O sol brilla igual para todos

Esta historia é verídica. É unha ensinanza dunha cativa de ensino primario. Primario, si. Pero que resulta insultantemente actual. Dunha actualidade noxenta cando un non deixa de quedar pampo cos prexuízos, non xa prexuízos, senón co racismo lingüístico aplicado dende un xulgado de Vigo.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 25/06/2012

Comparte esta noticia
Porque Vigo, que un saiba, é parte de Galiza e aínda que sexamos poucos, algúns indíxenas galegofalantes quedamos. Non vivimos recluídos en reservas estilo indios ianquis. Hai xente que reside no Berbés, en Teis, en Santiago de Vigo, en Bouzas, Saiáns, Lavadores, Zamáns ou Coia que falamos galego. Que si, que si: galego. Ga-Le-Go, Ga-a-l-ego que di o Puto Coke.
 
Mentres agardaba por un amigo, mestre nunha escola de Pontevedra, paseei polo corredor da zona de primaria. Na parede penduraba a “Árbore da lingua”, un traballo co gallo do Día das Letras Galegas. Esa árbore tiña mazás e en cada mazá ía unha historia.
 
Todas as pezas tiñan un título por fóra. Linas. Detívenme nunha que puña: “A miña avoa fala galego”. Abofé que a curiosidade levoume a lela.
 
A cativa relataba os paseos que decote daba coa súa avoa pola aldea e como lle gustaba falar con ela. Pero confésanos que a avoa fala galego e ela inglés. Mentres pasean miran obxectos que van nomeando en cadansúa lingua. Así cando ao fondo miran un animal, peludo e que ladra a señora di “can” e a rapaza di “dog”. Coido que a señora ensínalle o galego á pícara e esta o inglés á avoa. 
 
Así van paseando: “ceo”, “sky”; “mazá”, “apple”... E chego á derradeira páxina dese minirrelato e atopo algo parecido a isto: “A miña avoa mira unha luz ao fondo, que ilumina e dá claridade. Ela chámalle sol. Eu chámolle “sun”. Pero o sol brilla igual para todos”.
 
Cando un le esta verdade, que por ser tan certeira algúns deben esquecela, e observa o analfabetismo dunha persoa do xulgado de Vigo, pensa no camiño que aínda nos queda por diante para ensinar, formar e educar a tanto desleigado e racista.
 
Lévana clara! Sóbranos alento, forza e saúde para conseguilo. Como din os de Pontevedra, hai que roelos!!!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Martínez González Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)