Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2019 | Actualizada ás 19:39
O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, contactou durante a xornada deste venres con diferentes entidades en Cataluña para interesarse pola situación da colonia galega asentada alí.
A Cámara autonómica informou de que, nas diferentes conversas, Santalices trasladou aos responsables dos centros "o seu apoio e solidariedade".
Un dos dirixentes cos que falou é o presidente da Unión de Asociacións Galegas de Cataluña (Uagalcat), Eduardo Méndez, quen explicou que está "moi agradecido" pola chamada do xefe do Lexislativo.
Nunha xornada de folga xeral en Cataluña, Méndez incidiu en que "a situación é tensa", como lle transmitiu ao presidente do Parlamento galego, e vívese con "incerteza e inseguridade".
Os galegos que viven en Cataluña están "á espera" do que poida ocorrer e hai sensación de "medo" e "risco" tamén no ámbito empresarial, segundo Méndez.
"Cando un presidente autonómico encabeza as manifestacións, apaga e vámonos", sinalou o titular da Unión de Asociacións Galegas de Cataluña, quen considera que a única vía ante o conflito é "negociar, non para a independencia, senón para buscar unha solución política".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.