O Concello de Santiago dotará de fibra óptica ao centro histórico

A xunta de goberno local dá luz verde á renovación de nove autobuses urbanos e un estudo de diagnose sobre os muros de Fontiñas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2019 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago iniciou un proceso para a selección de propostas de cara á instalación de redes de fibra óptica no centro histórico da capital galega.

Así, o goberno santiagués aprobou unha convocatoria aberta para solicitar, durante un período de dous meses, propostas de operadores para o desenvolvemento da rede de fibra óptica na zona vella compostelá.

Catedral de Santiago de Compostela
Catedral de Santiago de Compostela | Fonte: EP.

Segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a inicitiva conta co apoio do Concello, a Xunta e a Amtega e nace dunha guía de boas prácticas para a instalación de fibra óptica en zonas de especial protección.

Este catálogo analiza o caso de Santiago de Compostela e define as propostas que permitirían desenvolver a rede co menor impacto sobre o patrimonio a través da instalación con trazado por cornixa, o soterramento ou empregando as redes de saneamento.

AUTOBUSES URBANOS

Así mesmo, a xunta de goberno tamén deu luz verde á renovación de nove autobuses do servizo de transporte urbano da cidade que, nestes momentos, presenta un estado "deficitario" con vehículos cunha antigüidade de "15 anos de media", segundo indicou Bugallo.

Ademais, tamén este luns, o consistorio someteu a información pública a estrutura dos custos do servizo do transporte urbano, un "trámite" previo á licitación do concurso do novo contrato, que o concello prevé iniciar a comezos do próximo ano.

Por outra banda, o goberno local elaborará un estudo para o diagnóstico e reparación dos muros de contención de titularidade municipal no barrio de Fontiñas.

Por último, a concesionaria dos centros socioculturais da cidade, a empresa Ferrovial, foi multada con 3.000 euros por "deficiencias" na prestación do servizo durante o ano 2018 e o primeiro semestre de 2019.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta