Galiza, cousa distinta

Se cadra hoxe o máis facil, ou o que nos pide o corpo e a cabeza a tódolos galeguistas, nacionalistas e patriotas de toda caste e forma é pedir o voto para a única candidatura galega que se presenta a estas eleccións xerais.

Por Serxio María | Compostela | 06/11/2019

Comparte esta noticia
Máis iso paréceme demasiado sinxelo, demsiado desprovisto da complexidade que conleva un proceso como decidir a quen se lle quere votar. Votar é tanto como dicir “confiar”, ter confianza nun proxecto que as elites políticas expoñen ante nós, coa vontade de persuadir. Polo tanto un que se sabe na súa condición de humilde cidadán non pode pedir o voto.
O que si podo e debo facer é persuadir, convencer, facer converxer a miña visión do mundo coa túa. Podemos se o queres ver así, entaboar un diálogo mental, entre o que ti pensas e o que eu penso, para tratarmos de enfiar un razoamento común. 
 
O primeiro que che teño que dicir e que eu penso que Galiza pode máis, que este país ten capacidade de xerar máis benestar, máis emprego e máis riqueza para os seus fillos. Creo que nesto estaremos dacordo, pero tamén convirás conmigo e que o “poder” como ter capacidade de algo, é pura potencialidade, tanta se cabe como lle falta ás forzas políticas propias do país. 
 
Querer é poder, sempre me ensinaron meus pais dende pequeno, sobre todo naqueles momentos en que a vida me puña algún pequeno atranco, paralelamente a esa ensinanza engadían, “fillo, nós podemos axudarte, máis iso telo que facer por ti mesmo”. Igualmente de iso te quero convencer hoxe. De que o futuro de Galiza terémolo que facer por nós mesmos.
E que estamos debatendo algo tan importante como ser “cousa distinta”. Moitas veces cando se fala do caracter diferencial de Galiza, querese ver detrás disto, revanchismos ou supremacismos ou incluso afáns diferenciais… nada máis lonxe da realidade. Ao igual que dous irmáns se poden querer con fraternidade, de seguro que ambos quererán manter a súa identidade e espazos propios. Igualmente Galiza, sempre célula de universalidade, debería estar no mundo como o que é, un suxeito colectivo de seu, co seu propio ser e vontade nacional.
 
Para ser polo tanto “cousa propia”, Galiza ten que existir por si mesma en tódolos ámbitos, e nestes días de campaña ficou claro que Galiza so existe nos nosos corazóns, mais non nas cámaras lexislativas onde se aproban as leises e regulamentos que han guiar o noso futuro como cidadáns. Estes días estivo Cataluña, imbuida do xa tradicional circo mediático contruido en col do procés, que na praxe está a servir como revigorizante do chovinismo español máis carca e iracundo. Tamén estivo Euskadi, coa prosa falada sempre sosegada e acaida do voceiro do sentido común; Aitor Esteban, e ate de fondo albiscamos a escoitar o ruxe ruxe de Canarias, País Valenciano ou a Cantabria indomábel de Revilla, e por suposto estiveron as xa cansinas dúas Españas. Farían ben tódolos españois en porse dacordo para unir o seu país, e ver se que a España que queren é a de Abascal e Casado ou a de Sánchez e Iglesias, e moi logo de ter resolto ese debate transcendental, mirar de convencernos aos galegos, vascos e cataláns de que debemos seguir convivindo, iso sí, entre iguais.
 
Quen ficou claro, que non está, nin se lle agarda é Galiza. Semella que os galeguistas/nacionalistas, somos uns pobriños choromingóns que nos adicamos a tocar a moral da xente de orde coas mesmas consignas de sempre, “e que Galiza non está”, “e que Madrid leva sistematicamente esquecendose nós”, “e que a nosa clase política está fondamente colonizada polas dinámicas de Madrid”… pero esta campaña ven a ser como un efecto “SanTomesiano”, que coma o santo bíbloco tivemos que chegar a esta campaña para ver que o único partido que cita a Galiza nos debates, é o único que non ten presenza no país, o PNV (salvando a sempre benefactora intervención no peche do noso televisivo Xabier Fortes).
 
Creo que chegados a este punto, ti xa terás elaborada unha idea do que está pasando e do que pode pasar este 10 de Novembro. Xa para rematar quero chamarte a treflexión sobre un aspecto. 
 
Desta o PP non é o PP, nin o PSOE é o PSOE, desta o PSOE é o PP, e o PP é garantía dun goberno con VOX e Cs que se encargarán de facer todo o posible para que a Galiza sitio distinto, como se entitulaba o programa que nos 90 presentaba na TVG Antón Reixa, sexa desta Galiza sitio controladao, castrado e alienado.
 
Se ti queres, NÓS esa verba tan fermosa que acolle no súa triple grafía a todo o pobo galego, aínda podemos, por que querer é poder. Non o esquezas.

Ánimos coa bandeira galega para Pablo Rodríguez Guede.
Ánimos coa bandeira galega para Pablo Rodríguez Guede. | Fonte: @pablorguezguede
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serxio María Rodríguez Naceu en Ourense hai 22 anos. Actualmente estuda Dereito e Ciencias Políticas na USC. Interesado nos eidos da Teoría Política, os sistemas de partidos e o dereito constitucional, así como os distintos procesos políticos que ocorren en todo o mundo e especialmente en Galicia e Europa. Identificado cunha liña de pensamento galeguista, foi fundador en 2018 da asociación de estudantes Irmandade Galega Universitaria, de orientación nacionalista, da que actualmente é vicepresidente e representante no claustro da USC.