O Supremo cifra en 72 millóns o negocio de contrabando de tabaco supostamente dirixido por 'Nené' Barral

Tiña ramificacións en China, EE.UU. e Emiratos Arabes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/11/2019 | Actualizada ás 22:49

Comparte esta noticia

Un auto do Tribunal Supremo calculou nuns 72 millóns de euros o negocio de contrabando de tabaco dirixido supostamente por José Ramón 'Nené' Barral, exrexidor de Ribadumia, como parte dunha organización criminal con conexións en Estados Unidos, China e outros países a nivel internacional.

O texto, que resolve unha cuestión de competencia a favor do Xulgado Central de Instrución nº6 da Audiencia Nacional, aborda e detalla diversas cuestións sobre a investigación, inciada pola xuíza Pilar de Lara, desta operación e mesmo aborda as ramificacións, conexións e 'modus operandi' da rede para transportar a mercadoría.

A través das dilixencias de investigación practicadas, nas que interviñeron tanto o Servizo de Vixilancia Aduaneira, UDYCO e OLAF, constatouse a existencia "dunha organización criminal perfectamente estruturada" dedicada ao contrabando de tabaco en España por diferentes vías e ao branqueo de capitais.

Os membros desta organización estaban dirixidos por 'Darío' (pseudónimo co que se refiren ao xefe da rede, supostamente Barral) e levaba a cabo as súas actividades a través de colectores por distintas vías de introdución (americana, Grega, asiática).

As dilixencias apuntan tamén a orixe das distintas partidas, os colectores contendo tabaco aprehendidos (Sines, Portugal; Barcelona e Valencia), durante os anos 2011, 2012 e 2013 e as razóns para atribuír a súa importación á organización investigada. "Considérase que os feitos están a ser cometidos por unha organización, con membros en distintos lugares de España e diferentes países e que a defraudación cometida repercutiu de forma grave na economía nacional e prexudicado a unha xeneralidade de persoas".

Nené Barral (centro), chegando aos xulgados de A Parda
Nené Barral (centro), chegando aos xulgados de A Parda | Fonte: © Mónica Patxot en pontevedraviva.com.

A tal fin, "enuméranse os distintos colectores aprehendidos, clasificados segundo as vías utilizadas, valorando os paquetes intervidos" e faise referencia "á complexidade da investigación desenvolvida tendo en conta as dilixencias practicadas e os países aos que houbo que enviar comisións rogatorias", a existencia de indicios claros da comisión de delitos de contrabando de tabaco, falsedady branqueo de capitais, levados a cabo por unha organización criminal.

Así, descríbense "numerosas operacións importantes de contrabando de tabaco", utilizando colectores transportados por vía marítima ata os portos de Barcelona, Valencia e Sines (Portugal). Unhas tiveron lugar "directamente desde os Estados Unidos" (Miami), outra vía Grecia, e en terceiro lugar por Emiratos Árabes -Dubái- e China -Hong Kong-. "Para levar a cabo o contrabando de tabaco, falsificáronse múltiples documentos. O importe total do tabaco importado ilegalmente, supera os 72 millóns de euros", indica o documento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta