Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2019 | Actualizada ás 11:49
A alumna da Universidade de Santiago (USC) Carmen Carballido denunciou que o profesor Luciano Méndez, suspendido preventivamente das súas funcións, lle dixo na clase de Matemáticas que non podía estar en primeira fila co escote que levaba e convidouna a "taparse" ou irse a última fila.
"Non podes estar aquí con este escote. Ou te vas á última fila ou te tapas", afirmou este mércores a estudante que lle dixo o profesor Luciano Méndez, quen xa fora sancionado dous meses sen emprego e soldo por unha situación similar con outra estudante.
Ás portas da Facultade de Económicas en Santiago, Carmen Carballido relatou que ao chegar á clase de Matemáticas e vela, o docente díxolle que quería falar con ela ao final, pero "aos dous minutos" díxolle: "Non podes estar aquí con ese escote. Ou te vas a última fila ou te tapas".
Respecto diso, indicou que, a continuación, espetoulle "non é maneira de vir a unha clase de Matemáticas". Ademais, destacou que, para xustificarse, díxolle ao resto de alumnos "vide aquí, se case se lle ve unha mamila".
"Díxome, non te estou botando, deixo que quedes, pero detrás, onde non te vexa", lembra que lle dixo o profesor cando decidiu abandonar a clase, acompañada doutros alumnos. Posteriormente, na porta da facultade díxolle "que non se arrepentía" do que lle dixo.
"SOSPEITO QUE VOLVERÁ"
Preguntada sobre a suspensión cautelar acordada polo Reitorado da USC, a estudante subliñou: "Sospeito que volverá". Aínda que desexou que "non volva por aquí", admitiu que "é difícil" porque "ten un cargo importante".
"Onte (martes) díxome moita xente que non é a primeira vez que o fai", manifestou, para apuntar que anteriormente "tentaron mobilizarse", pero "non conseguiron moito". "Dixéronme que era o de 'La Manada' e busqueino. Impáctache", recoñeceu. "Es consciente de que fixo esas cousas, pero non o cres ata que pasa", admitiu.
Con todo, valorou a reacción dos seus compañeiros. "Non me esperaba que se fosen da clase a modo de protesta", concluíu, para expresar o seu desexo de que "non volva" este profesor á facultade.
"NON LLE DOU CLASE A MULLERES EN TOPLES"
Pola súa banda, o profesor da Universidade de Santiago (USC) xustificou a súa actuación: "Eu non lle dou clase a persoas en toples". Así o manifestou en declaracións á Televisión de Galicia e TVE, recollidas por Europa Press, nas que rexeitou preguntas para "contar a súa historia".
"Non dou clases a mulleres en toples. Dá igual que me mande o reitor ou o presidente de España", afirmou en relación á denuncia dunha alumna polos comentarios este martes sobre o seu escote nunha clase de Matemáticas na Facultade de Económicas en Santiago. "A ver se nos decatamos de como son eu. Non me preocupa defender isto ante quen faga falta. Ás miñas clases vén a traballar", comentou Luciano Méndez.
Por outra banda, aproveitou para manifestar que lle "preocupa" ser acusado de "maltratador". "Fun absolutamente absolto", subliñou en relación á súa detención por suposta violencia machista. "Ser acusado de novo de non darlle clase a xente en toples non me preocupa. Asúmoo perfectamente e vouno facer sempre. Pegarlle ás mulleres non, non son unha persoa violenta", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.