Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2019 | Actualizada ás 11:39
A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) denuncia "saturación" nas consultas e esixe á Xunta que "asuma as súas responsabilidades" e dote o Sergas dos medios humanos necesarios para "evitar o colapso da sanidade pública" en Galicia.
Nun comunicado, CESM expresou, ademais, o seu "firme apoio á Declaración de Madrid", xurdida no seo do XIII Congreso Confederal desta Central Sindical para "salvar a Atención Primaria".
A Delegación de CESM Galicia denuncia tamén "a situación crítica e de abandono en que se atopa a Atención Primaria" por parte das administracións e fai un chamamento "para tomar medidas antes de que sexa tarde".
"O documento aprobado en Madrid deixa patente a situación límite na que se atopa a Atención Primaria desde que se impuxeron os recortes en 2009, o que levou aos médicos de familia e aos pediatras a consultas sobresaturadas e cuns tempos de dedicación tan escasos que pon en perigo tanto a seguridade do paciente como a saúde do médico, xa que os facultativos sofren unha presión e un desgaste profesional que incrementou exponencialmente os riscos psicosociais que padecen, como o demostra a proliferación de cadros de tensións e ansiedade", sinalou.
A delegada autonómica de Atención Primaria en CESM Galicia, Ascensión Yeguas, que formou parte da Mesa da súa especialidade no Congreso, explica que o que "antes se producía puntualmente, como é a saturación das axendas, hoxe é habitual e todo por unha falta de previsión e planificación na xestión".
CRÍTICAS
"Non podemos permitir que mentres os médicos de familia e os pediatras dobramos quendas, facemos intersubstitucións e temos axendas de 50 pacientes se faga campaña electoral anunciando superávit nas contas públicas da Xunta", criticou.
A portavoz sindical apunta que "xa é hora de pasar das palabras aos feitos e dos xestos á acción" e se deixen "a un lado maquillaxes como o dos novos órganos de dirección para coordinar Atención Primaria e Atención hospitalaria e se poñan ao choio para que, a curto prazo, melloren considerablemente as condicións laborais destes facultativos e, a medio e longo prazos, aumenten as prazas MIR".
Ademais, destaca, "os médicos de familia e os pediatras deben ter unhas condicións laborais homoxéneas en toda España e equipararse aos países da nosa contorna europea", para así, apostila, "evitar a fuga de profesionais".
Tamén Ascensión Yeguas advirte de que nos próximos anos as xubilacións "serán máis numerosas", polo que "haberá que traballar con rigor e planificación tanto nas previsións de prazas MIR como nas incorporacións necesarias a persoal", xa que "pola contra, se non se actúa con visión de futuro, a situación farase insustentable e o Sistema Nacional de Saúde acabará caendo", advertiu.
A declaración aprobada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos reclama tamén das administracións e da sociedade "tolerancia cero coas situacións de violencia sanitaria que os médicos de Atención Primaria sofren".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.