As contas de Cultura e Turismo son as que máis crecen e Educación e Infraestruturas as que menos

Hai unha subida xeneralizada de todos os departamentos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2019 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

Os orzamentos da Conselleria de Cultura e Turismo, cunha alza do 8,9%, e os de Política Social, cunha subida do 5,9%, son os que máis crecen nas contas da Xunta para 2020, nas que Educación (+2,3%) e Infraestruturas (1,2%) son os departamentos que menos ven incrementados os seus fondos.

En concreto, no ano previo á celebración do Xacobeo 2021 a consellería que dirixe Román Rodríguez crece un 8,9% respecto das contas da Xunta de 2019 (pasa de 144,4 a 157,2 millóns de euros). Pola súa banda, Política Social pasa de 732,9 millóns a 776,1, un 5,9% máis.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou este sábado as contas que inician agora a súa tramitación parlamentaria, nas que hai unha subida xeneralizada de todos os departamentos, aínda que os de Educación e Infraestruturas son os que menos crecen e sitúan a súa alza por baixo da media do conxunto dos orzamentos (3%).

En concreto, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional sobe un 2,3% (ao pasar de 2.390,2 millóns a 2.446,1) mentres que a de Infraestruturas e Mobilidade crece un 1,2% (pasa de 378,5 millóns de euros en 2019 a 383,3 millóns en 2020).

Con todo, a Consellería de Educación é o segundo departamento con máis fondos, só por detrás de Sanidade que, cun total de 3.987,3 millóns de euros e unha subida do 3,1%, é o departamento autonómico ao que a Xunta destina máis recursos.

Deste xeito, os departamentos aos que a Xunta destina máis recursos son os sociais, Sanidade, Educación e Política Social.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presenta as contas
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presenta as contas | Fonte: Europa Press

TERRITORIALIACIÓN DO GASTO

Na rolda de prensa celebrada no Parlamento de Galicia, o conselleiro de Facenda debullou a distribución territorial das contas. Así, segundo apuntou, o maior investimento por habitante volverá producirse en Lugo, provincia na que a Xunta destinará 4.252 euros per cápita; e Ourense, con 4.096 euros por habitante.

Nas provincias atlánticas, A Coruña recibirá 3.281 euros per cápita e Pontevedra 3.200 euros por habitante. Con todo, respecto ao volume do gasto, as provincias que reciben maior volume son A Coruña e Pontevedra, con 3.681 e 3.011 millóns, respectivamente, mentres que Lugo recibirá 1.401 millóns, e Ourense, 1.261 millóns.

BENEFICIOS FISCAIS

O conselleiro, ademais, destacou os beneficios fiscais, que inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta decide non percibir para que revertan principalmente ás familias e aos fogares.

En concreto, Valeriano Martínez sinalou que en 2020 a Administración autonómica ampliará de novo o volume destes beneficios fiscais ata os 488 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,1% respecto do actual exercicio e dun 23% --84 millóns-- en comparación con 2016.

PARLAMENTO E OUTRAS ENTIDADES

Respecto doutras entidades, os fondos do Parlamento de Galicia experimentan unha lixeira subida do 2,9% ata os 20,3 millóns de euros (19,7 en 2019).

A subida no Consello de Contas é a máis pronunciada, do 5,3%, ata os 7,6 millóns (7,3 en 2019). Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega contará cuns orzamentos de 2,8 millóns, fronte aos 2,7 deste exercicio (+2,9%).

Pola súa banda, o Consello Consultivo terá practicamente os mesmos fondos, 2,1 millóns.

NOVAS PRAZAS

Na súa comparecencia ante os medios, Valeriano Martínez destacou que estas contas inclúen a creación de 407 novas prazas na sanidade pública. Delas, 252 son para persoal sanitario, 133 para facultativos e 22 para o persoal de servizos.

Así mesmo, sinalou que se reforza a educación con 50 prazas --30 de coidadores do alumnado con necesidades especiais e 20 de orientadores para o Plan de orientación profesional--. A elas súmanse 28 na área de benestar para profesionais de novas unidades.

Ademais, o conselleiro de Facenda sinalou que un total de 985 bombeiros forestais terán o próximo ano un mes de traballo adicional, polo que nesta lexislatura o seu tempo de traballo duplicouse de tres a seis meses.

MENOS IMPOSTOS

O titular de Facenda explicou que, ademais do proxecto de Lei de Orzamentos para 2020, o Goberno galego tamén fixo entrega este sábado ao Parlamento do proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, no que se inclúen novas baixadas de impostos e se manteñen todas as que están en vigor.

Entre as novidades, figura a rebaixa do Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para a compra dunha vivenda no 94% do territorio galego, co obxectivo de fixar poboación no rural, así como a xa anunciada supresión do Imposto Sobre Sucesións para as herdanzas inferiores a un millón de euros.

Tamén se aproban facilidades para a sucesión das empresas familiares e ponse en marcha unha 'dedución verde' no IRPF que bonificará ata o 15% das actuacións en vivendas para mellorar a eficiencia enerxética.

CRECEMENTO DOS INVESTIMENTOS E XACOBEO

Outros puntos que destacou o conselleiro de Facenda é o crecemento do capítulo dos investimentos, que alcanza os 1.691 millóns de euros así como a dotación ao Xacobeo, ao que se destinan 82 millóns.

Ademais, indicou que se inclúe o crédito necesario nun fondo retributivo para elevar ata un 2,2% o salario dos empregados públicos e que se aplicará cando o Goberno central dite a norma habilitante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta