Outros rescates urxentes

Despois do que levamos escoitado e visto nas últimas semanas é preciso utilizar unha imaxinaria máquina que permita descodificar as mensaxes emitidas por Mariano Rajoy.

Por Xesús Veiga | Compostela | 19/06/2012

Comparte esta noticia

Cando di que non vai entrar en debates nominalistas hai que pensar nos autores –perfectamente identificados e localizados no aparello administrativo e mediático vinculado á presidencia do goberno- da cruzada verbal contra os termos “rescate” e “intervención”.Cando afirma que os xuros devengados pola operación dos 100.000 millóns de euros non computan no déficit hai que acreditar nas palabras pronunciadas por Luis de Guindos unhas horas antes recoñecendo exactamente o contrario.Cando presume de que foi el quen presionou aos dirixentes da UE hai que concluír que Barroso, neste caso, ten razón cando deixa constancia do seu labor persuasorio para que Rajoy aceitara pedir o rescate do sistema financeiro español.

Algúns dirán que o importante é o fondo da cuestión e que as formas son menos relevantes.Non comparto semellante argumento.A partir do estoupido de Bankia, a solicitude dunha axuda financeira desta envergadura resultaba previsíbel debido á preocupante evolución seguida pola economía española.As reiteradas negativas proclamadas polos voceiros gobernamentais –incluído o propio Rajoy- carecían da credibilidade que se esixía nos circuítos internacionais.A petición de rescate formalizada o pasado sábado era a certificación oficial do desastre que se foi cebando naqueles anos de viño e rosas da orxía inmobiliaria.Era, ao cabo, o recoñecemento do fracaso dun modelo.

Facer da necesidade virtude é un recurso moi practicado no xogo político.Outra cousa é que resulte convincente en todo tempo e lugar.No caso que nos ocupa non hai espazo para simular un éxito gobernamental onde hai unha evidente desfeita.Unha das afirmacións mais graves realizadas por Mariano Rajoy na súa comparecencia dominical foi aquela na que recoñeceu que Soraya Saenz de Santamaría non dixera a verdade cando –actuando como voceira do goberno- rexeitou contundentemente a posibilidade de solicitar a intervención da UE no ámbito do sistema financeiro.”Estas cousas non se radian nin se televisan” advertiu o presidente para xustificar o engano á opinión pública.Establecida esta premisa, a pregunta resulta pertinente:a partir de agora, por qué temos que aceitar como verídico todo o que se nos diga dende a Moncloa?
 
O rescate que Rajoy converteu en tomate é o síntoma dun virus que está destruíndo os equilibrios ate agora existentes no corpo social.A confianza é o ben mais escaso do momento actual.No sistema económico desapareceu hai tempo, vítima da lóxica dominante que impón a consecución do beneficio privado por riba do respecto que debe merecer a propia existencia digna das persoas.No sistema político, o comportamento dos gobernos está acelerando a perda da calidade democrática do mesmo e coloca serias interrogantes sobre a fasquía que adoptará no futuro. 
 
Hai outros rescates urxentes que agardan na axenda pública:a recuperación do benestar social e a rexeneración da democracia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.