Un veciño de Cerdedo-Cotobade causa presuntamente catro incendios forestais con artefactos

O presunto autor foi notificado como investigado penalmente pola comisión de catro delitos de incendio forestal, dous deles en grao de tentativa.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 04/10/2019 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A Garda Civil investiga penalmente a un veciño de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) como presunto autor de catro delitos de incendio forestal, que supostamente puido ocasionar con varios artefactos incendiarios.

Segundo informou o Instituto Armado, os catro episodios incendiarios que se lle atribúen a este veciño, dous deles en grao de tentativa, producíronse recentemente na parroquia Viascón, unha zona que "nos últimos anos sufrira unha alta actividade incendiaria", abundou.

No que vai deste ano, existen, asegura a Benemérita, oito rexistros de incendio forestal, "todos eles provocados de forma intencionada", subliñou.

"Esta situación de risco, tanto para a masa forestal, como para as vivendas e explotacións gandeiras da contorna, deu lugar a que se intensificase a vixilancia na zona por un equipo formado por efectivos do Seprona da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e a Brigada de Investigación de Incendios Forestais (BIIF XIX) da Xunta de Galicia", manifestou o Instituto Armado.

Como resultado deste traballo de investigación coordinado polos dous corpos, "púidose constatar a presenza de dous artefactos incendiarios recollidos nas áreas de inicio de dous dos incendios", destacou a Garda Civil.

Un deles "chegou a provocar un conato", indican as mesmas fontes, que foi apagado polos propios veciños do lugar na noite do 5 de setembro. "Trátase de dous artefactos rudimentarios de fabricación artesanal que están compostos por un cigarro rodeado de varios mistos, envolvidas por unha esponxa, nun caso e por unha tea, no outro", explicou a Benemérita.

Finalmente, froito das vixilancias que se realizaron na zona, "conseguíronse evidencias gráficas nas que se pode identificar e relacionar a este veciño de Viascón coa aparición doutros dous artefactos das mesmas características", asegura o Instituto Armado.

O presunto autor foi notificado como investigado penalmente pola comisión de catro delitos de incendio forestal, dous deles en grao de tentativa, "que de prosperar supoñerían un grave perigo para o monte e as vivendas da zona", subliñan as mesmas fontes.

As dilixencias instruídas foron entregadas no xulgado de Instrución de garda de Pontevedra.

Artefacto incendiario intervido a un veciño de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) investigado por catro incendios forestais.. GARDA CIVIL
Artefacto incendiario intervido a un veciño de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) investigado por catro incendios forestais.. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta