde Pemex ten tamén como obxectivo prioritario a transferencia tecnolóxica cun custo moi baixo para os mexicanos.

Segundo a propia prensa azteca, os informes oficiais precisan que Pemex acumula xa unha perda dun 650 millóns de euros (equivalente a case o 50% do valor inicial da operación), pola adquisición, en agosto de 2011, de 57.204.240 accións, co que Pemex incrementou o dereito económico e de voto en Repsol até case o 10%. Unha operación que fora financiada no 70% coa contratación de débeda e o resto con recursos propios que mantiña a paraestatal en caixa.

A compra das accións de Repsol por parte de Pemex en 2011 realizouse a través de operacións con diversas entidades, entre as que se atopan HSBC, Credit Agricole CIB, Natixis e Grupo Financeiro Inbursa. O asesor financeiro desta transacción foi Credit Agricole CIB.

O entón director xeral de Pemex xustificou a compra de accións de Repsol non só polas ganancias financeiras que estimaba que lles reportarían, senón tamén por gañar en ideas, tecnoloxía, capacidade de execución e de xestión.

Na segunda quincena de abril de 2012, as accións de Repsol, en declive nos mercados financeiros internacionais, sufriron un gran descalabro despois de que a presidenta de Arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, determinara nacionalizar o 51% das accións pertencentes a Repsol YPF, unha das filialis de máis valor da petroleira española.

Máis adiante, ante a imposibilidade de pagar utilidades en efectivo, o 19 de xuño de 2012 Repsol emitiu un programa de pago de dividendos en accións, polo que o 5 de xullo de 2012 Pemex recibiu 2.600.191 accións como pago de dividendos en especie.

Ao peche do primeiro trimestre de 2013, e segundo o valor de mercado das 59 millóns 804 mil 431 accións, Pemex arrastra unha perda duns 643 millóns de euros.

Desconfianza

Mentres Pemex fala de afastarse de Repsol, o presidente da compañía española ofrece unha versión radicalmente oposta e di que é a petroleira española a que non quere a Pemex no seu accionariado.

As fontes de Repsol aseguran que o seu presidente, Antonio Brufau, "non se fía dos mexicanos" tras os seus movementos con Sacyr.

Tampouco a prensa mexicana se fía xa das operacións da paraestatal do seu país e xornais como La Jornada cualifican de "fracaso rotundo" a aventura de Pemex en Repsol.

"Agora, Pemex se apresta a pechar un novo negocio coa adquisición dun estaleiro en creba en Vigo, España", di en ton de desconfianza a prensa mexicana.

Problemas financeiros e "incompetencia" na xestión

O peso de Pemex é de vital importancia para as arcas do Estado mexicano. A empresa paraestatal viu aportando o 80% dos seus ingresos ao Goberno daquel país, que cubren aproximadamente o 35%-40% dos orzamentos nacionais, pero a súa produción e exportacións se resentiron nos últimos tempos e isto puxo en alerta a Administración federal. De feito, Pemex ten problemas de liquidez e a súa débeda é descomunal.

No ano 2008, os expertos xa advertiron de que "agás que Pemex aumentase a súa produción de petróleo", o país debería "enfrontarse a un enorme buraco no seu orzamento". De feito, as cifras de produción da paraestatal ofrecían unha "lectura alarmante" pola súa caída, segundo un informe publicado en LatinNews.

Nesta análise, "os enxeñeiros do petróleo" amosábanse "atordados pola magnitude da caída". Non en van, "as compañías petroleiras internacionais calculan que se a produción dun campo petroleiro cae en máis dun 14% nun ano, algo está seriamente mal". E só na primeira metade de 2008 a produción de Pemex xa era un 9,8% menor que no mesmo periódo de 2007, a 2.85m de bpd [bpd=barrís por día]. E, "o máis alarmante", a produción dos xacementos petrolíferos máis importante do país durante as tres últimas décadas, o Complexo Cantarell, diminuíra un 28,4% en comparación co primeiro semestre de 2007, a un promedio de só 1.14m de bpd no primeiro semestre de 2008, explicaban os analistas, que advertían de que "calquera das cifras de produción anteriores ou ben foran esaxeradas ou a xestión das reservas do xacemento era de incompetentes".

Os analistas estaban vendo que "os efectos financeiros do colapso na produción de Pemex foron escurecidos polo aumento no prezo internacional do petróleo, que mantivo o fluxo de diñeiro". "O preocupante das políticas do Goberno mexicano", explicaban os expertos, era que "o volume de petróleo que Pemex exportara no primeiro semestre de 2008 era un 15,4% menor respecto ao mesmo período de 2007, a 1,45 m de bpd". E isto estaba "moi por debaixo do que o Goberno pesupostara para as exportacións de Pemex en 2008", que "tiña calculadas en 1.68m de bpd de media".

Nesta análise salientábase que o problema de Pemex era que fora "muxida dun xeito basto por unha sucesión de gobernos que substraeron o efectivo e lle obrigaron a pedir prestados cartos para financiar os seus investimentos". 

A falta de investimentos gubernamentais na paraestatal fixo que "a capacidade de refinar de Pemex se limitase tanto que o 40% do combustíbel de México acabou sendo importado". 

Un artigo publicado en The Economist en 2008 xa avisaba tamén de que "Pemex estaba acostumada a ser a vítima da mala concertación" e destacaba o "declive" da paraestatal: "Dende 2005, a produción diaria caeu en máis de 300.000 barrís por día, un 10% do total. As reservas estiveron caendo desde mediados dos anos oitenta".

O diario económico tamén incidía en que Pemex era vítima do "dispendio". "México ten que importar máis do 40% do petróleo debido á falta de capacidade de refinación. Logo, revéndese a prezos subvencionados á poboación. Gástanse un 20 millóns de dólares se no ano", explicábase.

Hai que recordar que a Constitución de México establece que a industria petroleira debe permanecer baixo o control do Estado, de aí que as suxerencias de permitir maior participación privada teñan provocado fortes reaccións en contra.

Paradoxalmente, malia ter a maior petroleira de América Latina, as facturas a pagar polo Estado mexicano polas importacións de combustíbel aumentaron. Así, "no primeiro semestre de 2008, México importou un promedio de 331.000 barrís diarios de combustíbel, fronte aos 294.000 bpd no mesmo período de 2007. O aumento do volume das importacións ocultaron os efectos monetarios: o custo das importacións de petróleo aumentaron un 54% entre o primeiro semestre de 2007 e o primeiro semestre de 2008".

Porén, e "para ser xustos", os analistas aclaraban que Pemex seguía sendo un "importante exportador de petróleo cru". Os seus ingresos por exportacións no primeiro semestre de 2008 foran de 24.800 millóns de dólares, é dicir, "un 52% máis que no mesmo período de 2007". 

Perda de peso no mercado internacional

Con todo, México foi perdendo posicións nos últimos anos entre os maiores produtores de petróleo. No ano 2008 era o sexto produtor, segundo datos da Administración de Información de Enerxía de Estados Unidos. En 2012 xa baixara ao oitavo posto froito dunha caída incesante na súa produción dende o ano 2004, cando era o quinto produtor mundial, e pola "decadencia das súas reservas", segundo veñen observando os analistas, especialmente no xacemento de Cantarell, que viña aportando o 60% do total das extraccións. 

O 28 de xuño de 2009, a analista de Stratfor Leticia Pursel xa prognosticaba nun correo interno da axencia de intelixencia global que "a seguridade enerxética" se convertiría "nunha das ameazas máis importantes para a seguridade nacional de México nos próximos cinco a dez anos".

"A caída na produción de petróleo cru, os prezos do petróleo internacionais e a dependencia de Pemex nos ingresos fiscais, son ameazas graves para México", sentenciaba a analista nunha comunicación co analista de xeoestratexia Marko Papic.

Pursel foi aínda máis contundente ao criticar a actuación da política mexicana respecto a Pemex: "A reforma petroleira recentemente aprobada polo Congreso mexicano reflexa a pouca visión das autoridades mexicanas sobre o papel xeopolítico e estratéxico que México debe ter no continente".

A analista sinalaba tres "limitacións" fundamentais: "1) a restrición do capital privado nas actividades de petróleo e gas; 2) o uso de case 10.000 millóns de dólares para a construción dunha refinería en México (malia que Estados Unidos ten case 150 e Canadá 50), cando ese diñeiro debería ser utilizado mellor no investimento en ciencia, tecnoloxía e investigación co fin de aumentar a produción; e 3) a súa posicióncontra a proposta norteamericana de integración rexional entre os tres países, que inclúe a seguridade enerxética".

Leticia Pursel considerou este asunto como "unha das enormes ameazas que México enfrentorá na próxima década".

Nun correo enviado o 27 de decembro de 2010 polo analista económico Robert Reinfrank á estratega experta en América Latina Reva Bhalla, ambos os dous tamén da axencia intelixencia global Stratfor, destacaba que o problema clave para Pemex non era tanto o roubo de cru en cantidades inxentes por parte das redes de narcotraficantes, como o "declive da produción nacional debido ao seu difícil clima de investimento". Neste sentido, sinalaban que "a prohibición constitucional aos investimentos estranxeiros nos recursos naturais de México levaron a un baixo investimento nas industrias extractivas". 

Ese mesmo ano, a axencia Stratfor realizaba o informe 'Mexico: Business-Risk Assessment', unha avaliación de riscos para o país no que se avisaba de que "as medidas a medias" postas en marcha para reformar o sector enerxético mexicano "farán pouco para revertir a diminución do sector enerxético e proporcionar maior financiamento para o Estado".

Outro informe de Stratfor, de febreiro de 2011, salientaba o declive de Pemex, que perdera 4.740 millóns de euros en 2010, é dicir, un 80,4% máis que en 2009. Segundo os analistas desta axencia, dúas razóns explicaban as perdas: "os impostos onerosos e a diminución da produción no seu principal campo, o de Cantarell".

En maio dese mesmo ano, a Organisation for Economic Co-operation and Development (OECD) publicaba outro informe no que prognosticaba que México necesitaba unha reforma do sector enerxético "para evitar a dependencia dos orzamentos do Goberno dos ingresos do petróleo e da súa volatilidade", e apuntaba a que só para manter os actuais niveis de produción de petróleo mexicano, estábel nos últimos anos, pero moi por debaixo dos anos de ouro de Pemex, a paraestatal está obrigada nos próximos dez anos a facer "importantes investimentos continuos" que suporán "altos custos de exploración e novos descubrimentos" que poderían incrementar a enorme débeda que xa arrastra a empresa parestatal.

A produción de petróleo mexicano caeu de xeito significativo nos últimos anos, como se observa no seguinte gráfico.

grafica GC

O certo é que o declive é evidente e o discurso oficial mexicano sobre unha recuperación da produción e comercialización de petróleo nos próximos anos foi comprometido polos cables aos que tivo acceso WikiLeaks, nos que o ex-embaixador de Estados Unidos en México, Carlos Pascual, recoñecía en 2010 que, contra os prognósticos optimistas do Goberno mexicano, non hai opcións realistas para revertir esta diminución no curto ou medio prazo. 

Por outro lado, Dave Graham publicaba en agosto de 2011 na axencia Reuters un artigo no que cuestionaba o gasto de miles de millóns de euros de Pemex no seu proxecto Chicontepec, e cuxos resultados "están moi por debaixo das expectativas".

A estes problemas engadía "a inseguridade derivada de guerra contra o narcotráfico" e os "roubos de petróleo e gas por valor de case o 70 por cento das súas ganancias" só no primeiro trimestre dese ano.

Noutro correo de Stratfor enviado o 31 de maio de 2011, a analista Karen Hooper explicaba que a "falta de investimentos e a diminución da produción causaron unha caída na saída de petróleo dun 22 por cento entre os anos 2004 e 2010". 

Hooper consideraba que as reformas postas en marcha no ano 2008 para abrir a Pemex a investimentos foráneos "carecían das medidas necesarias para fomentar a entrada de capital estranxeiro e tecnoloxía na industria e non puido facer fronte ás principais debilidades institucionais que permiten a corrupción masiva e as malas prácticas comerciais en Pemex".

"Cos ingresos do Goberno altamente dependentes do desempeño de Pemex, é urxente que México resolva o problema da diminución da produción", advertía xa a analista de Stratfor.

Máis duros teñen sido os analistas mexicanos. Nun editorial de La Jornada publicado o 19 de marzo de 2012, o xornal acusou á Secretaría de Facenda e Crédito Público mexicana de "saqueo fiscal" de Pemex e denunciaba a "opacidade extrema no manexo das súas finanzas e na relación cosindicato", ademais de no "contratismo con particulares". La Jornada tamén falaba de "sobrexplotación a todas luces desaconsellábel e perigosa, coa pretensión de levar a produción a promedios diarios de tres millóns de barrís de cru". Todo este "cúmulo de vicios" que vén arrastrando a paraestatal mexicana contribuíron de xeito decisivo a comprometer a súa viabilidade financeira. De feito, para La Jornada, é máis que evidente o "debilitamento e erosión da paraestatal".

Irregularidades nas contratacións

Os xestores de Pemex movéronse tradicionalmente no secretismo e a opacidade. A presunta irregularidade na adquisición de Barreras, saltándose a legalidade, non é nada novo. Por exemplo, Alejandro del Río denunciaba o 5 de agosto de 2011 en Tabasco Hoy, o maior xornal deste Estado, que as contratacións doutras empresas por parte de Pemex non se estaban realizando pola vía da licitación, como era de esperar. O xornal era duro no titular: "I.I.I. Servicios, brazo impune de Pemex".

O diario insinuou que "a constitución de I.I.I. Servicos, S.A. de C.V. tiña o fin de evitar os molestos e longos procedementos de licitación para as contratacións en Petróleos Mexicanos, ou ben, ser a empresa que fomentará a participación das PeMES na industria petroleira".

"O certo é que o negocio, xunto coa Compañía Mexicana de Exploraciones (COMESA) estanse convertendo nunha forma de legalizar a entrega de contratos sen que se fagan pola vía da licitación", denunciaba o xornal.

O diario tabasqueño recordaba que a empresa I.I.I. Servicos estaba "sinalada como a principal responsábel —xunto ás empresas Gutsa Infraestructura/ Proyectos y Desarrollos de Infraestructura SAPI— polo fracaso e o encarecemento da construción 'Ronsel de Luz', que debeu quedar construída a finais do ano 2010; porén, non foi así", denunciaban.

O obxecto social desta filial era prestar e realizar os servizos de administración e operación a Instalacións Inmobiliarias para Industrias e a Petróleos Mexicanos, e os seus Organismos Subsidiarios. O que se descubriu foi "unha cloaca como outra vía para legalizar e fomentar a corrupción á hora de contratar obras e servizos dentro da industria petroleira, tal e como ocorre en COMESA", acusaba o xornal.

Do total de 1.271 obras e servizos entregadas pola empresa desde o ano 2006 deica o 14 de xullo de 2011, 858 foron por adxudicación directa, 66 por invitación a polo menos tres persoas e o resto, 347, por licitación pública nacional, segundo datos do Portal de Obligaciones de Transparencia do Goberno mexicano. "É dicir, I.I.I. Servicos impediu a participación de centos de contratistas polo simple feito de adxudicar directamente 858 obras que por monto deberon ser concursadas", publicaba Tabasco Hoy.

"Se non é por tráfico de influencia ou corrupción, de que outro xeito podería entenderse que, por exemplo, unha empresa como MAJA Consulting Group, sen ningún tipo de experiencia, lle adxudiquen directamente os contratos I I I S - C OP - SOP-099-10, por un monto de 93 millóns 379 mil 576,12 pesos; IIIS-COM-SOP-100-10, por 64 millóns 899 mil 356,14 pesos; IIIS-COM-SOP-118-09, por 18 millóns 300 mil 163,58 pesos; e o IIIS-COM-SOP-105-09 por 14 millóns 880 mil pesos?", preguntábase Alejandro del Río, quen ofrecía máis exemplos de presunta corrupción.

Hai documentados máis casos de irregularidades nas contratacións de Pemex. Por exemplo, a adxudicación presuntamente irregular dun contrato de asesoría e mantemento por 42 millóns de dólares á empresa estadunidense KBC Advanced Technologies Inc., denunciada polos lexisladores da Comisión de Enerxía da Cámara de Deputados ante a Secretaría da Función Pública e a Contraloría Interna de Pemex, en agosto de 2011.

O xornal Milenio informaba de que fora o subdirector de Pemex Produción e Refinación, Bernardo de la Garza Hesles, "quen asignou directamente o contrato, por enriba do seu xefe inmediato, Miguel Tame Domínguez, director da subsidiaria".

Que futuro lle agarda a Barreras?

Se o analista David Shields cuestiona a conveniencia para Pemex de facerse cunha empresa en creba como Barreras, nun contexto ademais de crisie económica e conflitividade social como o que vive España, desde aquí cabe cando menos cuestionar tamén a incursión de Pemex no naval galego e resolver as dúbidas e incertezas que xenera un acordo cunha empresa, a mexicana, en creba técnica e intervida pola corrupción, as bandas criminais, as irregularidades, a opacidade, a incompetencia dos seus xestores e intereses partidistas. E con todo, a pregunta vital agora é: levará a cabo Pemex a transferencia tecnolóxica completa para trasladar o estaleiro vigués a México nun medio prazo?

Asteleiros Barreras, que pasarán a mans de Pémex
Asteleiros Barreras, que pasarán a mans de Pémex | Fonte: economiadigital.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Doia

Moi interesante a información, parabéns, dentro duns anos en Vigo vanse tirar dos pelos por non terse informado antes a quen metían na casa