Oneironauta en Cicely

Nesta trixésimo cuarta entrega de ‘Viaxes sen Lee’, a navegación de Gabriel Rei-Doval entre os mundos racional e emocional adopta tons oníricos verde oliva

Por Gabriel Rei-Doval | Lynnwood (Washington, USA) | 08/10/2019 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

O día percorrendo Whidbey Island rematara logo de atravesa-lo cumio da decepción e cruzar Fidalgo Island. Sen luz que iluminase o meu camiño, cheguei xa de noite a Lynnwood. Aquela pousada semellaba un remexido de casa de clase media acomodada vida a menos, comuna estadounidense upscale e moderno hostal AirBnB do noroeste. Con tal combinación en cor crema e amplos espazos enmoquetados de toque impersoal, parecía un bo lugar para a conversa tranquila con indíxenas gringos nun día de sensacións intensas.

...non lonxe de Cicely
...non lonxe de Cicely

Sen saber como nin por que, vinme de súpeto compartindo mesa con Maggie O'Connell nun comedor verde oliva baleiro, ordenado e sereno entre o atafego cotián das quendas de comida. Maggie, coa súa voz de timbre característico, dirixíase a min en perfecto galego ribadense mentres eu, na procura dunha explicación, respondín fitando as palmas das miñas mans. Despois de abandonar Cicely, Maggy instalárase naquel espazo alternativo porque a ría de Seattle era o lugar perfecto para amerizar sen dificultade a súa avioneta calquera serán de inverno. Con paisaxe montañosa no fondo, o complexo estaba formado por varios núcleos, separados por carreiros cheos de miles de pedriñas a formar un colchón mol no que os pés se enterraban sen enlama-lo calzado.

Por algunha razón, chegara a aquel lugar próximo a Seattle antes do previsto sen o meu relatorio escrito. Maggie arranxouno dilixente e deume tódalas facilidades para rematar e imprimi-la miña presentación antes de comezar, a mañá seguinte, o Simposio de Estudos Galegos. O espazo porén discordaba co presente: só no comedor verde oliva dispoñía de conexión á rede e dunha única impresora conectada a un ordenador protohistórico.

Como resistirse a escoita-la voz de Maggie e contemplar aqueles intensos ollos verdes a xogo coas paredes do comedor. O tempo foi pasando e a conversa longa e profunda deixoume sen tempo para remata-las conclusións do sisudo tema académico galicianista. Naquel mundo vaporoso que Maggie reflectía desde a empatía ficara sen argumentos, sobre todo cando se ofreceu para amosarme o complexo todo. Un vento morno e intenso movía o seu cabelo laso creándolle bucles mentres a súa deliciosa prosodia enxebre invadía o universo sonoro daquel lugar. Parecería que pasaran horas naquel lugar que reverberaba a Oca e Punta de Couso. Mais estabamos en Cicely, camiños, ríos e valados por medio, eu invadido por unha sensación de distancia co corazón da metrópole noroccidental estadounidense.

Maggie conseguira aplaca-la miña ansiedade ante o inicio do inminente evento galicianista sen o traballo realizado co seu ollar aventureiro de piloto de avionetas. E cando parecía que estabamos a piques de establecer proximidade emocional abonda para acceder a outro nivel máis profundo, por algunha razón ignota vinme fóra do complexo, facendo cola con Andy e Charlotte para pedi-la cea nun restaurante de comida rápida en calquera área de servizo dunha autovía estadounidense. Eu o último da cola, ollei pola xanela ó lonxe o complexo hoteleiro onde o día seguinte comezarían os relatorios académicos e fitei de novo as miñas mans. Debía completa-lo traballo pendente para o día seguinte relaxarme escoitando con tranquilidade as demais intervencións. E, sen saber como, vinme nun lago rodeado de montañas verdes e ocres por un intre, antes de volver de novo con plenitude ó comedor verde oliva. E alí, ademais de recupera-lo sorriso de Maggie, rematei as miñas reflexións galicianistas do día seguinte.

Na lancha Edmonds - Kingston
Na lancha Edmonds - Kingston

E sedíame eu naquel pavillón de madeira, preguntándome pola desubicación prosódica con que as Cotovías regalaran o meu serán en Cicely; e Morfeo debeu facer algunha outra trasnada comigo, porque sen saber como espertei no leito king size de coxíns verde oliva daquela casiña de barrio alto de Lynnwood, rodeado de moqueta cor crema e co abrente xa a apuntar no horizonte. Era hora de prepararme para reinicia-lo periplo pola ruta 101 ata o extremo noroeste de Washington. Os ollos verdes de Maggie esvaecéronse completamente a medida que o sol subiu no horizonte, sobre todo ó cruza-la azul ría de Seattle na lancha que une Edmonds e Kingston.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA