Común da Esquerda e BNG piden "depurar responsabilidades políticas" tras a denuncia dun extécnico sobre o accidente de Angrois

PP e PSdeG coinciden en apelar ao "respecto" ás decisións xudiciais e as investigacións para arroxar "luz" sobre o accidente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2019 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

O Grupo Común da Esquerda e o BNG pediron este luns que se "depuren as responsabilidades políticas" e que se "esclareza" o accidente do Alvia ocorrido o 24 de xullo do 2013 na curva de Angrois, en Santiago, despois de que a pasada semana transcendese que un extécnico de Talgo denunciaba ante as vítimas o borrado de datos relativos a avarías no tramo do sinistro.

Accidente do Alvia en Angrois
Accidente do Alvia en Angrois | Fonte: Europa Press

Isto provocou que a Audiencia Provincial da Coruña suspendese a deliberación sobre os recursos presentados ao peche da instrución da causa e dese tres días para que se pronuncien sobre o escrito que reflicte que podería haber destrución de datos sobre incidencias.

A deputada do Grupo Común da Esquerda Luca Chao tachou este luns de "lamentables" estas últimas noticias sobre o xuízo do accidente que deixou 80 mortos e 144 feridos.

"É necesario coñecer todo o que pasou e que se depuren as responsabilidades políticas. Hai que esclarecer a verdade aquí (Parlamento) e no Estado (Cortes). Non pode haber xustiza se non hai información", incidiu Chao.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou "moi grave" esta declaración do extécnico de Talgo. "Están a dicirnos que se tentaron manipular probas", censurou a nacionalista, quen ademais criticou os esforzos do Estado por "encubrir" aos "responsables" do "maior accidente ferroviario" de Galicia. Por iso, insistiu en que "ten que haber unha investigación independente do ocorrido.

PP E PSDEG PIDEN "RESPECTO" POLA XUSTIZA

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou, brevemente, que os socialistas galegos "respectan" todas as accións xudiciais e tamén "as investigacións políticas" levadas a cabo. "E a iso remítome", resolveu.

Tamén o portavoz parlamentario do PP galego, Pedro Puy, trasladou o seu respecto ás decisións xudiciais. Ademais, afirmou que ten "a esperanza" de que haxa un pronunciamento da xustiza que achegue "luz" sobre "as sombras" que planean sobre o accidente ferroviario.

Así, concluíu facendo votos porque haxa unha sentenza que "satisfaga a todas as persoas, tanto aos que foron máis directamente afectados polo accidente, as vítimas e as súas familias, como ao conxunto da sociedade, que evidentemente necesita ter unha certeza sobre as causas" do sinistro co fin de evitar que poidan repetirse accidentes deste tipo no futuro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta