O Parlamento de Galicia deseñará actividades de divulgación da figura de Ricardo Carballo Calero

Será a figura homenaxeada no Día das Letras de 2020.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2019 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia deseñará proxectos divulgativos relacionados coa obra de Ricardo Carballo Calero, a figura que será homenaxeada no Día das Letras de 2020 e cuxa biblioteca está depositada na sede do Lexislativo galego.

Reunión para organizar actividades de divulgación da figura de Ricardo Carballo Calero
Reunión para organizar actividades de divulgación da figura de Ricardo Carballo Calero | Fonte: Europa Press

O presidente da Cámara, Miguel Santalices, reuniuse este martes coa filla do homenaxeado, María Vitoria Carballo-Calero Ramos, e coa exdeputada Pilar García Negro, profesora experta na obra deste autor.

No encontro, os presentes abordaron a participación da Cámara en diferentes iniciativas relacionadas co escritor. A reunión celebrouse na véspera do aniversario do nacemento de Carballo Calero (Ferrol, 30 de outubro de 1910 - Santiago, 25 de marzo de 1990).

En datas próximas, o presidente da Cámara manterá outras reunións deste tipo para continuar co deseño da programación.

O Parlamento de Galicia lembrou que a biblioteca persoal e o fondo documental atesourado por Ricardo Carballo Calero durante toda a súa vida está depositado no Pazo do Hórreo despois de que a Cámara adquirise este material en 1997. Unha vez catalogado, o Lexislativo galego púxoo a disposición dos investigadores e persoas interesadas na súa consulta.

Respecto diso, Miguel Santalices reiterou a "dispoñibilidade absoluta" do Parlamento de Galicia para facilitar o acceso aos fondos bibliográficos e documentais para facilitar o coñecemento desta figura clave na historia da lingua e a cultura galegas.

FONDOS

A biblioteca persoal de Ricardo Carballo Calero está catalogada desde o ano 2012 e integrada por 4.872 volumes e 197 títulos de revistas. A maioría dos libros gardan relación coa literatura e a lingüística, disciplinas nas que se centrou o labor profesional do homenaxeado.

O Parlamento de Galicia custodia tamén o arquivo persoal do autor, descrito en case 3.5000 entradas catalográficas. Polo momento, a visualización e descarga deste material está reservada á Intranet do Parlamento, pero é intención da Cámara facilitar o acceso universal e aberto aos diferentes materiais.

Ademais, o fondo documental está integrado por material diverso no que se inclúe manuscritos de propio autor e case 4.000 cartas, entre as que se atopan escritos de Fernandez da Rega, Montero Díaz, Parga Pondal, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Tomás Barros, Álvarez Blázquez, Rodrígues Lapa ou Sebastián Martínez Risco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta