Política de innovación de Feijóo: recortes e ideoloxía para favorecer o sector privado en detrimento do sistema público

Economistas da Universidade de Santiago critican a estratrexia adoptada polo Goberno do PP na Xunta desde 2009 por entender a innovación como "un asunto ligado principalmente aos intereses das empresas” e aplicar unha "redución de orzamentos públicos".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/10/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, en 2009, supuxo un punto de inflexión na política de innovación galega. Aplicáronse recortes, co escusa da crise económica, e orientouse ideoloxicamente a estratexia innovadora no país, relegando o papel clave que xogan as universidades públicas galegas como centros de investigación punteiros, para favorecer a empresas privadas.

Alberto Núñez Feijóo, nun acto do Consello Galego de Enxeñerías
Alberto Núñez Feijóo, nun acto do Consello Galego de Enxeñerías | Fonte: Xunta.

Manuel González López e Xulia Guntín Araújo, profesores dos departamentos de Economía Aplicada e Economía Cuantitativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), respectivamente, cuestionan as liñas estratéxicas que o Goberno do PP na Xunta vén aplicando en materia de innovación cunha alta carga ideolóxica.

Os economistas explican como a chegada de Feijóo á Presidencia da Xunta conlevou a “división” da política de innovación “en dúas partes”: a “innovación relacionada co sector empresarial, xestionada pola Consellería de Industria, e a relacionada coas universidades, pola Consellería de Educación”. Un cambio que responde, segundo estes expertos, “á premisa ideolóxica de que os actores clave para a innovación son as empresas, relegando a función das universidades a subministradores de coñecemento para as empresas”.

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

Nunha análise sobre os cambios acontecidos na política galega de innovación durante as dúas últimas décadas –desde a aplicación do I Plan de I+D, en 1999–, González López e Guntín Araújo identifican “o cambio máis relevante” no ano 2009, “co regreso do Partido Popular ao poder”, momento a partir do cal “o novo gabinete repartiu os recursos de I+D+i (e, polo tanto, a política de I+D+i) entre a Dirección Xeral de I+D e Innovación (dependente da Consellería de Economía e Industria) e a Secretaría Xeral de Universidades (dependente da Consellería de Educación e Universidades)”. Unha división que, din, “tivo continuidade coa creación da Axencia Galega de Innovación (GAIN) no ano 2015”.

“As razóns para esta ruptura son principalmente a orientación ideolóxica do novo Goberno, que concibiu a innovación como un asunto ligado principalmente aos intereses das empresas”; estratexia que, segundo outros expertos consultados por estes profesores, “non é coherente cunha visión integrada da innovación, onde empresas e entidades investigadoras deben ser consideradas como partes do sistema de innovación no seu conxunto, polo que deberían estar tamén baixo o mesmo paraugas institucional e político”.

A Axencia Galega de Innovación naceu co obxectivo de “conseguir estruturas máis flexibles e reducir custos burocráticos”. Con respecto aos instrumentos, os profesores identifican varios cambios importantes desde o ano 2009. O primeiro é a “maior énfase nos instrumentos financeiros no período 2011-2015, en contraposición coa drástica redución das subvencións a fondo perdido”. En segundo lugar, destacan que o Goberno de Feijóo “lle deu prioridade a grandes proxectos de innovación (polo que os instrumentos serían máis selectivos) co obxectivo de evitar altos custos burocráticos”.

"RETROCESO"

Mais este cambio nos instrumentos foi “parcialmente ideolóxico (reticencias en relación aos subsidios), parcialmente procedente da experiencia (demasiados instrumentos poden reducir o impacto da política e aumentar custos burocráticos), e parcialmente debido á redución de orzamentos públicos para innovación”, detallan.

Unha estratexia cuestionada polos expertos, pois “a aposta por instrumentos financeiros nun contexto de importantes restricións financeiras, por mor da crise limita o seu alcance”, explican os economistas, que recordan que “o esforzo en I+D na economía galega, público e privado, así como o número de empresas innovadoras” experimentou un “claro retroceso” durante eses anos.

RIS3

Outro “cambio importante na política galega de innovación” produciuse coa adopción da RIS3 (Estratexia de Investigación e Innovación propia para a Especialización Intelixente), imposta pola Unión Europea (UE) para que as rexións se transformen en economías intelixentes, sustentables e integradoras. Polo tanto, necesaria para que Galicia accedese aos fondos estruturais da UE.

“A RIS3 fixo posible a posta en marcha de varios mecanismos de aprendizaxe política”, introducen González López e Guntín Araújo. En primeiro lugar, sinalan a aprendizaxe relacionada co procedemento para deseñar e aplicala, que “seguiu os aliñamentos da Comisión Europea”. Neste sentido, aportan, “foi anovador o proceso participativo co obxectivo de posibilitar o «descubrimento empresarial»”.

En segundo lugar, sinalan a existencia dunha “nova base teórica que inflúe na política galega de innovación, que é o que está detrás do enfoque de Especialización Intelixente (que, pola súa vez, influíu de forma clara na política europea de innovación)”.

Mais a adopción da RIS3 tamén implicou “un certo abandono da traxectoria e das experiencias anteriores da política galega de innovación”, algo que consideran “bastante contraditorio coa actual configuración legal e que, polo tanto, podería xerar incertezas”.

“É rechamante neste sentido que desde o ano 2015 non exista ningún plan de I+D en funcionamento, cando este é o principal instrumento que recolle a propia Lei de fomento da investigación e da innovación aprobada no ano 2013”, clarifican.

En definitiva, os profesores da USC conclúen que “a crise iniciada no ano 2008 é un claro exemplo dun choque externo que foi utilizado por un novo Goberno [PP] para introducir cambios profundos na orientación desta política”.

Para a súa análise, publicada na Revista Galega de Economía, os economistas fixeron unha revisión a fondo da literatura científica sobre o problema, revisaron todos os plans de I+D implementados ata agora, así como a máis recente Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), e realizaron entrevistas coas sete persoas con maior responsabilidade nas políticas de innovación de Galicia entre os anos 1989 e 2017 (directores e secretarios xerais da Xunta de Galicia).

GALICIA, AUTONOMÍA DE SEGUNDA EN INNOVACIÓN TECNOLÓXICA

Os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) mostran que o gasto en innovación tecnolóxica subiu un 4,5% en Galicia no ano 2017, ata os 526,5 millóns de euros, pero segue moi por baixo da media estatal.

O incremento en Galicia está por baixo do avance medio en España, que sobe un 7%. Os maiores incrementos prodúcense en Baleares (+49%) e Aragón (+30,8%). No outro extremo, o maior descenso prodúcese en Castela-A Mancha (-18,4%).

O peso de Galicia no gasto en innovación tecnolóxica en España é de tan só o 3,6%. As comunidades que tiveron maior gasto en innovación tecnolóxica en 2017 foron Comunidade de Madrid (35,1% do total estatal), Cataluña (25,4%) e País Vasco (10,4%).

En Galicia había 853 empresas con actividades innovadoras en 2017 que supoñen só o 0,69% do total no territorio galego. Esta taxa é inferior á existente en España (0,87%).

ENTRE AS PEORES REXIÓNS EUROPEAS EN COOPERACIÓN EMPRESAS-UNIVERSIDADES

Talvez motivado por esa dualidade que organizou o Goberno de Feijóo no ámbito da innovación, separando innovación empresarial e universitaria para dar prioridade á primeira, os indicadores de Galicia no que se refire á cooperación entre compañías e institucións académicas son dos máis pobres en Europa

Un estudo recente de economistas da Universidade de Tartu (Estonia) destaca as fraquezas do sector privado en Galicia para apoiar a cooperación universidade-industria, situando o noso país entre as rexións máis débiles na Unión Europea no que se refire a investigación, innovación e coñecemento nas empresas.

Segundo o estudo, o noso país atópase á cola na UE nesta materia, canda Asturias, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura, Andalucía, Murcia, Comunidade Valenciana, Illas Baleares e Illas Canarias, en España, e rexións do sur de Italia e de países do leste.

Os investigadores atoparon que hai 41 rexións fortes e 49 débiles, sendo as que maior potencial mostran Baden- Württemberg e Baviera en Alemaña, e Estocolmo e Sydsverige en Suecia. Pola contra, rexións de Rumania, Polonia e España son identificadas como as máis débiles, sendo as peores as rumanas Sud-Vest Oltenia, Nord-Est, Sud- Est, Rexións Nord-Vest e as polacas Podlaskie e Warminsko-Mazurskie, que son as que contan co apoio máis débil do sector privado para a cooperación universidade-industria. Nesa lista de rexións débiles destaca tamén Galicia

GALICIA PERDE PESO EN PRODUCIÓN CIENTÍFICA

Paralelamemte, Galicia perdeu protagonismo na produción científica en España nos últimos anos. O país pasou do quinto ao sexto posto entre as 17 autonomías e sitúase entre as tres nas que menos medrou a actividade científica, xunto con Castela e León e Navarra, segundo un informe do Observatorio Español de I+D+i (ICONO), que xestiona a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).

Sumando os datos dos quinquenios consecutivos de 2005-2009 e 2010-2014, o informe fai evidente que é o nordés de España o que experimentou un desenvolvemento máis rápido na produción investigadora. Porén, o noroeste é onde se ralentizou máis.

As comunidades cun crecemento máis baixo son Galicia (35%), Castela e León (34,3%) e Navarra (31,8%), conclúe o informe.

Precisamente, estas tres autonomías son as únicas cuxas cotas nas publicacións estatais diminuíron: Galicia (-1,1%), Castela e León (-1,6%) e Navarra (-3,4%).

E mentres a maioría de comunidades mostra unhas taxas de crecemento da cota de produción estatal entre “modestas e sólidas”, “este non é o caso de Estremadura (TCAC de 0,4% en 2005-2014), Castela e León (TCAC de 0,5%), Navarra (TCAC de 0,5%) ou Galicia (TCAC de 0,7%)”, aporta o estudo, no que a TCAC se refire concretamente a taxa de crecemento constante ano tras ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Nengum povo é inocente da sua historia, do seu atraso, e da sua miséria. A seguir votando PP