Fraternidade galaico-portuguesa a carón do río Limia

Un milleiro de nenos de Xinzo de Limia e de Ponte da Lima realizaron unha cadea para "abrazar" este río, nun acto de sensibilización ambiental.

Por Galicia Confidencial | Ponte da Lima | 03/10/2019 | Actualizada ás 10:55

Comparte esta noticia

Os ríos, a historia ou a natureza non teñen fronteira, especialmente, nunha área como a antiga Gallaecia onde conviviron multitude de pobos irmáns durante milleiros de anos. Por iso, e para afincar máis esa relación, preto dun milleiro de nenos de Xinzo da Limia e de Ponte de Lima, en Portugal, participaron este martes nun "abrazo" ao río Lima (en portugués) ou Limia (en galego).

Nenos formando unha cadea entorno ao río Lima ou Limia, en Ponte da Lima, nunha acción de concienciación ambiental
Nenos formando unha cadea entorno ao río Lima ou Limia, en Ponte da Lima, nunha acción de concienciación ambiental | Fonte: Jornal de Noticias

A iniciativa, comemorativa do Día Nacional da Auga e do Día Internacional do Ancián, tivo lugar no centro histórico de Ponte de Lima, ponte romana e marxes deste río como forma de sensibilización ambiental.

Foi a 10.ª edición do Abrazo ao Río Lima, promovido por este concello portugués, a través do seu Servizo Área Protexida. "É uma iniciativa que tem tido um enorme sucesso. Procuramos também reforçar e consolidar a geminação que temos com Xinzo de Límia há mais de 30 anos, já que este cordão umbilical que é o rio Lima, nasce exatamente nessa localidade", destacou o presidente da Câmara de Ponte de Lima, Vítor Mendes, tal e como recolle o Jornal de Noticias.

"Entendemos que esta é a melhor forma de valorizar e preservar o maior e mais importante ecossistema que atravessa o nosso território. E dar a conhecer às crianças a sua importância no contexto do desporto, do turismo náutico, na pesca e do ponto de vista económico", suliñou.

O cordón humano que abrazou o río, nunha extensión de "cerca de 800 metros", cumpriu así, segundo o alcalde, o seu papel de "transmitir os valores de Ponte de Lima de xeración en xeración". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta