A ruleta galega, cooperación e competición

Unha vez máis Feijóo lanzou a bola na ruleta da imprevisibilidade, mentres a boliña viraba no fulgor acompasado dunha oposición máis fragmentada que nunca. O político dos Peares continuaba observando o xogo dende o seu cómodo sillón de coiro en Monte Pío. Na mesma escena Rueda e Diego Calvo, sostiñan o chaquetón e o paraugas do presidente, mentres Baltar observaba a xogada coa prudencia de quen sabe apostar as súa fichas ao cabalo gañador. E sí, a ruleta frenou en seco no número 5 de abril, e a oposición perdeu case tódalas fichas.

Por Serxio María | | 25/02/2020

Comparte esta noticia

Foi Ana Pontón a máis intelixente nesta partida? Porsuposto que si. A líder frentista xogaba co capital máis pequeno dos apostantes, e decidiu preservar o seu couto patrimonio para xogalo unha vez vista a aposta do pearense.

A aposta final terá lugar o 5 de abril de 2020, polo camiño Feijóo xa gañou o primeiro pulso. Foi quen de nunha semana e a rebufo do lendakari Urkullu, convocar eleccións e reposicionarse como candidato á Xunta no balbordo dos aplausos dos seus fans de partido. E é que o maior valor do pearense, é a súa imaxe de gañador invicto. Se algo é o Partido Popular, cun plus en Galicia, é un partido de cargos públicos invictos, noutras palabras de políticos profesionais.
Xoga pois coas mellores cartas. A maquinaria temíbel do PPdeG xa se engraxa preparándose para triturar de novo ao bloque do cambio. A “razón de partido” pesa moito máis que as inquinas persoais, a diferencia da esquerda en Galicia. Se se trata de gañar, a dereita é capaz de pasar do insulto e a ironía ferinte, ao abrazo fraterno e a ironía romántica, e ben o sabemos en Ourense.

Veremos pois un replegamento das elites históricas do país e da dereita política en col de Feijóo. VOX xa está dando visos de que prefire renunciar ao dogma que perder a fe. E levantará o pe do acelerador para que Feijóo se erga victorioso. E é que na dereita xa se deron conta de que só unidos, poden aloumiñar as cadeiras azuis do Horreo.

Namentres no bloque do cambio, coma sempre, cada quen xoga a súa propia partida. O BNG aínda está a curar as feridas de Amio, que algúns ven hoxe como unha auténtica purificación das toxinas que impedían a pureza corporea e espiritual da fronte capitaneada pola UPG. O novo rostro do BNG, é o dunha forza acorazada e máis cohesionada que nunca. Isto xoga a prol dun dos principios do éxito político, o de “organización”, na UPG coñecen como en ningures que sen disciplina non hai paraíso, e a disciplina esixe renunciar ao segundo principio do éxito político a “amplitude ideolóxica”. Este BNG ten moi claro quenes son os seus amigos e referentes, e aínda así, está disposto a liderar un goberno alternativo en Galicia.

Dende o PP saben isto, e xogan interesadamente coas “enquisas do medo”, axoutando ao votante máis temperado do PSdeG, cara as súas filas, fronte ao risco dun goberno capitaneado ou amplamente participado polos socios galegos de EH Bildu e as CUP.

O BNG debe gardarse, moi moito de non xogar esta partida co PP, se non quere cronificar a tecnocracia neoliberal catro anos máis a fronte da Xunta.

Respecto ao PSdeG, cun liderado renovado enfróntase ao peculiar carisma “feijoniano” que agora é sinónimo de indignación co pagamento de débedas a Galicia xeradas polos gobernos de Rajoy-Montoro, que disque daquelas non indignaban ao dos Peares.
 
Co vento favorábel dun goberno progresista en Madrid e amábel en canto á política territorial e afán reformista, o aroma do cambio que se respirou nas Xerais en Galicia, deixa fora de toda dúbida que o PSdeG liderará o bloque do cambio nestas eleccións galegas, a pesar dos embates, que recibirá por parte das forzas que están a súa esquerda.

Intelixentemente Caballero debe de apelar ao votante máis centrista e autonomista do PP. O punto forte dos socialistas galegos é a política social, maltratada e esquecida nos gobernos de Feijóo. Nestas eleccións todo o bloque do cambio debe apelar a reedificación do estado de benestar galego, da sanidade e da educación, da atención a dependencia, os servizos no rural e a universidade pública como grandes desfeitas do Xestor dos Peares. Se o PSdeG é quen de situar un discurso nidiamente socialdemócrata e galeguista, o bloque do cambio poderá avanzar sobre a masa de votantes de Feijóo e rascar un par de deputados aos “populares”.

Como telón de fondo o espectáculo lamentábel dunha esquerda rupturista que negocia as listas antes que o programa. E que finalmente integrará aos derrotados nacionalistas altermundistas que en 2012 con Beiras e unha Esquerda Unida inexistente no país, obtiñan un 14% dos votos e 9 deputados. Hoxe as enquisas prevén que os rupturistas obterán en torno a 4 deputados, repartidos salomónicamente aos “vellos” partidos que viñan a facer a nova política.

Así os de Pablo Iglesias e Yolanda Díaz, despídense da idea das mareas cívicas, nas que eran os cidadáns e non os políticos quenes se auto-representaban. A máxima escenificación disto, é a dimisión de Luís Villares, que intelixentemente para el, e desafortunadamente para o país, volverá ao seu desemprego profesional, para que os vellos partidos da nova política poidan sacar tallada do que aconteza logo do 5 de abril.

Con este mosaico imos cara o 5 de abril, ese día Feijóo enfrontarase a un escenario máis que previsíbel no que poden suceder dúas cousas:

1. Que revalide a maioría absoluta por un feixe de votos, en pleno caos da oposición e cun BNG que venderá o seu resultado como un éxito político.
2. Que perda a maioría absoluta por un feixe de votos aínda máis pequeno, e o bloque do cambio poida configurar un novo goberno que afronte a crise dos servizos publicos e o desleixo autonomista de Feijóo.

Así pois, a oposición debe facer unha campaña en clave de cooperación fronte a previsibel dinámica de competición que algúns xa están practicando. Dúas cousas podemos ter claras: derrotar a Feijóo será unha Odisea, e que VOX e Ciudadanos terán deputados o mesmo día que ás pitas lle saian dentes.

Así pois, sorte, atino e que a boliña de Feijóo se pare no 37 o día da aposta final. Será a sorte de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serxio María Rodríguez Naceu en Ourense hai 22 anos. Actualmente estuda Dereito e Ciencias Políticas na USC. Interesado nos eidos da Teoría Política, os sistemas de partidos e o dereito constitucional, así como os distintos procesos políticos que ocorren en todo o mundo e especialmente en Galicia e Europa. Identificado cunha liña de pensamento galeguista, foi fundador en 2018 da asociación de estudantes Irmandade Galega Universitaria, de orientación nacionalista, da que actualmente é vicepresidente e representante no claustro da USC.