Cineuropa proxectará 200 películas, 19 delas en estrea

A organización vai premiar a traxectoria de Emma Suárez, María Vázquez e Rita Azevedo

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2019 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

A edición número 33 de Cineuropa, a primeira baixo a dirección de Laura Seoane, programará entre os días 7 e 28 de novembro en Santiago de Compostela case 200 títulos, dos que 19 serán estreas en España, e premiará as traxectorias das actrices Emma Suárez e María Vázquez, así como da directora Rita Azevedo.

Así o recolle a programación completa de Cineuropa 2019, que se presentou este xoves en Santiago, nun acto no que se reiterou a vocación da cita de explorar a mirada feminina e o papel da muller no cinema, así como a diversidade de perspectivas.

A sección oficial estará composta por 103 películas, divididas en cinco categorías --Europea, Panorama Internacional, Docs Cineuropa, Latidoamericano e Animaeuropa, que se estrea este ano--, mentres que as restantes, ata rozar as 200, dividiranse en seccións paralelas, que lembrarán traxectorias como as de Agnès Varda, Chantal Akerman ou Jonas Mekas e analizarán cuestións de actualidade como o cambio climático ou o feminismo. Un total de 17 títulos serán galegos, entre os que se sitúan as estreas de cintas como 'Arima', 'Longa Noite' ou 'Eroski Paraíso'.

Como é tradición, este ano volverá celebrarse o clásico maratón de cinema, que será o 22 de novembro baixo o título 'Ou mundo contra min', centrándose na figura do antihéroe, con cintas como 'El crack' e 'El crack dos', de José Luís Garci, 'Jesus Shows you the way to the highway', de Miguel Llansó, 'Tank girl', de Rachel Talalay ou 'The man who killed Hitler and the bigfoot', de Krzykowski.

O festival abrirase o 7 de novembro no Teatro Principal cunha gala de inauguración na que se entregará o premio Cineuropa á actriz galega María Vázquez, tras o que se proxectará a película 'Ema', de Pablo Larraín, integrante da categoría Latidoamericano.

Presentación da edición número 33 de Cineuropa. CINEUROPA
Presentación da edición número 33 de Cineuropa. CINEUROPA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta